Pestanas principais

O Pleno aproba a modificación do Regulamento de venda ambulante do Concello de Ames

Sábado, 03 de setembro de 2011

[03-09-2011] Este xoves celebrouse en Ames o Pleno ordinario correspondente ao mes de agosto, que pasou ao primeiro xoves hábil do mes de setembro debido a que agosto é considerado mes de período vacacional. O Pleno aprobou cos votos do grupo municipal popular e cos do grupo socialista a modificación do Regulamento de venda ambulante do Concello de Ames. O concelleiro responsable da área de Comercio e Promoción Económica, Bernardo Moar, explicoulle aos grupos municipais que a modificación consta de dotar dun novo mercado ao núcleo do Milladoiro e ampliar o de Bertamiráns á Praza da Maía. A iniciativa de Moar conta co apoio de comerciantes, asociacións de vendedores ambulantes e da Mesa Local de Comercio. Outro dos cambios que introduce esta modificación é que o período de vixencia das autorizacións pasa de ser un ano a tres. Moar explicou que a partir de agora controlará persoalmente a asistencia ao mercado para que todos os postos que non asistan con regularidade sexan cubertos polos que están en lista de agarda; do mesmo xeito, aqueles que se ausenten principalmente por viaxes deberán informar da duración de dita ausencia para que o posto poida ser cuberto tamén con postos da lista de agarda.

O edil de Promoción Económica e Comercio, Bernardo Moar, introduciu dentro da modificación dúas propostas do BNG, unha delas é que quedará clara a prohibición de tapar entradas a vivendas e comercios e a outra consiste en recoller dobremente, pois xa está establecido no regulamento, que a asistencia ao mercado debe facerse con asiduidade e comunicándolle ao Concello as ausencias temporais debidamente xustificadas.

A concelleira nacionalista, Olaia Alvite, explicou que os nacionalistas non están de acordo co feito de darlle prioridade aos postos que xa están establecidos no mercado de Bertamiráns porque pensan que será repetir o mesmo mercado, pero noutra localidade e nun día distinto. O BNG tamén explicou que só entende que o mercado de Bertamiráns se amplíe á praza da Maía se isto supón unha continuación do que xa existe e se o visitante non ten que romper o seu percorrido. Para os nacionalistas o lugar onde se vai desenvolver o mercado do Milladoiro tampouco é o sitio máis idóneo.

A concelleira socialista, Lidia Rey, manifestou que o seu grupo ve necesaria a fórmula proposta por Moar e tan só preguntou se para participar no novo mercado do Milladoiro se conta coa lista de agarda de Bertamiráns.

Bernardo Moar asegurou que se conta coa lista de agarda de Bertamiráns para participar no Milladoiro e dixo tamén que esta lista de agarda medrou nos últimos meses. Moar explicou que el entende o mercado como un todo, é dicir, entende que "falamos do mercado de Ames" e explicou que a diversidade xa queda garantida ao acoutar o número de postos dun mesmo produto. Moar dixo que o feito de darlles prioridade aos comerciantes de Bertamiráns é tamén un xeito de premiar o esforzo que levan realizando estas persoas durante anos para sacar adiante este mercado.

Finalmente, o concelleiro de Comercio explicou que haberá novidades no mercado do Milladoiro con respecto ao de Bertamiráns, e que se amplía o de Bertamiráns á praza da Maía. Estes cambios implican novos postos con características distintas, como a presenza de produtos de artesanía e de produtos tradicionais na praza da Maía en Bertamiráns.

Novas prazas de estacionamento no Milladoiro

En relación coa posta en marcha do mercado do Milladoiro, o grupo municipal nacionalista presentou unha moción por vía de urxencia para dotar a esta localidade de novas prazas de aparcadoiro gratuíto e colocar sinais no centro deste núcleo para que as persoas que non residen no Milladoiro atopen sen dificultade as zonas de estacionamento.

Dende o BNG amiense propúxose que o goberno municipal realice as xestións necesarias para que as parcelas baleiras que existen no S-14 se poidan dedicar a crear novas prazas de estacionamento público. Segundo a edil nacionalista, Olaia Alvite, isto garantiría o éxito do mercado do Milladoiro.

Por outra parte, o voceiro do grupo socialista, Carlos Fernández, indicou que ían apoiar esta moción porque no Milladoiro é preciso crear novas bolsas de estacionamento. "Cremos que unha mellor solución sería aproveitar a contorna da rúa do Agro do Medio, unha zona moi céntrica desta localidade, que se atopa entre o sector parcial S-14 e o S-15, xa que neste lugar poderíanse crear arredor de 120 prazas de estacionamento. Trátase dunha zona moi céntrica e que permitiría crear máis prazas que nas parcelas baleiras do S-14".

O voceiro popular, Ramón García Argibay, explicou que xa iniciaron as negociacións cos propietarios destas parcelas para crear novas zonas de aparcamento no Milladoiro. "Cando teñamos a proposta rematada traerémola ao Pleno para explicárllela aos/ás veciños/as de Ames. Aínda así saben que esta moción é moi complicada de executar porque carecemos de recursos económicos. Estamos buscando financiamento pero non é doado. Nós non imos apoiar esta moción porque xa estamos negociando coas empresas que dispoñen destas parcelas no S-14 do Milladoiro". Finalmente a moción foi rexeitada. Houbo dez votos en contra do grupo municipal popular e dez votos a favor dos concelleiros/as dos grupos municipais socialista e nacionalista. Ao existir empate contou dobre o voto de calidade do alcalde.

Prezos públicos deportivos

Noutra das mocións presentadas abordouse o tema dos prezos públicos deportivos que se aplicarán nas escolas deportivas municipais de cara ao curso 2011-2012. O encargado de presentar esta moción foi o concelleiro nacionalista Anxo Doval. Dende o BNG amiense achacóuselle ao grupo de goberno que se reunise cos grupos da oposición para presentarlle a suba das taxas das escolas deportivas despois que esta suba xa fose aprobada anteriormente en Xunta de Goberno Local. A proposta do BNG é que o Concello de Ames subvencione as escolas deportivas entre un 40 e un 60%. Dende o BNG tamén lle achacaron ao grupo de goberno que durante o mes de setembro os usuarios/as de menos de 18 anos teñen que pagar 24 euros e este pagamento ten que se efectuar nun só prazo.

Dende o grupo socialista, Patricia Conde, explicou que a súa proposta era a de ir subindo as taxas de xeito progresivo. Conde dixo que "o grupo socialista cree que o deporte é unha política social máis. No momento no que as escolas deportivas botaron a andar establecéronse uns prezos asumibles para que toda a cidadanía puidese participar nestas actividades. Dende a posta en marcha deste servizo existe un déficit, pero este gasto enténdese como un investimento en hábitos saudables e deportivos. Trátase dun déficit asumible para o Concello. Polo tanto, estamos en contra da subida das taxas que acordou o goberno municipal".

Por parte do goberno municipal interveu o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, que explicou "dende o goberno municipal estamos de acordo en que dende as escolas deportivas se debe fomentar os hábitos saudables e debe ser un beneficio para a veciñanza amiense, pero a suba que realizamos é de 2 euros ao mes. Os/as usuarios/as que participen nalgunha das actividades das escolas deportivas tan só pagarán catro euros ao mes por facer deporte".

Manuel Ferreiro continuou dicindo que "durante o ano pasado este servizo supuxo un déficit de 170.000 euros. Agora con esta suba nas taxas baixará o déficit a uns 100.000 euros como máximo. Estamos de acordo en que a suba se podía facer de xeito progresivo pero en pouco máis de dous meses de traballo que levamos ao fronte do goberno municipal é imposible levalo a cabo deste xeito", ademais dende o ano 2003 non se revisaron as taxas.

Esta moción foi rexeitada por maioría absoluta cos votos en contra dos concelleiros/as do grupo municipal popular e socialista, mentres que os concelleiros/as do grupo municipal nacionalista votaron a favor.

Control das comisións bancarias

O BNG amiense presentou outra moción para controlar as abusivas comisións bancarias. Este punto foi presentado pola voceira nacionalista Pilar Candocia, que explicou o contido da devandita moción, a través da cal se insta á Xunta de Galicia para que, á súa vez, inste ao goberno do Estado a tomar as medidas necesarias para que, mentres se manteña a situación de crise económica, se impida o incremento das comisións que aplican as entidades financeiras.

Nesta moción recóllense catro puntos para controlar as abusivas comisións bancarias. Eses puntos son realizar unha supervisión das comisións das entidades financeiras establecendo límites máximos por cada comisión en función de parámetros obxectivos que teñan en conta o custo real do servizo prestado; obrigar ás entidades financieiras a ofrecer de forma transparente o importe das comisións polos distintos servizos; aprobar de forma inmediata as normas legais precisas para evitar que por parte das entidades financeiras se manteñan o cobro abusivo en concepto de mantemento ou administración de contas correntes de aforro; e obrigar a devolver as cantidades interesadas en caso de persistir a devandita práctica.

Dende o grupo municipal socialista, Patricia Conde, explicou que estaba de acordo co sentir básico desta moción para que dende o goberno estatal se adopten as medidas oportunas.

Por parte do grupo de goberno interveu a concelleira de Medio Ambiente, Desenvolvemento Sostible e Sanidade, Eugenia Martín, que dixo "o grupo municipal popular apoia esta moción xa que atravesamos un período económico crítico e calquera cantidade que cobren as entidades bancarias repercute negativamente tanto nas economías familiares como nas PEMES". Despois das correspondentes intervencións, esta moción foi aprobada por unanimidade.

Fixación dos festivos locais

Nesta primeira sesión plenaria tralo período vacacional tamén se fixaron por unanimidade os festivos locais que ata o de agora viñan sendo o día da Ascensión e o día de San Xoán, pero este ano, por ser o primeiro festivo autonómico ao coincidir co día das Letras Galegas e o segundo un domingo, serán festivos o 19 de marzo, día de San Xosé, e o martes de Entroido.

Ademais, o alcalde deulle conta ao Pleno de que o goberno amiense non recibiu ningunha notificación por parte do Ministerio de Economía sobre o acordo tomado en xullo pola corporación pedindo unha demora para liquidar as contas do 2010. Tamén informou de que Augas de Galicia remitiu un informe favorable para edificar na área de planeamento Rego do Pasos Sur IV, polo que a parcela para construír a nova escola infantil municipal xa conta con todos os documentos requiridos.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Milladoiro pierde cien pisos por la renuncia de una promotora"
La Voz de Galicia: "El PP dice que gasta mil euros menos al día y la oposición discrepa de la subida de tasas"
El Correo Gallego: "PP y PSOE modifican el reglamento para crear el mercadillo de O Milladoiro"