Pestanas principais

O Pleno aproba de xeito inicial o orzamento de 2023 que se achega aos 30 millóns de euros

Xoves, 22 de decembro de 2022

A Corporación municipal aprobou de xeito inicial o orzamento municipal de Ames para o exercicio 2023, nunha sesión plenaria extraordinaria que se desenvolveu este mércores, 21 de decembro. Agora, dende a súa publicación no BOP, o documento orzamentario estará en exposición pública durante 15 días hábiles. Trátase do sétimo orzamento que se aproba de xeito consecutivo e nesta ocasión antes de comezar o ano 2023. O orzamento xeral de 2023 ascende á cifra de 29.725.000 euros. Trátase dun orzamento no que se aposta polos servizos básicos que segue a ser á area de maior gasto con 6.047.000 euros (20,34%), seguida de educación con 5.569.000 euros (18,74%) e servizos sociais e promoción social cun crédito asignado de 3.137.000 euros (10,55%). Premendo nesta ligazón podes ver o vídeo do pleno extraordinario sobre o orzamento de 2023.

O Pleno deulle luz verde á aprobación inicial do orzamento de 2023, que ascende á cifra de 29.725.000 euros. A orde do día recollía dous puntos. O primeiro foi a aprobación inicial do orzamento xeral do Concello de Ames para o exercicio 2023 que foi aprobado co voto a favor dos 13 concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, mentres que os/as edís do grupo municipal popular e mailo concelleiro do grupo mixto, Jose Ramón Oulego, de Ciudadanos, votaron en contra. O concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, abstívose. Deste xeito, apróbase o sétimo orzamento consecutivo dende o ano 2017. Nesta ocasión aprobouse antes de final do ano co obxectivo de que entre en vigor ao comezo de 2023.

O segundo punto da orde do día foi sobre a aprobación da masa salarial do persoal laboral para o exercicio 2023 que ascende a 4.240.000 euros. Este punto tamén foi aprobado co voto a favor dos 13 concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e dos dous concelleiros do grupo mixto, Jose Ramón Oulego, de Ciudadanos, e Quique Costas, de Ames Novo. Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular votaron en contra. Aínda que a orde do día recollía dous puntos o debate fíxose de xeito conxunto.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, foi a encargada, por parte do Goberno municipal, de explicar as grandes cifras do novo presuposto. Genma Otero destacou a importancia de poder aprobar o orzamento de 2023 antes de rematar o ano e que se trata do sétimo orzamento consecutivo que se aproba. “Dende o Goberno municipal estamos moi satisfeitas de seguir elaborando ano tras ano esta ferramenta que nos permite desenvolver todas as políticas públicas. Estamos a falar dun orzamento de preto de 30 millóns de euros que medra nun 3,55% (1.018.000 euros) respecto do orzamento 2022. Dende que aprobamos o primeiro orzamento no ano 2017, ano tras ano estamos incrementando as partidas das distintas áreas de gasto co obxectivo de ampliar os servizos que ofrecemos. Este goberno dende a aprobación do seu primeiro orzamento en 2017 aumentou o gasto corrente en 3.500.000 euros. O gasto corrente practicamente se executa na súa totalidade todos os anos, alcanzando un nivel de execución elevado en canto á prestación de servizos. O Concello é principalmente un prestador de servizos, polo que non pode ser doutro xeito, temos que tratar que ir incrementando os servizos que prestamos”.

Sobre o capítulo VI de investimentos dixo que "recolle 800.000 euros de fondos propios e o resto de investimentos serán financiados con fondos europeos, da Deputación da Coruña e fondos estatais. Neste orzamento seguimos blindando as tres principais áreas de gasto que consideramos prioritarias que son servizos básicos, que dá cobertura a maior parte das demandas de toda a cidadanía amesá porque inclúe servizos tan básicos como limpeza viaria, saneamento, alcantarillado, mantemento do rural e dos parques e xardíns, etc. A segunda área en importancia é educación, reforzaranse os servizos de conciliación e estase preparando un novo expediente de licitación para o servizo de mantemento dos centros educativos. A terceira área en importancia e servizos socias, que é unha area pola que este goberno sempre apostou. No resto de áreas tamén se incrementan as partidas. Estamos falando dun capítulo dous de gasto corrente de bens e servizos de 14.760.000 euros, que representa o 50% do gasto do orzamento municipal. Todo isto prodúcese sen ter que subir os tipos impositivos de taxas e prezos públicos”.

Intervención dos partidos da oposición
Por parte da oposición, o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, quixo felicitar aos servizos económicos municipais e ao goberno municipal por traer a pleno os orzamentos antes de rematar o ano. “Comprobouse que era posible aprobar os orzamentos dentro do ano natural, algo que levamos solicitando catro anos. É unha mágoa ter que agardar a un ano preelectoral para comprobar que efectivamente era posible”.

Sobre os orzamentos Oulego dixo “non compartimos este orzamento, non son as nosas contas, nin reflicten as políticas nas que nós creemos. Outro ano máis atopámonos cuns orzamentos continuistas. Non facilitan a vida dos nosos veciños. Volven a incidir nunha inminente presión fiscal nun contexto claramente inflacionista. Este é un momento para baixar os impostos. Nós sempre apostamos por baixar os impostos á cidadanía pero máis nun momento como este. Ademais sempre pedimos que se diminuíran os reparos e que se frease o abuso dos contratos menores, pero isto xa parece ser marca da casa. Impostos altos e contratos a dedo. Ata o informe de Intervención reflexa que non hai planificación do gasto. Vostedes non planifican, para que despois non haxa que facer suplementos de crédito”. Para rematar dixo que “diminúese o investimento en benestar social, faise unha previsión de ingresos irreal e diminúe nun 19% os ingresos doutras administracións”.

O concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, tamén destacou que “estamos no mes de decembro e estamos debatendo os orzamentos de 2023 algo que sen dúbida é unha boa nova. Son uns orzamentos excesivamente continuistas respecto dos anteriores porque varios proxectos que estaban pendentes de executar respecto hai tres ou catro orzamentos atrás seguen sen executarse. Iso fai que non poida apoiar estas contas. Boto en falta a concreción de promesas que se anunciaron. Nesta contas non hai nada sobre a humanización da avenida de Rosalía de Castro, sobre os equipamentos deportivos do Milladoiro anunciados, e tampouco unha aposta seria para a municipalización do ciclo integral da auga. Tamén boto en falta un investimento forte e decidido para a implantación do servizo de transporte municipal”.  

A voceira do Partido Popular de Ames, Oliva Agra, tamén felicitou polo traballo feito aos servizos económicos e de secretaria. A continuación dixo “despois de escoitar á concelleira de Economía e Facenda creo que vostede vive nun mundo distinto aos dos veciños e veciñas de Ames. Como xa dixeron os meus compañeiros seguen a liña dos orzamentos dos anos anteriores. Nós fixemos unha serie de achegas, pero non se recolleu ningunha, ao igual que pasou o ano pasado. Son uns orzamentos inflados e imposible de cumprir. Aumenta un ano máis a presión fiscal, aumentan taxas e maila recadación por impostos directos e indirectos. A suba do IBI iniciou unha senda do crecemento da recadación municipal”.

Oliva Agra tamén incidiu en que “non adican nin un só euro para que os veciños poidan participar neles polo que desaparecen os orzamentos participativos. No capítulo 6 recóllense unha serie de investimentos que ata vostedes saben que non se van executar porque dos sete anos que levan gobernando tan só executou unha media do 52% de media. Tampouco hai un só euro para a piscina deportiva do Milladoiro, que se ía licitar antes de final de ano. En definitiva, son uns orzamentos de propaganda e marketing, uns orzamentos irreais nos que se esquecen do máis importante que ten un concello que son os veciños e veciñas. Estes non son os orzamentos do Concello de Ames, senón que son as contas dos grupos políticos do PSOE, BNG e Contigo Podemos”. Rematou dicindo que “son os orzamentos de moitos contos e poucas contas”.

Resposta do Goberno municipal
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, dixo na súa última quenda de intervencións, que “non houbo aumento nin de impostos nin de taxas e prezos públicos dende a entrada deste goberno en 2015. Incluso se diminuíu o ICIO a un 2,5, polo que non aumentou a presión fiscal senón que baixou. O que se incrementou foi o capítulo 2 de gasto corrente en 3.500.000 euros dende o primeiro orzamento aprobado por este goberno. Non é o mesmo incrementar a presión fiscal que a recadación fiscal”.

Por último, o alcalde de Ames, Blas García, agradeceu o traballo do persoal municipal da área de Servizos Económicos e da concelleira de Economía e Facenda “pola elaboración destes sétimos orzamento porque é un traballo pouco visible pero moi importante. Tamén hai que poñer en valor que este ano conseguimos aprobalos antes de rematar o ano”. Por último, destacou que “os orzamentos recollen un investimento de máis dun millón de euros a través do próximo POS que se vai a dedicar a obras no rural amesán”.

Principais áreas de gasto
O orzamento ascende á cifra de 29.725.000 euros, medrando nun 3,55% (1.018.000 euros) respecto do orzamento 2022. Segundo o Goberno local continuase incrementando o orzamento ano tras ano e consolidando ese incremento co compromiso de reforzo e ampliación dos distintos servizos prestados polo Concello nas distintas áreas de gasto e continuando co esforzo inversor con fondos propios, que acompañan aos investimentos financiados con fondos europeos, subvencións estatais e fondos procedentes da Deputación da Coruña.

A principal área de gasto segue a ser Servizos Básicos nos que se recollen, consolidan e reforzan melloras e investimentos en rede de sumidoiros, abastecemento ligados ao Ciclo Integral da Auga, co desenvolvemento do novo contrato de limpeza viaria e posta en marcha do punto limpo móbil. Tamén se recolle a continuación e reforzo do Plan Rural de mantemento das zonas rurais. Tamén a implantación da nova licitación do contrato de xardinería e mantemento de parques e xardíns, investimentos e actuacións na renovación do alumeado público. Esta área contará cun crédito total de 6.047.149,40 euros porcentaxe que representa un 20,34% do total do orzamento municipal no 2023.

A segunda área con maior gasto é a de educación na que tamén se incrementa o gasto. Nesta área nos últimos dous anos houbo que realizar diversos cambios, debido á pandemia da Covid, que supuxeron un incremento do gasto. Deste xeito, continuase co reforzo e ampliación dos servizos de conciliación. Ademais, neste orzamento recóllese a posta en marcha dun novo servizo de licitación de mantemento de centros educativos. Esta área contará cun crédito total asignado de 5.569.000 euros, representando un 18,74% do total do orzamento municipal.

Os servizos sociais e de promoción social seguen sendo a terceira área en importancia do orzamento municipal cun crédito asignado de 3.137.000 euros, incrementando respecto do 2022 a súa porcentaxe de representación dentro do orzamento pasando dun 9% ao 10,55% do total. Continuase a priorizar e protexer esta área cun aumento do crédito de 580.000 euros respecto do ano 2022, reforzando a contratación de persoal para a tramitación das Renda Social e Axudas de Emerxencia, así como coa posta en marcha este ano da nova licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) con melloras no servizo, ampliación de horas e actualización salarial, actividades para maiores (Amessan), Transporte adaptado, actividades de dinamización dos locais dos maiores, mantemento das axudas para as entidades de iniciativa social, así como reforzo do novo servizo de atención temperá etc.

Capítulos de gasto
O orzamento de 2023 blinda a prestación e mellora dos servizos. Refórzase, mellórase e amplíanse os servizos (recollidos no Capítulo 2) nas distintas áreas cunha dotación que acada os 14.766.000 euros representando un 50% do total do orzamento municipal, incrementando en 1.297.825,11 euros (10%) respecto do orzamento 2022. Destaca o incremento de 363.000 euros na partida de servizos sociais, concretamente no servizo de axuda a domicilio, incrementándose as horas de prestación do servizo, actualización salarial e as melloras que se recollen na nova licitación, así como actividades de dinamización dirixidas aos maiores a través do programa Amessan, etc.

Tamén se incrementa respecto do orzamentado no ano 2022 o crédito en 116.000 euros na partida de limpeza viaria coa nova licitación que se puxo en marcha e 113.000 euros de incremento no programa Plan Rural Ames de actuación de labores de limpeza e mantemento no rural, así como 104.000 euros de incremento para mantemento de parques e xardíns e mantemento das zonas axardinadas que se licitará no 2023.

No ámbito educativo houbo tamén un incremento de 100.000 euros respecto do orzamento do 2022 para a limpeza e aseo dos centros educativos e escolas unitarias, e incrementouse en 50.000 euros o crédito para servizos complementarios de educación, aumentando en 45.000 euros o crédito asignado a mantemento de parques infantís e centros educativos. Tamén se incrementa respecto do 2022 en 80.000 euros o crédito asignado á promoción da actividade comercial e para o deseño da Axenda Urbana en 48.000 euros.

Capítulo I de persoal
Por outra banda, trátase dun orzamento que segundo o Goberno municipal apuntala e reforza o emprego público, acadando o crédito asignado ao Capítulo I de persoal a cifra de 11.042.467,86 euros que representa o 37,15% do orzamento municipal. Increméntase a cifra en 1.173.00 euros (11,89%). Recóllese o incremento do 2,5% da suba salarial prevista na Lei de Orzamentos xerais do Estado para o 2023.

Outras aspectos a destacar do Orzamento de 2023 son que se reforza a contratación en áreas básicas como son Urbanismo, Servizos Sociais, Promoción Económica, Medio Ambiente e Persoal. Ademais, recóllese para adecuacións retributivas singulares un crédito de 60.000 euros trala negociación do Capítulo I cos representantes dos traballadores na negociación coa Mesa Xeral de Negociación. Tamén se incrementan en 140.000 euros dentro do Capítulo I o crédito asignado a horas extras e gratificacións e substitucións.

Investimentos públicos
No capítulo de investimentos públicos (Capítulo VI) contarase cun crédito inicial de 2.577.000 euros, que representa un preto dun 9% do orzamento municipal. Este crédito inicial de investimentos reais verase incrementado coas incorporacións de remanentes de crédito das actuacións e investimentos que están pendentes de executar da EDUSI (2.650.000 euros) e do Plan Ames Progresa (2.770.000 euros), acadando un total de investimentos durante o ano 2023 de preto de 5.420.000 euros. Estas incorporacións no 2023 farán que os créditos de investimentos reais superen a contía consignada no orzamento e se sitúen preto dos 8.000.000 euros.

Destacan dentro do capítulo de investimentos as obras aprobadas recentemente do POS +2023, que ascende a un total de 1.126.600 euros, e que inclúen obras en estradas e camiños veciñais e maila mellora da iluminación do parque empresarial do Milladoiro por importe de 70.218 euros. Parte da contía do POS+2023 destinarase tamén a gasto corrente (100.000 euros) e ao POS Social 157.700 euros, destinado a gastos de persoal na área servizos sociais e axudas emerxencia.

Inclúese investimentos importantes como as obras de beirarrúas na avenida da Maía, financiadas a través dun convenio coa Deputación Coruña de 301.000 euros; obras do Ciclo Integral da Agua por 300.000 euros; investimentos EDUSI de dinamización e modernización comercial e fomento do emprego e emprendemento por 213.613 euros; programa EDUSI de inserción de colectivos desfavorecidos e accións adicadas a inserción por 199.613 euros; renovación da iluminación pública e substitución de luminarias baixo consumo en Bertamiráns, 153.000 euros, etc.

Imaxe do pleno extraordinario sobre o orzamento de 2023

Multimedia

  • Imaxe do pleno extraordinario sobre o orzamento de 2023
  • Imaxe do pleno extraordinario sobre o orzamento de 2023
  • Imaxe do pleno extraordinario sobre o orzamento de 2023
  • Imaxe do pleno extraordinario sobre o orzamento de 2023
  • Embedded thumbnail for