- Tematica
Este xoves, 25 de marzo, celebrouse a sesión ordinaria do pleno de marzo no que a Corporación municipal aprobou o expediente de licitación do servizo de limpeza viaria e xestión dos puntos limpos. Tamén se aprobou a modificación do contrato do servizo de axuda no fogar (SAF); a aprobación do proxecto modificado para a pavimentación dos accesos ao lugar de Ventosa (POS 2019); a declaración institucional para garantir a máxima transparencia e cumprimento do protocolo de vacinación; e a solicitude de comparecencia do alcalde presentada polo grupo municipal popular. Ademais, aprobouse unha proposta do grupo municipal socialista sobre a demanda dun incremento das achegas da Xunta ao servizo de axuda no fogar, e outra proposta do concelleiro Jose Ramón Oulego de condena dos altercados ocorridos en varias cidades españolas nas manifestacións en favor do rapeiro condenado Pablo Hansel.
O Pleno ordinario de marzo comezou co alcalde dando conta dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria que van dende o 722 ata o 1.048 (327 decretos); e da sentenza no procedemento de tutela de dereitos fundamentais 27/2020, publicada o día 10 de febreiro de 2021. O alcalde dixo que no informe xurídico que acompaña a dita sentenza recóllese a afección que ten e mailo anuncio de que non se vai a recorrer dita sentenza, polo tanto non se vai facer uso do prazo de tempo que existe para presentar recurso. A continuación, a Corporación municipal aprobou por unanimidade as actas dos últimos plenos celebrados durante este ano 2021.
De seguido, o Pleno aprobou por unanimidade a declaración institucional para o cumprimento do protocolo de vacinación, proposta do concelleiro do grupo mixto José Ramón Oulego, para garantir a máxima transparencia e cumprimento do protocolo de vacinación e asegurar o cese dos políticos que se salten ou cometan calquera tipo de irregularidade asociada ao proceso ou a orde de vacinación.
En dita declaración recóllese que o Pleno de Ames manifesta a necesidade de que o equipo de Goberno, así como todas as formacións políticas con presencia institucional no consistorio de Ames asuman o compromiso ético de pedir a dimisión dos seus cargos públicos, que se salten o plan de vacinación ou que incumpran o protocolo de vacinación establecido en proveito propio ou beneficiándose da súa posición, prexudicando con iso ás persoas que realmente necesitaban con prioridade esa vacina e viron atrasada a súa quenda; así como o compromiso de cesar ao persoal contratado ou nomeado por eles que se salte o plan de vacinación ou incumpran o protocolo de vacinación.
Modificación do proxecto de pavimentación de accesos ao lugar de Ventosa
A Corporación municipal tamén aprobou por unanimidade a modificación do proxecto de pavimentación de accesos ao lugar de Ventosa incluído no POS+ 2019. Dito proxecto houbo que envíalo a Dirección Xeral de Patrimonio xa que parte desta actuación realizarase preto dun tramo do Camiño de Fisterra-Muxía ao seu paso por Ames. Debido a iso dende Patrimonio indicaron que nese lugar haberá que reparar o firme con zahorra e non se poderá aplicar asfalto. Esta situación motivou a redacción dun proxecto modificado que dea cumprimento as esixencias da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio. O proxecto reformado dispón do mesmo orzamento que o anterior; 95.009,62 euros.
Ordenanza de terrazas
O seguinte punto tratado foi a resolución de alegacións e maila aprobación definitiva da ordenanza reguladora da ocupación do dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e elementos vinculados á actividade comercial e hostalería con fins non festivos. O alcalde e concelleiro de Urbanismo, Jose Miñones, propuxo deixar este asunto encima da mesa para que sexa tratado o vindeiro pleno. Dita proposición foi aprobada pola Corporación municipal.
A intención do Goberno municipal é incluír un novo informe no expediente de tramitación de dita ordenanza sobre a garantía que se lle solicita aos establecementos. Este xoves o Goberno municipal mantivo unha reunión coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Aloxamento de Santiago e coa Xuntanza de empresarios de Ames e acordaron realizar modificacións sobre o sistema de garantía que se recolle na nova ordenanza respecto daquelas terrazas que teñan elementos fixos. Segundo explicou Miñones o obxectivo é aprobar dita ordenanza co maior consenso posible.
Modificación do contrato do servizo de axuda no fogar
Por outra banda, o Pleno aprobou por unanimidade o expediente de modificación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar, na modalidade de SAF dependencia. A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, explicou que no pasado mes de xaneiro a Consellería de Política Social realizou unha ampliación de 1.200 horas/mes do Servizo de Axuda no Fogar. Unha vez feito o estudo económico por parte dos servizos técnicos municipais para ver se era posible asumir dito reforzo, o resultado foi que por limitacións de orzamento e contractual, o Concello pode ampliar o servizo en 850 horas.
De todos os xeito, segundo explicou a concelleira de Benestar Social, ao non estar consumidas a totalidade de horas do contrato inicial disponse de 236,5 horas a maiores, o que suma un incremento de 1.086,5 horas, polo que das 1.200 horas ofertadas polo Xunta quedarían sen prestar 113,5 horas. Luísa Feijóo recalcou que “esta modificación implica un incremento do 20% do servizo que se presta actualmente. É moi necesario o incremento deste servizo, xa que existe lista de agarda para poder contar con este servizo”.
Licitación do servizo de limpeza viaria
Un dos temas máis importantes que se abordou no pleno ordinario de marzo foi a aprobación do expediente de contratación do servizo de limpeza viaria e xestión dos puntos limpos do concello de Ames. Este punto foi aprobado co voto a favor dos membros do Goberno municipal e do concelleiro José Ramón Oulego, de Ciudadanos. Os edís do grupo municipal popular e mailo concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, abstivéronse. Dito contrato vai a ter unha duración de 10 anos. O importe base de licitación ascende a 1.064.223,85 euros, o que supón un incremento económico de 336.607,95 euros (46,26%), respecto do anterior contrato que ascendía a 727.615,90 euros.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destacou que se trata dun dos contratos máis importantes do Concello de Ames polo importe económico que ten e polo que representa. “Levamos tempo traballando nos pregos deste contrato que inclúe importantes melloras respecto do anterior. A través do novo contrato realizaranse traballos de limpeza viaria en toda a localidade de Bertamiráns, do Milladoiro e das urbanizacións. Tamén se van a incluír distintas prazas do concello e mailas áreas de aparcamentos dos núcleos urbanos”. Blas García tamén destacou o incremento de persoal, xa que se contratarán 6 operarios máis, e maila inclusión de nova maquinaria e vehículos eléctricos.
No novo contrato tamén se inclúen diversas zonas do rural, especialmente aquelas nas que hai beirarrúas, destacando a limpeza de A Ponte Maceira (principal núcleo turístico de Ames) ou os tramos do Camiño de Santiago. Ademais, vaise ampliar o horario de atención do Punto Limpo, de luns a sábado, de 9.00 a 15.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Outra das novidades será o servizo do Punto limpo móbil, xa que se vai a proporcionar á veciñanza un servizo de recollida selectiva de residuos domésticos especiais que deben ser obxecto de xestión diferenciada, para a súa reciclaxe, valorización ou eliminación controlada. Este servizo realizarase de maneira prioritaria nas zonas rurais do municipio.
Por parte da oposición, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, explicou que o novo contrato suporá unha mellora importante respecto do contrato anterior. “É un paso adiante xa que supón un incremento de horas de atención no Punto Limpo e a posta en marcha do novo Punto Limpo móbil”. Quique Costas, de Ames Novo, defendeu a súa aposta pola prestación deste servizo a través dunha empresa de xestión pública “xa que se aforra ata un 60% dos custes do servizo” Tamén dixo “o novo contrato é un avance positivo e mellora os servizos prestados no referente á limpeza viaria dos núcleos urbanos e do rural, así como na xestión dos puntos limpos”.
Por parte do Partido Popular, Javier Olmo, dixo que botaba en falta máis contacto co Goberno municipal neste asunto para ter en conta as achegas do grupo municipal popular. Ademais, destacou que “na única reunión mantida con nós fixemos varias achegas, pero as modificacións que se fixeron no documento final foron mínimas. Mellorarase considerablemente o contrato, pero non é o noso contrato porque non se contou con nós, polo que nos vamos abster neste punto”.
Solicitude de comparecencia do alcalde
Tamén se aprobou por unanimidade a solicitude de comparecencia do alcalde, presentada polo grupo municipal popular, para informar sobre o desenvolvemento do Plan Impulsa Ames e para que sexa efectiva na próxima sesión do Pleno da Corporación.
Proposta sobre o Servizo de Axuda no Fogar
Ademais, aprobouse unha proposta do grupo municipal socialista sobre a demanda dun incremento das achegas da Xunta ao servizo de axuda no fogar. Dita proposta saíu adiante co voto a favor dos membros do Goberno municipal e dos concelleiros dos grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, e Quique Costas, de Ames Novo. Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular abstivéronse.
En dita proposta recollese que o Pleno do Concello de Ames, en base as competencias en servizos sociais que corresponden a administración autonómica, insta á Xunta de Galicia a que incremente o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar que é da súa competencia e que xestionan os concellos, que permanece conxelado dende o ano 2012, de xeito que se axuste á realidade do prezo/hora actualmente vixente e se preste este servizo público esencial coa máxima calidade e coas mellores condicións de traballo para os/as profesionais deste servizo.
Proposta de condena sobre os altercados nas manifestación a favor de Pablo Hansel
A segunda proposta, presentada polo concelleiro Jose Ramón Oulego, de Ciudadanos, tratou sobre a condena dos altercados ocorridos en varias cidades españolas nas manifestacións en favor do rapeiro condenado Pablo Hansel, así como de apoio á labor levada a cabo polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado durante ditos altercados. Esta proposta foi aprobada cos votos a favor de José Ramón Oulego, de Ciudadanos, e dos/as concelleiros/as do Partido Popular de Ames. Votaron en contra os/as edís do BNG, de Contigo Podemos, e mailo concelleiro de Ames Novo, Quique Costas. Abstivéronse os concelleiros/as do grupo municipal socialista.
En dita proposta ínstase ao Goberno a levar a cabo unha investigación sobre a organización de protestas violentas de forma coordinada en varias cidades españolas; reiterar o seu apoio ás familias, os empresarios, autónomos e donos de negocios afectados polos danos causados por estes violentos. Tamén se recolle o apoio a acción das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e mostrar o apoio aos axentes feridos; e desmarcarse expresamente das manifestacións públicas realizadas por Pablo Echenique, portavoz parlamentario de Unidas Podemos no Congreso, partido no Goberno de España, nas que mostraba o seu apoio expreso aos “mozos antifascistas” causantes dos disturbios e da violencia.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames ofrecerá al mes 1.086 horas más de Axuda no Fogar para dependientes"