- Tematica
O Pleno aprobou por maioría absoluta este martes, 25 de febreiro, o plan de actuación integrado “Conecta Ames” co que o Concello se vai presentar á nova convocatoria dos fondos FEDER, no marco do desenvolvemento urbano sustentable (coñecidas como EDIL). Este punto saíu adiante co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno e do Partido Popular. As/os edís do BNG e Espazo Común abstivéronse. O prazo para a presentación de proxectos remata este venres 28 de febreiro. O plan de Ames contempla a execución de catro grandes proxectos, que se enmarcan nunha estratexia xeral, e están recollidos na Axenda Urbana 2030. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
O pleno comezou coa aprobación por unanimidade da ratificación da urxencia da convocatoria de dito pleno. Deseguido o alcalde de Ames, Blas García, explicou que “este é un plan que se podería aprobar en Xunta de Goberno Local, pero preferimos traelo a pleno porque cremos que é un plan moi importante para o Concello de Ames, e ademais, que nace da participación na elaboración da Axenda Urbana, un proceso no que se lle deu a correspondente participación aos grupos políticos e á cidadanía. É importante que este plan sexa tratado en pleno, porque este é un proxecto que presenta este goberno, pero que é de toda a Corporación municipal. Todas as propostas que se recollen no Plan Conecta Ames están incluídas na Axenda Urbana”. O rexedor municipal tamén explicou que “os catro proxecto que se inclúen neste plan están interconectados. Podería ser un único proxecto, pero hai que dividilos en función dos criterios e obxectivos que hai que cubrir”.
Proxectos enmarcados nunha estratexia xeral
O Concello de Ames presenta un plan con catro proxectos, todos eles teñen que ser proxectos transformadores, cun enfoque de converxencia entre a área de intervención e o resto do municipio. Ademais, deben ser proxectos realistas e maduros, que sexa posible implementalos no prazo previsto ata decembro de 2029. Por último deben ser integradores, participados e divulgados. No caso do Concello de Ames todas estas premisas cúmprense ao ser proxectos xa incluídos na Axenda Urbana 2030 e que seguen unha estratexia xeral.
Deste xeito, na EDIL do Concello de Ames inclúese un primeiro proxecto que se define como a construción dunha estratexia alimentaria integral Km0, apoiada nun novo mercado de abastos e un banco de terras de produción local que inclúe as seguintes accións: a construción do mercado municipal de abastos, en Bertamiráns, e a rexeneración do espazo exterior; a integración co entorno verde próximo a través da rúa do Cómaro; a creación dun banco de terras de catro hectáreas recuperadas para o cultivo ecolóxico na Condomiña (na contorna fluvial do río Sar); e mailo asesoramento e formación aos produtores. Este proxecto en unha contía de 4,5 millóns de euros.
O segundo proxecto aborda a vertebración do municipio a través da creación dunha senda ciclable que conecte O Milladoiro e o rural coas dotacións de referencia, integrando e poñendo en valor o patrimonio e os nodos sociais de referencia ubicados ao longo da mesma, que inclúe a conexión peonil e ciclista entre O Milladoiro e Bertamiráns (conexión Milladoiro - Biduído de Arriba – Bugallido – Ortoño - Bertamiráns); a recuperación de espazos públicos periurbanos como as rúas Ameixeiras e Juan Bueno Bueno, Bugallido, Corredoira de Ortoño, Guimaráns, Buceleiras e Ortoño ata chegar á rúa Alcalde Lorenzo.
A través de dito proxecto tamén se contempla a humanización e reverdecemento do entorno das rúas Estivada de Castelao e Camelias, no Milladoiro, como lugar de arranque da senda; e a humanización e a ordenación da praza de Chavián, en Bertamiráns, como nodo de remate do eixo conector. Por último, preténdese a creación dun corredor verde en Bertamiráns, entre a praza de Chavián e o parque do Ameneiral, así como a recuperación da flora autóctona e dos sendeiros no parque do Ameneiral. Este segundo proxecto ten un presuposto de 7.250.000 euros.
O terceiro proxecto atende á vertebración do municipio a través da implantación dun transporte público, que una de maneira áxil os núcleos de O Milladoiro e Bertamiráns, entre eles e co rural. Para iso preténdese a posta en marcha dunha liña circular de autobús eléctrico entre O Milladoiro e Bertamiráns; a actualización das marquesiñas de transporte público e a dixitalización das mesmas; así como a creación dun sistema de transporte baixo demanda, para facilitar a conexión dos distintos núcleos entre si e cos dous núcleos principais. O terceiro proxecto ten un orzamento de 1.610.000 euros.
O cuarto e último proxecto recolle a creación e adaptación das dotacións para mellorar a oferta de servizos no rural e favorecer a centralidade dos núcleos. Trátase de facer unha reforma para a adaptación de usos ás necesidades da poboación nova e maior e da rehabilitación enerxética dos locais sociais das parroquias de Biduído, Ames, Piñeiro e Ortoño. Tamén se contempla a creación de puntos de atención municipal (equipamento dixital e dotación de 5G) e un programa de alfabetización dixital das comunidades; e a posta en marcha dun plan de dinamización dos núcleos, a través da programación de apoio social, loita contra a soidade e fornecemento cultural da man das asociacións municipais, nun marco de fomento da autoxestión. O cuarto e último proxecto ten un presuposto de 1.640.000 euros.
O plan Conecta Ames conta cun orzamento total de gasto de 15 millóns de euros. De dito importe o Concello de Ames solicita 9 millóns de euros (60%) con cargo aos fondos FEDER 2021-2027. No caso de que Ames sexa beneficiario de dita axuda, o Concello terá que buscar o 40% restante que ascende a 6 millóns de euros, podendo ser financiamento propio, autonómico ou provincial.
Intervención dos grupos da oposición
Sobre este asunto a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “houbéranos gustado que en vez de convocar este pleno extraordinario, nos fixera participes, permitíndonos formar parte do proceso para a escolma destes proxectos. Son proxectos incluídos na Axenda Urbana, que si foi participada, pero isto non é escusa, para que se realmente quería que fose un plan de toda a Corporación nos convidase a traballar no plan dende o inicio, ou cando menos, se nos achegase un borrador para poder facer algunhas achegas. Cando máis tratándose dun plan moi ambicioso, que conta cun orzamento de 15 millóns de euros. Se conceden os fondos europeos solicitados ao Concello terá que facer fronte a un investimento de 6 millóns de euros, que non sabemos de onde van a saír. Ademais, é un plan con moito máis orzamento que o anterior e con menos tempo de execución. En canto aos locais sociais, parécenos unha idea fantástica, pero porque se elixiron estes catro centros e non todos os locais sociais. Son proxectos importante e necesarios para o noso concello, pero é un plan que se xestou con présa e a correr. Se quixera que este fose o plan de todos e de todas, debería ser un plan participado, púidose haber convocado con anterioridade, cando tiñan o plan medio xestado, ou enviar un borrador, para poder presentar achegas. Como dixo antes este é o plan deste goberno, non desta Corporación”.
Por parte do BNG, interviu a súa voceira Escarlata Pampín, que dixo “o Conecta Ames é un plan elaborado única e exclusivamente por este goberno do partido socialista, sen negociar os proxectos que dentro del se inclúen. O proxecto da construción dunha estratexia alimentaria integral Km0, asociado ao mercado municipal de Bertamiráns, leva encima da mesa moito tempo e está avanzado e madurado, os outros tres proxectos, ao noso parecer, non están suficientemente estudados e traballados. Ademais, apreciamos certas eivas ou escollas, cando menos cuestionables, como son a elección dos locais sociais nos que se vai a intervir no cuarto proxecto. É o seu plan e son as súas prioridades, nós temos claro que o faríamos doutro xeito, tal e como mostramos nos primeiros pasos da Axenda Urbana de Ames. A nosa proposta para o plan de actuación integrado estaría máis enfocada na integración social e na eliminación da desagregación residencial. Ademais, preocúpanos que o grao de execución esixido polo plan é máis estrico do que o era na EDUSI, polo que nos parece difícil confiar en que sexan vostedes capaces de executar en tempo e forma todos estes proxectos”.
A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, destacou que “o Partido Popular vai apoiar todo aquel proxecto que sexa positivo para o noso concello e para os nosos veciños e veciñas. Sempre puxemos de manifesto a necesidade de vertebrar o noso concello, os dous núcleos urbanos e o rural; a integración do medio rural nas dinámicas municipais; así como a mellora dos núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns. As propostas que hoxe traemos ao pleno tratan de levar a cabo estes obxectivos e pretenden afrontar os desafíos específicos detectados no diagnóstico da Axenda Urbana. Preocúpanos que a día de hoxe temos uns orzamentos prorrogados e iso condicionanos moito. A parte que lle corresponde achegar ao Concello, no caso de seguir cos orzamentos prorrogados, terase que financiar case seguro acudindo á débeda bancaria ou coas achegas doutras administracións. Outra cuestión que nos preocupa é a relacionada coa execución dos proxectos, xa que vendo o calendario de execución da EDIL, esixe que sexamos áxiles na tramitación para poder cumprir coas bases. Esta subvención é crucial para o presente e para o futuro do Concello de Ames. É crucial polos proxectos que aborda e porque vai a comprometer aos que estamos aquí e á próxima Corporación que saia das eleccións municipais de 2027”.
Peche do alcalde
Pechou o debate o alcalde, Blas García, que dixo “creo que descoñecemos a base fundamental de como nacen estes fondos europeos. O primeiro requisito que se pide para poder optar a eles é ter unha Axenda Urbana, algo que nós xa temos aprobada. Hoxe aquí algunha das concelleiras que interviron dixo que iso si que foi un documento traballado e participado. Todos os proxectos que hoxe se debaten aquí no pleno, dentro do Plan Conecta Ames, están incluídos na Axenda Urbana, polo que foron participados. Estas catro actuacións están dentro das máis de medio cento de actuacións aprobadas por este Pleno, que aprobou a Axenda urbana nunha sesión tamén extraordinaria”.
Finalmente este punto foi aprobado por maioría absoluta co voto a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno e do Partido Popular. As/os edís do BNG e Espazo Común abstivéronse.