- Tematica
Este xoves, día 25, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de abril. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a ratificación de tres decretos da Alcaldía para a subsanación de deficiencias de proxectos de obras incluídas no POS+ 2024 (obras de seguridade viaria dende o Mercuto a Vilar; obras da senda de A Ponte Maceira a Carballo; e obras de humanización da praza da Curuxa). Tamén se abordará a ratificación dun decreto da Alcaldía sobre a corrección dun erro material no POS+ Adicional 1/2024. Por outra banda, debaterase o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz substituto/a do Concello de Ames, a terceira modificación do plan estratéxico de subvencións; e maila toma de coñecemento da renuncia ao cargo de concelleiro de David Santomil. Por último, trataranse dúas mocións políticas, unha moción do Partido Popular de Ames sobre a normativa dos galiñeiros de autoconsumo, e outra do BNG de Ames sobre o rexeitamento do proxecto da fábrica de celulosa Altri. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, de actas anteriores, correspondentes á sesión ordinaria do mes de marzo e ao pleno de debate do estado do pasado 17 de abril.
A continuación abordarase a ratificación de tres decretos da Alcaldía para a subsanación de deficiencias de proxectos de obras incluídas no POS+ 2024 (obras de seguridade viaria dende o Mercuto a Vilar; obras da senda de A Ponte Maceira a Carballo; e obras de humanización da praza da Curuxa). O Concello recibiu a comunicación dos servizos técnicos da Deputación da Coruña indicando a necesidade de corrixir cuestións de índole técnico, que non teñen transcendencia algunha no deseño das obras, nin nas funcionalidades das mesmas, nin no seu orzamento de execución.
Tamén se abordará a ratificación dun decreto da Alcaldía sobre a corrección dun erro material no POS+ Adicional 1/2024. Existe un erro no subtotal de gastos correntes así como na suma do gasto total. Por razóns de urxencia a corrección do erro material detectado realizouse a través de decreto da Alcaldía.
Elección de xuíz/a de paz substituto/a
Por outra banda, debaterase o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz substituto/a do Concello de Ames. O pasado 27 de marzo recibiuse comunicación da Secretaría de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na que participaba a vacante no posto de xuíz/a de paz substituto/a como consecuencia de que a xuíza de paz substituta fora nomeada xuíza de paz titular.
Deste xeito, haberá que aprobar, se procede, a convocatoria e as bases para a elección de xuíz/a de paz substituto/a. Examinadas as solicitudes presentadas procederase polo Pleno, por maioría absoluta, á elección de xuíz/a de paz substituto/a do Concello de Ames, propoñendo o seu nomeamento ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Terceira modificación do plan estratéxico de subvencións
Outro dos temas a abordar será a terceira modificación do plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames. O goberno pretende levar a cabo a terceira modificación do Plan para introducir novas liñas de axudas e reconfigurar outras vixentes, tras a entrada en vigor do Orzamento do Concello de Ames para o exercicio 2024. Deste xeito, preténdese minorar os importes para as anualidade 2024/2025 da subvención destinada á Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil de Ames (recóllese un importe para gastos de funcionamento, xa que non se consideran necesarios novos investimentos). Ademais, inclúese de novo a liña de axudas para a promoción de medidas preventivas mediante a plantación de frondosas caducifolias na rede de franxas secundarias de xestión de biomasa para o desenvolvemento do Plan de plantación para o período 2024/2025.
Tamén se pretende incrementar o importe das axudas de emerxencia social e renda social municipal ante a crecente demanda no exercicio 2023 destas axudas; e regularizar o importe previsto para as axudas as ANPAS (no exercicio 2024 e 2025 consignouse un importe de 40.000€ ao igual que no exercicio 2023. Este importe do 2023 debía facer fronte á convocatoria de dúas anualidades 2022-2023. No exercicio 2023 regularizáronse as convocatorias 2022-2023, polo que no 2024 e 2025 convocaranse soamente as do correspondente exercicio non sendo suficiente a consignación de 20.000 euros).
Na área de cultura recóllense as axudas en especie destinadas a asociación culturais ou veciñais e comisións de festas que realicen actividades orientadas á dinamización sociocultural existentes no concello de Ames. As asociacións e comisións poderán solicitarlle ao Concello, dentro da convocatoria establecida ao efecto, actuacións para determinadas actividades. O Concello previamente abrirá un prazo de inscrición para todos os grupos de música tradicional e corais non profesionais do concello de Ames fixando os importes de cada actuación. As asociación culturais ou veciñais e comisións de festas poderán solicitar actuacións dos grupos inscritos para as súas actividades. O importe previsto no orzamento para as actuacións ascende a 24.000 euros.
Na área de deportes introdúcese unha nova liña de axudas por importe de 10.000 euros para os exercicios 2024/2025. Estas axudas articularanse a través de bolsa que pretenden apoiar aos/as deportistas individuais de Ames, como medio para promover o deporte do municipio e, desta forma, conseguir logros deportivos para o Concello.
Na área de promoción económica introdúcese a liña premios destinados á promoción do comercio por importe de 5.000 euros (Canta e Baila con Ames), e a liña de premios de decoración de escaparates de Samaín por importe de 2.000 euros. Trasládase a anualidades as axudas para aceleración de proxectos audiovisuais que busca impulsar a produción e fomento do talento emerxente dinamizando o sector audiovisual (Ames AV-LAB), ao exercicio 2024.
Renuncia ao cargo de concelleiro de David Santomil
A continuación, o concelleiro do grupo municipal do BNG, David Santomil, dará conta da súa renuncia como concelleiro da Corporación municipal.
Apartado de mocións
Por último, trataranse dúas mocións políticas, unha moción do Partido Popular de Ames sobre a normativa dos galiñeiros de autoconsumo, e outra do BNG de Ames sobre o rexeitamento do proxecto da fábrica de celulosa Altri.
O Partido Popular de Ames presentará unha moción sobre a normativa dos galiñeiros de autoconsumo na que se solicita que se leve a cabo unha campaña de información no Concello de Ames dando a coñecer o contido do Real Decreto 637/2021, de 27 de xullo, polo que se establecen as normas básicas de ordenación das granxas avícolas, e en especial, en canto ao réxime de obrigas das explotacións reducidas (galiñeiros de autoconsumo).
Ademais, solicítase prestar asesoramento dende a Concellaría de Medio Ambiente a todos aqueles veciños e veciñas que teñan a necesidade de rexistrar as súas explotacións reducidas no Rexistro Xeral de explotacións gandeiras, axudándolles a cumprimentar o modelo normalizado para o seu rexistro e indicándolles a posibilidade de realizar o seu rexistro na oficina en materia de rexistro do Concello de Ames, dada a súa integración no Sistema de interconexión de Rexistros.
Por outra banda, o grupo municipal do BNG presentará por vía de urxencia unha moción sobre o rexeitamento do proxecto da fábrica de celulosa Altri. En dita moción solicítase que o Pleno do Concello manifeste o seu rexeitamento á instalación desta empresa pasteira que, a maiores dos danos previsibles para as persoas e o medio ambiente, pretende recibir uns 250 millóns de euros de fondos públicos para ser viable. Tamén se insta á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado a paralización deste proxecto, dentro das súas respectivas competencias.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El pleno amiense debatirá un incremento de presupuesto para ayudas de emergencia social"
El Correo Gallego: "El PP de Ames insistirá para que personal municipal ayude a inscribir los gallineros para autoconsumo de los vecinos"
Lindeiros: "Piden que Ames axude a legalizar os galiñeiros do concello"