Pestanas principais

O Pleno aproba de xeito inicial o maior orzamento municipal de Ames cunha cifra de 29.888.000 euros para o exercicio 2021

Venres, 12 de marzo de 2021

A Corporación municipal aprobou de xeito inicial o orzamento municipal de Ames para o exercicio 2021, nunha sesión plenaria extraordinaria que se desenvolveu de xeito telemático este xoves, 11 de marzo. Agora, dende a súa publicación no BOP, o documento orzamentario estará en exposición pública durante 15 días hábiles. É o quinto orzamento consecutivo que aproba a Corporación municipal do Concello de Ames dende abril de 2017. O orzamento de 2021 ascende a cifra de 29.888.000 euros, incrementando en 2.518.000 euros (9,20%) respecto do presuposto de 2020. Trátase do maior orzamento municipal aprobado no Concello de Ames. Recolle un forte compromiso en servizos básicos cunha partida para o novo contrato de limpeza viaria; e un incremento de crédito para as áreas de educación e servizos sociais, así como unha forte aposta polo investimento público.

O Pleno deulle luz verde á aprobación inicial do orzamento de 2021 co voto a favor dos 13 concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, mentres que os/as edís do grupo municipal popular e os concelleiros do grupo mixto, votaron en contra. Deste xeito, apróbase o quinto orzamento consecutivo dende o ano 2017, despois de que o presuposto de 2012 estivese prorrogado ata a entrada en vigor do presuposto de 2017.

O orzamento de 2021 alcanza a cifra de 29.888.000 euros, sendo o maior presuposto municipal de Ames. As principais áreas de gasto son servizos básicos (benestar comunitario) con 6.798.632,18 euros (22,75%); educación e conciliación con 5.565.436,51 euros (18,62%); servizos sociais con 2.595.160,44 euros (8,68%); urbanismo con 2.520.425,44 euros (8,43%); e administración xeral con 2.014.715,17 euros (6,74%). Estas cinco áreas supoñen o 65,22% do orzamento, amosando o forte compromiso polos servizos públicos. A sexta área en importancia dentro do orzamento é a de cultura e mocidade cunha partida de 1.438.918,36 euros (4,81%), seguida da área de seguridade e mobilidade con 1.348.412,80 euros (4,51%). De seguido, están as áreas de política económica e fiscal con 1.311.186,78 euros (4,39%) e maila área de deportes cunha partida de 1.197.481,97 euros (4,01%).

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, foi a encargada, por parte do Goberno municipal, de explicar as grandes cifras do novo presuposto. Genma Otero destacou “o incremento nun 9,20% respecto do presuposto de 2020, cun gran reforzo dos servizos básicos, que inclúe a partida para o novo contrato de limpeza viaria, ademais dun incremento de crédito para as áreas de educación e servizos sociais”. A concelleira de Economía e Facenda incidiu, igualmente, na “forte aposta que se recolle nos orzamentos polo investimento público”. Genma Otero aludiu tamén ás partidas que se recollen para os Orzamentos Participativos e destacou ante a crítica da oposición “o intenso e bo traballo dos servizos económicos do Concello para a elaboración duns orzamentos que non son ficticios, xa que contan con informe favorable de secretaría e intervención”.

A concelleira de Economía e Facenda destacou tamén que o orzamento municipal “é a ferramenta necesaria para traballar nun Concello e máis se cabe nestes momentos. Este goberno aposta polas políticas de inxección e investimento público, co obxectivo xeral de recuperar tecido económico. E, á marxe do orzamento e complementando o mesmo, implementáronse medidas no Plan de reactivación mediante suplementos de crédito, para facer fronte á situación da pandemia”.

Intervención dos partidos da oposición
Por parte da oposición, o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, dixo que recibiu o orzamento “con sorpresa e decepción, xa que se ninguén nos di que estamos en plena pandemia, non o creriamos. Non é un orzamento para esta ocasión e non vai a axudar a paliar a situación que estamos a vivir. É un documento continuista que non está amoldado á situación de pandemia e cunha elevada presión fiscal, que non axuda á cidadanía”. Oulego dixo tamén botar de menos “liñas de axuda para sectores específicos”. 

O concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, comezou dicindo que “este novo orzamento achega moi pouca novidade”, despois de repasar o proceso de aprobación dos últimos catro orzamentos en Ames. Quique Costas incidiu en que “non vemos un salto, un cambio nas contas respecto a 2020, e na situación actual iso nos preocupa moito. Un orzamento serve para definir políticas de gasto, pero tamén para definir políticas fiscais. En materia de ingresos non hai ningún cambio e non se sabe cal é a política fiscal deste goberno. Con respecto ao IBI, non ten xustificación manter o tipo impositivo e tampouco vexo progreso nos orzamentos participativos”.

Os dous concelleiros do Grupo Mixto, José Ramón Oulego e Quique Costas, tamén preguntaron polas consecuencias que para o orzamento podería ter a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na que se desestima o recurso de apelación interposto polo Concello de Ames contra a sentenza do 22 de setembro de 2020, ditada polo Xulgado Contencioso Administrativo número 2 de Santiago de Compostela, no procedemento de protección do recursos fundamentais presentada polos concelleiros e concelleiras do Partido Popular de Ames ante a convocatoria do Pleno Extraordinario e Urxente do 28 de decembro de 2019.

E sobre esa sentenza, precisamente, xiraron as intervencións do Partido Popular de Ames. O seu voceiro, Ramón García Argibay, dixo ser “unha sorpresa traer a debate o orzamento municipal unha vez coñecida a sentenza, xa que foi un documento que se confeccionou antes da mesma. Tamén nos sorprende que o alcalde non dimita e non se inmute por celebrar hoxe este pleno”. Sobre o documento en si, dixo que “é ficticio, irrealizable, con cifras artificiais e non beneficia á veciñanza. O orzamento é un ‘bluf’ e, ademais, ten unha carga fiscal moi alta”. García Argibay falou, ademais, das medidas que presentaron ao documento que “foron dez e non se tiveron en conta, e moitas delas enfocadas á redución do tipo impositivo de varias ordenanzas. Tamén presentamos outras relativas á seguridade ou urbanismo”.

Sobre a sentenza, a concelleira de Economía e Facenda, Ganma Otero, dixo na súa última quenda de intervencións que “estamos agardando a que se informe xuridicamente a mesma e, cando se vexan as consecuencias, daremos toda a información ao respecto”.

Principais áreas de gasto
O Orzamento de 2021 recolle un importante reforzo da área de servizos básicos (benestar comunitario). Esta área contará cun crédito total de 6.798.000 euros, incrementando en 1.243.000 euros, nun 22,38%, o crédito asignado respecto do Orzamento de 2020. esta segue sendo a primeira área en importancia dentro do total do Orzamento Municipal representando un 22,75%. Dentro de dita área recóllense partidas para novas actuacións e investimentos en alcantarillado; abastecemento; para o novo contrato de limpeza viaria con ampliacións de zonas e frecuencias (1.064.000€ cun aumento de crédito asignado a este servizo do 46%); para a recollida e tratamento de residuos cun crédito asignado de 1.140.000€ (subida dun 25%); para o plan de limpeza no rural; e para a mellora da eficiencia enerxética na iluminación do rural do concello de Ames.

Ademais, increméntase o crédito na área de educación, que contará cunha partida de 5.565.000 euros, incrementando en 748.000 euros (15,53%) respecto do ano 2020. A área de educación segue a ser a segunda en importancia no tocante ao crédito dentro do orzamento cun 18,62% de porcentaxe respecto do total do orzamento 2021. Dentro de dita área recóllense actuacións de ampliación, mellora e reforzo dos servizos de conciliación e incremento do crédito asociado ao servizo de comedores, que xa acada os 1.119.000 euros, cun incremento de 282.000€ (33,69%) respecto do ano 2020, un novo plan de mantemento de centros cun crédito de 85.000 euros e outras actuacións de reforzo.

A terceira área en importancia dentro do Orzamento de 2021 é a de servizos sociais, que representa un 8,68% do total. Deste xeito, apóstase pola blindaxe da área social cun crédito asignado de 2.595.000 euros (8,68%). Increméntase o crédito en 360.000 euros (16,10%) respecto do Orzamento de 2020. Dentro de dita área increméntase con 230.000 € (15% de subida) a  Renda social municipal e axudas de emerxencia. Ademais, amplíase en 10.200 horas máis ao ano a prestación do programa de Axuda no Fogar, así como incremento das axudas ás entidades socias sen ánimo de lucro cunha cantidade orzamentada que pasa de 40.000€ a 60.000€ de axudas.

Tamén se amplía o crédito para reforzar os diferentes programas de servizos sociais: Amessán, Sanauga, transporte adaptado, actividades para os maiores, etc. Cómpre destacar que se vai habilitar unha partida de 94.113,67 euros para a rehabilitación dun edificio público como vivenda social. Esta actuación enmárcase dentro da EDUSI Impulsa Ames.

Incremento do capítulo de investimentos
O Goberno municipal tamén destaca que se vai facer unha forte inxección de fondos públicos en investimentos (Capítulo VI) que conta cun crédito de 6.164.000 euros, a maior cifra de investimentos dos últimos 10 anos, incrementando en 1.050.000 euros nun 20,54% respecto do exercicio 2020. Nestas partida de investimentos inclúense importantes actuacións previstas na EDUSI Impulsa Ames por importe de 1.802.000 euros en diferentes áreas: Urbanismo con 839.000 euros para a creación da améndoa central en Bertamiráns; Servizos sociais co deseño e implantación dun programa de inserción de colectivos e a rehabilitación dun edificio público como vivenda social con 94.000 euros; e Transporte urbano coa posta en marcha dun transporte municipal sostible cun crédito de preto de 650.000 euros.

Inclúese tamén os investimentos incluídos no POS+2021, por importe de 1.168.000 euros, no que se inclúen varias obras nas áreas de Vías públicas, Deportes, Estradas, Camiños veciñais e Cultura.

Tamén cómpre destacar fortes investimentos na área de pavimentación e vías públicas; melloras en accesibilidade; cambio de todo o alumeado público do rural cun investimento neste ano de 1.156.000 euros; dotación de mobiliario para o Coworking “A Proa”; reforma do Centro de formación ocupacional; ampliación de instalacións deportivas no pavillón de Bertamiráns, cun crédito de 215.000 euros; e outras instalacións deportivas; obras en camiños veciñais; actuacións tamén na área de Administración Xeral (dixitalización do arquivo do departamento de Urbanismo) e patrimonio municipal, con obras de acondicionamento e reforzo de locais; e actualización do inventario municipal.

O orzamento recolle o reforzo, mellora e ampliación dos servizos nas distintas áreas cunha dotación no Capítulo II, que acada os 12.840.000 euros, representando un 42,96% do total do orzamento municipal, incrementando en 817.900€ (6,80%) respecto do orzamento 2020.

Orzamento que reforza o emprego público
O orzamento municipal de 2021 apuntala e reforza o emprego público, acadando o crédito asignado ao Capítulo I, de Persoal, a cifra de 9.331.000 euros, representando o 31,22% do orzamento municipal, incrementando a cifra en 455.000 euros (5,12%) respecto do anterior presuposto.

Ademais, refórzase a contratación en áreas básicas como son a área Económica, coa contratación dun adxunto/a de intervención; a área de Promoción Económica coa contratación dunha auxiliar e unha administrativa de apoio para a tramitación das axudas e subvencións asociadas ao Plan de Reactivación e ao PEL Reactiva; e maila área de Servizos Sociais coa contratación de un/unha auxiliar administrativo/a e dous/dúas asistentes/as sociais para reforzo do departamento e tramitación das axudas sociais. Inclúese nesta área 15.000 euros para desenvolver un Plan de formación, e 30.000 euros para as adecuacións retributivas da segunda fase de negociación da RPT.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames aprueba 29,9 millones de presupuesto sin aplicar la rebaja del IBI que dictaminó el TSXG"

El Correo Gallego: "Suben los salarios y el IBI en los presupuestos para Ames"

Lindeiros: "Ames aproba os orzamentos con críticas pola presión fiscal e preguntas sobre que pasará co IBI"

Revista AmesGo: "Ames aproba o seu maior orzamento municipal"

Imaxe do pleno telemático

Multimedia

  • Imaxe do pleno telemático