Pestanas principais

O Pleno abordará a resolución da alegación presentada ao orzamento municipal de 2021

Martes, 20 de abril de 2021

A Corporación municipal debaterá este martes, 20 de abril, a partir das 20.30 horas, sobre a resolución da alegación presentada polo grupo municipal popular fronte ao acordo de aprobación inicial do orzamento municipal de 2021. Unha vez resolta dita alegación prevese aprobar de xeito definitivo o orzamento municipal. Este tema abordouse na comisión informativa permanente de Economía e Facenda e Especial de Contas celebrada o pasado 16 de abril. O pleno pódese seguir por streaming a través da páxina de directo do Concello de Ames.

A alegación presentada polo grupo municipal popular fai referencia a que no capítulo primeiro do orzamento municipal para o exercicio 2021, na partida 113.00, relativa aos ingresos polo imposto sobre bens inmobles de natureza, estímase unha recadación de 6.560.000 euros. Para a obtención de desta contía de ingresos por IBI urbana os servizos económico municipais tomaron como base os padróns do exercicio 2020 e aplicaron o tipo impositivo do 0,50% para bens inmobles de natureza urbana.

Dende o grupo municipal popular alegan que a previsión de ingresos contida na partida 113.00 deberíase de ter realizado aplicando un tipo impositivo do 0,44% sobre a base dos padróns do ano 2020. Polo conseguinte, xurde unha minoración na previsión de ingresos de 852.800, resultando porén, unha previsión de ingreso total polo IBI urbano de 5.707.200 euros, en vez dos 6.560.000 euros recollidos no orzamento municipal.  

No informe das técnicas municipais sobre dita alegación indícase que o tipo impositivo aplicable para o ano 2021 do imposto sobre bens inmobles de natureza urbana non é do 0,44%, senón do 0,50%, que é o recollido no texto integro da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles (IBI), aprobado na sesión de pleno do 15 de outubro de 2020 e publicado no BOP número 218, do 21 de decembro de 2020. Cómpre lembrar que no pleno do 15 de outubro de 2020 prestouse aprobación ao texto integro da ordenanza do IBI, onde se recolle expresamente que o tipo impositivo que se mantén é do 0,50% para os bens de natureza urbana, e modificouse o artigo 15 da ordenanza do IBI en materia de bonificacións.

Por último, indica o informe das técnicas municipais que cando o Concello aproba o orzamento para 2021 (na sesión plenaria do 11 de marzo de 2021) a ordenanza fiscal do IBI vixente nese momento (e na actualidade) é a aprobada no seu texto integro na sesión do 15 de outubro de 2020, que se publicou no BOP do 21 de decembro de 2020, por tal motivo se aplicou o tipo impositivo do 0,50% para bens inmobles de natureza urbana.

Salón de plenos.