Pestanas principais

O Pleno aproba a modificación inicial do regulamento da Rede municipal de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas

Venres, 26 de outubro de 2018

[26-10-2018] Este xoves, 25 de setembro, celebrouse o pleno ordinario correspondente ao mes de outubro no que a Corporación municipal aprobou de xeito inicial o regulamento da Rede municipal de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas. Ademais, aprobouse por unanimidade o convenio de colaboración nos traballos de delimitación do Camiño a Santiago da ría de Muros-Noia; a resolución de alegacións e aprobación definitiva da ordenanza para a protección dos camiños e vías públicas municipais; a adhesión á Asociación de entidades locais pola lingua galega; a aprobación do Plan normativo municipal; a aprobación do texto refundido do regulamento de bolsas de traballo do Concello de Ames e do texto refundido do Regulamento Orgánico Municipal (ROM); e unha proposta do goberno municipal a prol da regularización da educación social.

Mocións presentadas por vía de urxencia
Por último presentáronse dúas mocións por vía de urxencia. Na primeira, presentada polo grupo municipal Ames Novo, abordouse a constitución dunha sociedade mercantil municipal de servizos. Dita moción recollía dous acordos. O primeiro que o pleno do Concello de Ames manifeste a súa vontade de constituír unha sociedade municipal de servizos, sociedade mercantil de capital exclusivamente municipal, que vaia asumindo, de xeito progresivo, a xestión e/ou prestación de diversos servizos municipais, agora encomendadas a empresas privadas conforme finalicen as concesións e contratos de prestación en vigor, sempre de acordo cos procedementos legalmente establecidos.

O segundo para que o Pleno procedese, o máis pronto que fose tecnicamente posible, á adopción do acordo que poña en marcha o procedemento, incluíndo a designación da comisión que se establece no artigo 97 do RDL 781/86 para a elaboración da memoria preceptiva. Tralo correspondente debate, esta moción foi rexeitada co voto en contra dos concelleiros e concelleiras do Partido Popular e de Pacto por Ames. Os/as edís de Ames Novo votaron a favor, mentres os membros do goberno abstivéronse.

A segunda moción de urxencia, presentada polo BNG, foi de apoio ás persoas denunciadas por reclamaren a devolución do Pazo de Meirás. Esta moción foi aprobada co voto a favor dos membros do goberno e dos concelleiros/as de Ames Novo, mentres que os/as edís do Partido Popular e de Pacto por Ames votaron en contra. Deste xeito, acordouse expresar o apoio ás persoas que o pasado 30 de agosto de 2017 participaron nunha acción pacífica e simbólica de ocupación do Pazo de Meiras, co obxectivo de reclamar a intervención dos poderes públicos para recuperar un patrimonio que debe ser do pobo galego.

Ademais, a través desta moción recóllese manifestar o rexeitamento a respecto da demanda interposta pola Fundación Nacional Francisco Franco, Carmen Franco Polo e José Cristóbal Martínez Bordiú Franco contra 19 demócratas que participaron na citada ocupación pacífica e simbólica, e que son acusados de delitos de odio, contra o honor, danos e violación de morada; expresar a condena e rexeitamento do uso do Pazo de Meirás, por parte da Fundación Nacional Francisco Franco, para facer apoloxía do xenocidio fascista, da Ditadura e do Ditador, e en consecuencia demandar que se inicien accións encamiñadas á ilegalización da citada Fundación; e instar ao Goberno español a que inicie, de xeito inmediato, accións legais contra a propiedade do Pazo de Meiras, de acordo co informe histórico-xurídico elaborado a instancia da Deputación provincial da Coruña, e acordado por unanimidade do seu pleno, para que a administración lexitima para facelo poida recuperar como ben público o Pazo de Meiras, roubado ao pobo galego durante o réxime xenocida franquista.

Asociación de entidades locais pola lingua galega
Asemade, aprobouse, tamén por unanimidade, a adhesión á Asociación de entidades locais pola lingua galega e unha proposta de estatutos. A materia sobre a que versa o convenio é a promoción da lingua galega, materia de competencia municipal, tal e como resulta de da Lei de normalización lingüística de Galicia e lexislación de réxime local. A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, explicou que o que agora manifesta o Pleno é a vontade de adherirse a dita asociación, que previsiblemente se constitúa no vindeiro mes de xaneiro.

O Concello de Ames vén colaborando en proxectos como o Apego, o proxecto Enreguéifate, o certame Youtubeir@s ou o Club de Debate, que fomentan e dinamizan o uso do galego. O obxectivo da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega é promover a colaboración entre as distintas institucións para lograr unha xestión máis eficaz dos proxectos colaborativos en materia de lingua.

Modificación do regulamento da rede municipal de comedores escolares
Por outra banda, aprobouse, de xeito inicial, a modificación do regulamento da Rede municipal de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno e dos grupos municipais do Partido Popular e de Pacto por Ames, mentres que os concelleiros/as de Ames Novo abstivéronse.

O pasado 8 de outubro emitiuse unha proposta de modificación de dito regulamento, na que se propón a modificación do artigo 22 e do anexo III e que consiste en non vincular as prazas ocasionais ás dispoñibilidades de prazas de emerxencia social, senón á dispoñibilidade de prazas de usuarios que utilizan o servizo menos de 5 días a semana.

Ademais, modifícase o baremo de puntuación outorgando máis peso (como ocorre nas escolas infantís) á situación de ocupación dos pais e nais. Tamén se establece que a situación económica valorarase en base aos datos do exercicio fiscal máis recente que estea en disposición de ofrecer a AEAT á data establecida de presentación das preinscricións. Está modificación do regulamento conta co apoio da comunidade educativa do concello.

Proposta a prol da regularización da educación social
O colectivo de educadoras e educadores sociais, así como outras cidadás e cidadáns, teñen presentado multitude de solicitudes de petición de regularización da profesión de Educación Social a través dunha lei. Deste xeito, dende o goberno municipal instan á Xunta de Galicia á regularización da profesión da Educación social en Galicia a través dunha Lei Galega de Profesionalización da Educación Social. Tamén instan á presidencia do Goberno de España a desenvolver unha Lei de regularización da profesión de Educación Social, a nivel estatal. Esta proposta foi aprobada por unanimidade.

O pleno ordinario de outubro estivo presidido pola primeira tenente de alcalde e alcaldesa por delegación, Genma Otero, debido a que o alcalde, José Miñones, atópase de baixa temporal. En primeiro lugar, Genma Otero achegoulle ao Pleno a información periódica correspondente ao terceiro trimestre de 2018. Deste xeito, informou que o período medio de pago a provedores está en 8,62 días, moi por debaixo do que marca a lei que son 30 días. A continuación, aprobáronse por unanimidade as actas dos plenos celebrados o 27 de setembro e mailo 10 de outubro, así como os textos refundidos do regulamento de bolsas de traballo e do Regulamento Orgánico Municipal (ROM). Este trámite realizouse despois dos cambios aprobados en ambos regulamentos. O texto refundido do ROM e do regulamento de bolsas de traballo, comprende a redacción inicial e a modificación que se ten producido.

O seguinte punto da orde do día foi a resolución de alegacións e aprobación definitiva da ordenanza para a protección dos camiños e vías públicas municipais. Este tema tamén saíu adiante por unanimidade. No pleno do pasado 28 de xuño prestouse aprobación inicial a dita ordenanza. O acordo de aprobación inicial foi sometido a exposición pública polo prazo de 30 días hábiles. Durante dito prazo de exposición pública presentouse unha única alegación, a subscrita por Elier Ojea Ureña en nome e representación da Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Maderas de Galicia. Agora, o Pleno desestimou as sete alegacións presentadas pola FEARMAGA e aprobou, de xeito definitivo, dita ordenanza, coa única modificación de engadir un apartado sexto ó artigo 4.

Plan normativo municipal 2019
En outubro de 2016 entrou en vigor a Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), momento dende o que é obrigatoria a aprobación do Plan normativo municipal. O obxectivo estratéxico desta nova planificación normativa na esfera local é aumentar a transparencia, reforzar a seguridade xurídica, facer predicible o ordenamento xurídico municipal e poñer en valor a normativa municipal, ordenanzas e regulamentos, como instrumentos de modernización da administración local e de servizo á cidadanía. Trátase dun plan anual que ten carácter orientativo, pero non vinculante.

O Plan normativo supón un conxunto de previsións temporais informativas para á cidadanía e orientadoras da actuación dos funcionarios e órganos municipais. Non obstante, non ten carácter vinculante e o desenvolvemento práctico da actividade normativa pode sufrir alteracións con respecto ó contido no Plan normativo municipal. Dende un punto de vista temporal o plan é anual, pero a planificación normativa necesariamente ten que contemplarse desde un marco plurianual que excede dos límites temporais do ano natural. Débese ter en conta que o proceso de redacción e aprobación pode afectar a un ámbito temporal posterior ó ano natural ao que se refire o Plan normativo. Este punto saíu adiante por unanimidade.

Camiño Inglés pola Ría de Muros-Noia
Outro dos temas aprobados por unanimidade foi a adhesión ao convenio de colaboración entre os Concellos de Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago para a delimitación do itinerario cultural do Camiño Inglés a Santiago de Compostela da ría de Muros e Noia. O obxectivo é acadar o recoñecemento deste Camiño como ruta histórica e posteriormente a súa declaración oficial como Camiño de Santiago.

Para o Concello de Ames este proxecto ten un enorme interese xa que sería o único concello de Galicia en contar con tres rutas Xacobeas no seu territorio, xa que por Ames xa discorren tramos do Camiño Portugués e do Camiño Fisterra- Muxía. Para este fin o Concello de Ames tería que facer unha achega de 1.679,82 euros, a través dunha única anualidade e sendo esta de carácter puntual. O importe total que teñen que facer todos os Concellos é de 18.148,79 euros.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames cambia la normativa de los comedores para bajar la lista de espera"
Lindeiros: "O regulamento de comedores e a participación en distintas iniciativas centraron o pleno de Ames "
Compostela 24 horas: "O Concello de Ames modifica o regulamento da Rede municipal de comedores escolares e dalle máis peso á situación de ocupación dos pais e nais"
El Correo Gallego: "Ames modifica el baremo de sus comedores y prima la ocupación de los padres"
Lindeiros: "Rexeitado o intento de Ames Novo de crear unha empresa para municipalizar servizos "
La Voz de Galicia: "Ames prevé una demanda de dos mil plazas de comedores escolares dentro de diez años"