Pestanas principais

O Pleno aproba as modificacións na área de planeamento Rego dos Pasos Sur IV, onde o goberno valora situar a escola infantil

Sábado, 30 de xullo de 2011

[30-07-2011] Ames celebrou onte o segundo Pleno dende o cambio de goberno tras as eleccións municipais do pasado mes de maio. O Pleno aprobou cos votos a favor do grupo de goberno e do PSOE a modificación do estudo de detalle da área de planeamento específica Rego dos Pasos Sur IV do Plan xeral de ordenación municipal. Esta área está situada a carón do paseo fluvial de Bertamiráns e nela hai unha parcela de equipamento de 3.389 metros cadrados na que o goberno local está a estudar a posibilidade de situar a futura escola infantil. Os socialistas aprobaron este punto “por imperativo legal”, segundo explicou Carlos Fernández, portavoz do grupo, aínda que pensan que esa debería ser unha zona verde e non residencial. Neste punto, o BNG coincide coa postura dos socialistas en que non se debería construír na zona, aínda que optou por absterse na votación.

O concelleiro de urbanismo, Ramón G. Argibay, quixo romper "unha lanza a favor do Plan xeral" e explicou que, aínda que non se descarta a súa revisión e posterior modificación puntual, grazas a ter PXOM, Ames é un concello emerxente dado que "non se pode esquecer que todas as dotacións do concello se fixeron grazas a este plan". "Outra cousa é a xestión do plan" explicou Argibay, quen dixo tamén que "nos últimos oito anos non se fixo xestión urbanística nin modificacións puntuais do plan en tempo e forma". A postura dos populares en torno ao PXOM é que hai que verlle os defectos pero tamén as virtudes, e estas últimas son moitas pois, grazas ao plan, Ames é un dos concellos da comarca que rexistrou máis desenvolvemento en todos os niveis nos últimos anos.

Pola súa banda, o PSOE recordou que o plan, que se aprobou no 2002, ten unha vixencia de dez anos, polo que instou o goberno a "ir pensando na súa actualización". Pilar Candocia, portavoz do BNG, criticou que cando se fixo ese plan "só se pensou na construción e non nos equipamentos". Argibay rebateu a tese de Candocia pedíndolle que "diga dun só Plan onde estean definidos os equipamentos, porque non o hai".

Neste Pleno tamén se acordoua modificación do estudo de detalle da URO B7-15, correspondentes aos terreos situados na avenida da Maía, en Bertamiráns, facendo esquina coa oficina de "Caixa Nova". Este punto aprobouse cos votos a favor do PP e do PSOE e a abstención do BNG.

Na sesión plenaria de onte aprobouse tamén, esta vez por unanimidade nas votacións dos tres grupos, un escrito que o executivo levou a pleno explicando as alegacións que o Concello remitirá ao Ministerio de Economía para evitar que lle reteña 400.000 euros. O Estado informou ao Concello de Ames da súa intención de reterlle a contía correspondente a este municipio procedente dos fondos recadados polos impostos estatais por non ter pechada a conta do ano 2010. O goberno local alegará que o equipo económico do Concello está traballando na liquidación da conta e que esta se aprobará en breve para evitar a retención desa importante suma de diñeiro.

A moción que o grupo municipal socialista presentou para manter as actividades deportivas que se desenvolven na nave do polígono do Milladoiro foi rexeitada cos votos do grupo de goberno. O concelleiro de Deportes explicou que todos os equipos que practicaban deporte nesta nave están recolocados en instalacións mellor dotadas para a práctica do deporte e cun custo mínimo para o Concello.