Pestanas principais

O Pleno aproba de xeito inicial o maior orzamento municipal de Ames cunha cifra de 27.370.000 euros para o exercicio 2020

Venres, 21 de febreiro de 2020

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este xoves, 20 de febreiro, un pleno extraordinario no que a Corporación municipal aprobou de xeito inicial o orzamento municipal de Ames para o exercicio 2020. Deste xeito, adiantase nun mes a aprobación do presuposto respecto ao exercicio 2019 e en dous meses respecto aos orzamentos aprobados en 2017 e 2018. É o cuarto orzamento consecutivo que aproba a Corporación municipal do Concello de Ames dende abril de 2017. O orzamento de 2020 ascende a cifra de 27.370.000 euros, incrementando en 1.370.000 euros (5,29%) respecto do presuposto de 2019. Trátase do maior orzamento municipal aprobado no Concello de Ames. Recolle un forte compromiso nos capítulos de investimentos, desenvolvemento dos servizos básicos, e blinda as áreas de educación e servizos sociais.

O Pleno deulle luz verde á aprobación inicial do orzamento de 2020 co voto a favor dos 13 concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, mentres que os/as edís do grupo municipal popular e mailo concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, votaron en contra. O concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, abstívose. Deste xeito, apróbase o cuarto orzamento consecutivo dende o ano 2017, despois de que o presuposto de 2012 estivese prorrogado ata a entrada en vigor do presuposto de 2017.

O orzamento de 2020 alcanza a cifra de 27.370.000 euros, sendo o maior presuposto municipal de Ames. As principais áreas de gasto son servizos básicos (benestar comunitario) con 5.555.202,92 euros (20,30%); educación con 4.817.239,45 euros (17,60%); urbanismo con 2.386.505,90 euros (8,72%) e servizos sociais con 2.235.311,27 euros (8,17%). Estas catro áreas supoñen o 55% do orzamento, amosando o forte compromiso polos servizos públicos. Preme nesta ligazón para ver unha presentación do orzamento de 2020

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, foi a encargada, por parte do goberno municipal, de explicar as grandes cifras do novo presuposto. Genma Otero destacou que se trata “do maior orzamento que ten o Concello de Ames na súa historia superando a cifra dos 27 millóns de euros. Ano a ano fomos incrementando a cifra do presuposto municipal pasando dos 23.063.000 euros que nos atopamos en 2015 aos 27.370.000 euros deste exercicio 2020. Isto supón un incremento de preto de 4,3 millóns de euros, un 18,68%. Ademais, conseguimos adiantar os tempos na aprobación dos orzamentos, aprobando os dous primeiros nos meses de abril de 2017 e 2018, o terceiro no mes de marzo de 2019, e agora o cuarto no mes de febreiro”.

A concelleira de Economía e Facenda incidiu en que “é un orzamento que dá resposta ás necesidades dos veciños e veciñas de Ames e no que se fai unha forte aposta polos novos investimentos cunha partida de 5.110.000 euros e que blinda os servizos sociais e servizos de conciliación. Tamén é un presuposto saneado que contempla un escenario mínimo de débeda. A situación de estabilidade orzamentaria na que nos atopamos é a que nos permite seguir medrando ano a ano. E como non, é un orzamento participativo, como os anteriores, xa que a veciñanza amesá poderá volver a participar nunha nova iniciativa de Orzamentos Participativos”.

Intervención dos partidos da oposición
Por parte da oposición, o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, dixo que é positivo para o Concello de Ames aprobar un novo orzamento. Tamén lle agradeceu ao goberno municipal que se reuniran con Ciudadanos para poder presentar a súas propostas. Neste senso nomeou algunha das 14 propostas presentadas: dotar unha partida presupostaria para a gratuidade dos nenos e nenas que acoden as escolas infantís de 0 3 anos; reforzo da partida de promoción turística; creación dunha beca para os deportistas amesáns que máis destacan na súa disciplina; creación dunha aceleradora  pública de proxectos para fomentar a creación de emprego; e incremento dos contedores de reciclaxe no rural.

Oulego dixo “son propostas necesarias, pero que foron rexeitadas por parte do goberno municipal, polo que este é un dos motivos polos que votamos en contra de dito orzamento. Tamén votamos en contra porque este presuposto recolle unha suba da carga impositiva tralo aumento do IBI e do ICIO”.

O concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, comezou dicindo que “ter un novo orzamento é unha boa nova. Dende o ano 2017 ter un orzamento adaptado á realidade de Ames permitiu mellorar a tesourería municipal. Considero que é positivo para o concello que neste presuposto se inclúa unha partida para estudar a constitución dunha empresa pública para o servizo do Ciclo integral da auga. Tamén me alegro de que sexa un orzamento social e que a partida dedicada á área de educación vaia medrando e se aproxime ao 18% do total. O meu voto vai ser de abstención porque considero que dende Ames Novo non somos o pai nin a nai deste orzamento. Apoiamos os tres orzamentos anteriores por responsabilidade política e porque era necesario para a súa aprobación, pero neste caso vamos absternos”.     

Por parte do Partido Popular de Ames, o seu voceiro, Ramón García Argibay, dixo “nós fixemos varias achegas e non se tivo en conta ningunha. Este é un orzamento inflado,  imposible de cumprir, e que recolle unha importante suba dos impostos”. Tamén manifestou que o capítulo de investimentos que é de 5,1 millóns de euros é irrealizable e  incidiu en que no período de 2016 a 2019 o goberno municipal presupostou 17.846.000 euros en investimentos dos que executou 7.929.000 euros, representando un 44,43% do presupostado. Por último, dixo que este orzamento recolle as contías do goberno máis caro da historia de Ames.  

Principais áreas de gasto
O orzamento de 2020 recolle un importante reforzo da área de servizos básicos (benestar comunitario) cunha forte aposta de investimentos no rural e cun crédito total asignado de 5.555.202,92 euros, representando a primeira área en importancia cunha porcentaxe sobre o total do orzamento de 20,30%. Nesta área están incluídas, entre outras actuacións, diversas obras de saneamento, ligadas ao Ciclo Integral da Auga, por valor de 600.000 euros. Tamén se inclúe crédito para a elaboración dun Plan director do Ciclo Integral da Auga e o crédito necesario para realizar o estudo para a constitución dunha empresa pública de xestión do servizo da auga.

Ademais, está recollida nesta partida de servizos básicos a anualidade correspondente á subvención concedida polo IDAE, dentro do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, e financiada con fondos FEDER da Unión Europea, así como a partida que achega o Concello de Ames. O importe total da actuación ascende a 1.470.000 euros. En 2020 efectuarase un gasto de 174.000 euros (34.800 euros de fondos municipais e 139.200 euros de fondos FEDER). Desenvolverase un proxecto singular de aforro e mellora da eficiencia enerxética da iluminación do rural. Nesta partida orzamentaria de servizos básicos tamén están incluídas o resto de actuacións e investimentos en alcantarillado, abastecemento, limpeza viaria, recollida de residuos, alumeado público, etc.

Ames é un dos concellos galegos que máis inviste na área de educación aproximándose ao 18% do total do orzamento municipal. No presuposto de 2020 vólvese a reforzar esta área cun crédito total asignado de 4.817.239,45 euros, representando a segunda área de importancia no tocante ao crédito dentro do orzamento. Esta área representa unha porcentaxe do 17,60% do presuposto total, na que se inclúe a ampliación de prazas de comedor escolar, así como a mellora e reforzo dos servizos de conciliación e mailo deseño do proxecto da Cociña central.

Ademais, en dito presuposto continúan blindando a área de servizos sociais cun crédito asignado a área social e á promoción social de 2.235.311,27 euros (8,17%). Deste xeito, séguese a blindar a Renda social municipal e as axudas de emerxencia, incrementando esta renda ata os 200.000 euros, así como ampliando as horas de prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ampliando e reforzando os diferentes programas de servizos sociais como son os programas Amessán, Sanauga, etc.

O maior incremento con respecto ao exercicio 2019 é para as políticas de emprego, cun 63,2% máis. O Concello destinará 1,2 millóns de euros a subvencións e axudas, onde os Servizos Sociais suporán o 53% e o deporte e a cultura o 33,8%.

O 56% dos ingresos municipais recaen nos impostos e nas taxas, que se incrementan polo número de usuarios/as e pola modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalación e obras e maila ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles, que derivan nunha suba do ICIO e do IBI. Os ingresos correntes pola obtención de fondos doutras Administracións supoñen o 32% (8,7 millóns de euros) o que denota a capacidade do goberno municipal de conseguir fondos doutras Administracións.

Incremento do capítulo de investimentos
Ademais, faise un importante incremento na partida de investimentos (Capítulo VI) que acada a cifra de 5.110.000 euros, incrementándose nun 15,81% respecto do exercicio anterior. Inclúense un crédito de 1.400.000 euros para actuacións previstas no Plan Impulsa Ames, que se enmarca dento da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (EDUSI) do Concello de Ames. Dito proxecto está financiado con fondo europeos FEDER. Ditas actuación desenvolveranse nas áreas de mobilidade urbana, urbanismo e sociedade da información.

Asemade, faise un importante reforzo de investimentos en todas as áreas municipais: seguridade, vías públicas, alumeado público, parques e xardíns, medio ambiente, fomento do emprego, educación, cultura, instalacións deportivas, camiños veciñais, estradas, sociedade da información, comunicacións internas e patrimonio.

Cómpre tamén destacar que no plan de mantemento dos núcleos do rural investiranse 120.000 euros; para mellorar e ampliar o pavillón municipal de Bertamiráns elaborouse un proxecto plurianual cun importe de 500.000 euros (para este exercicio reservouse un crédito de 200.000 euros); para o arranxo das Casas da Cultura reserváronse 114.000 euros; para os anfiteatros e parques de calistenia existe unha partida de 92.000 euros; e para a posta en marcha dun espazo Coworking dedicaranse 500.000 euros.

Para a execución de diferentes actuacións do Plan Impulsa Ames, enmarcado na EDUSI, reservase unha partida de 119.000 euros para a realizar un estudo sobre o transporte municipal e o servizo de taxi baixo demanda; 500.000 euros para a creación da améndoa central en Bertamiráns; 100.000 euros para a segunda zona verde no Milladoiro; e 155.000 euros para a dotación de espazos e equipamento do Centro Xove.

Por último, hai que salientar o reforzo, mellora e ampliación dos servizos nas distintas áreas cunha dotación no Capítulo II que supera os 12.000.000 euros, representando un 44% do orzamento municipal, incrementando en 330.000 euros (2,83%) respecto do orzamento de 2019.

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames tendrá un presupuesto histórico de 27,3 millones de difícil ejecución"

Imaxe de arquivo do pleno ordinario do 30 xaneiro de 2020