Pestanas principais

O Pleno aproba inicialmente a ordenanza reguladora da ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e elementos comerciais

Mércores, 30 de decembro de 2020

O Salón de Plenos da Casa do Concello acolleu este martes, 29 de decembro, a sesión plenaria ordinaria do mes de decembro, última de 2020. A Corporación municipal aprobou inicialmente a ordenanza reguladora da ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e elementos vinculados á actividade comercial e hostalería con fins non festivos. Tamén se aprobaron o resto de temas que se debateron na sesión, como a terceira modificación do contrato asinado con Urbaser SA, para a xestión da limpeza viaria e do punto limpo, e a quinta prórroga do contrato asinado con esta empresa polo prazo de 6 meses; a creación da Comisión especial de queixas, suxestións e reclamacións; a incorporación ao inventario municipal dun camiño de Firmistáns desafectado anteriormente; e o Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais.

A aprobación inicial da ordenanza reguladora da ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e elementos vinculados á actividade comercial e hostalería con fins non festivos saiu adiante cos votos a favor do grupo de goberno e dos concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos, e a abstención dos concelleiros/as do grupo municipal do PP. Dende todos os grupos salientouse a necesidade de ter esta ordenanza, á vez que se puxo de manifesto a súa amplitude e complexidade. Dende o goberno local destacouse o traballo do servizo municipal de Urbanismo, coa elaboración da proposta logo de manter diversas conversas coas asociacións afectadas e os grupos políticos municipais.

O texto foi sometido ao trámite de consulta pública e durante dito período presentouse unha suxestión por parte da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA). Dita suxestión non foi estimada polos argumentos expostos pola asesoría de urbanismo, pero si se realizou un cambio respecto do texto inicial no que se refire ao prazo de vixencia das licenzas. Trátase de manter o período anual no prazo de concesión das licenzas facéndoo coincidir co período do ano natural agás o primeiro ano da solicitude da solicitude que coincidirá co período comprendido entre a data da efectiva concesión e o fin do ano natural na que foi concedida. O grupo municipal do PP xustificou a súa abstención ao manifestar que diversas suxestións presentadas pola formación non foran recollidas no documento final.

Servizo de limpeza e xestión do punto limpo
Cos votos a favor do grupo de goberno e do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, e a abstención dos concelleiros/as do Partido Popular e de Ames Novo, Quique Costas, aprobouse tamén a terceira modificación do contrato asinado con Urbaser SA, para a xestión da limpeza viaria e do punto limpo, e a quinta prórroga do contrato asinado con esta empresa polo prazo de 6 meses. No Pleno do 29 de setembro de 2016 o Pleno acordou a modificación do sistema de prórrogas do contrato con Urbaser. Deste xeito, acordouse establecer 4 prórrogas polo prazo dun ano. Tendo en conta a última prórroga aprobada no pleno do 22 de novembro de 2019, o contrato estende a súa vixencia ata o 14 de xaneiro de 2021. Agora, aprobouse unha segunda modificación do sistema de prórrogas que pasaría a ser de 6 meses e que supón a terceira modificación do contrato. Deste xeito, aprobouse a quinta prórroga do contrato asinado con Urbaser polo prazo de 6 meses, que íría do 15 de xaneiro de 2021 ata o 14 de xullo de 2021.

Comisión de queixas, suxestións e reclamacións
A Corporación municipal aprobou por unanimidade a creación dunha Comisión especial de queixas, suxestións e reclamacións, tal e como se recolle no Regulamento orgánico municipal de participación cidadá. Dita comisión estará integrada por representes de todos os grupos municipais de forma proporcional a súa presencia no Pleno e co mesmo criterio que as comisións informativas permanentes.

Por outra parte, aprobouse de xeito definitivo a desafectación dun camiño público de 162,82 metros cadrados de superficie situado no lugar de Firmistáns, na parroquia de Bugallido. Asemade, farase a recepción formal de dito camiño desafectado e incorporarase ao inventario municipal de bens do Concello de Ames. O punto saiu adiante cos votos a favor do grupo de goberno e dos concelleiros do grupo mixto, e a abstención dos concelleiros/as do grupo municipal do PP, quen se amosou a favor da desafectación do camiño aínda que manifestou certa problemática coa incorporación ao inventario municipal.

Plan de prevención e defensa contra incendios forestais
Por último, a Corporación municipal aprobou por unanimidade o Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do Concello de Ames, elaborado en coordinación entre os técnicos municipais e polo persoal de Servizos Agrarios Gallegos SA (SEAGA), como resultado da adhesión do Concello de Ames ao convenio de colaboración subscrito entre a Xuta de Galicia, a FEGAMP e SEAGA en materia de prevención e defensa contra incendios forestais. Con anterioridade xa existía un Plan de prevención e defensa elaborado no ano 2009 ao abeiro do convenio de colaboración coa Consellería do medio Rural. Unha vez finalizada a tramitación foi informado favorablemente pola Dirección Xeral de defensa do monte da Xunta de Galicia.

 
Pleno 29 decembro 2020