Pestanas principais

O pleno aproba o Plan de Obras e Servizos 2013 de Ames, no que se destina a maior porcentaxe a obras dos últimos anos

Xoves, 17 de xaneiro de 2013

[17-01-2013] A corporación municipal aprobou esta mañá, cos votos a favor dos concelleiros presentes do grupo popular e os edís socialistas e a abstención dos membros do grupo dos non adscritos, as obras que se incluirán no Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial correspondente ao ano 2013. A contía asignada ao Concello de Ames, dentro do POS 2013, ascende a 494.561,92 euros. Deste importe, destinaranse 312.366,48 euros para a realización de obras (63,16%), mentres que o 36,84% (un total de 182.195,44) restante irá destinado ao financiamento de gastos correntes. A porcentaxe dedicada a obras no POS 2013, máis do 63%, é a maior dos últimos anos, nos que se destinou pouco máis do 50%. A contía dedicada ao gasto corrente quedará afectada á aplicación orzamentaria que ampara o gasto do servizo de limpeza viaria.

Na súa intervención, o alcalde de Ames, Santiago Amor, subliñou que todas as obras incluídas son “necesarias e prioritarias”, aínda que indicou que no concello hai moitas necesidades que se irán cubrindo con diferentes actuacións e con outros plans. O alcalde subliñou que co obxectivo de chegar a un consenso antes da celebración das comisións informativas e do Pleno, o Goberno municipal levou a cabo dúas xuntanzas cos grupos da oposición. Froito destas conversas, incluíse o proxecto de levar a cabo o aparcadoiro do Centro de Formación Aldea Nova.

Os grupos da oposición agradeceron a posibilidade de buscar consenso para acordar as obras, aínda que pediron que en vindeiras ocasións se faga con máis tempo. Sobre esta cuestión, o alcalde de Ames asegurou que na vindeira convocatoria se abordarán as reunións con anterioridade para acadar o máximo consenso posible.

A pavimentación e mellora de viais e accesos centran o groso das actuacións que se acometerán en Ames con cargo ao financiamento do POS 2013, entre as que tamén se inclúen a construción dun aparcamento nas inmediacións do Centro de Formación Aldea Nova e a reforma e ampliación dos vestiarios do Pavillón de Bertamiráns.

En total, o Concello destinará 312.366,48 euros á realización de cinco proxectos que se consideran de especial importancia. Deste xeito, destinaranse 64.575,74 á construción dun aparcadoiro nas inmediacións do Centro de Formación Aldea Nova, que recentemente comezou as súas actividades. Con cargo ao POS 2013 tamén se acometerá a reforma dos vestiarios no Pavillón Polideportivo de Bertamiráns, unha obra á que se dedicarán 59.363,87 euros. Estes traballos consisten en reorganizar e optimizar o aproveitamento do espazo existente baixo as gradas do pavillón para duplicar os vestiarios, pasando de dous a catro.

Outro conxunto de obras do POS 2013 están orientadas a mellorar as condicións do firme de varios camiños do municipio, co obxectivo de mellorar as súas condicións de seguridade e a circulación por estas zonas. Deste xeito, destinaranse 74.877,98 euros a levar a cabo as obras de mellora na capa de rodaxe do camiño Bertamiráns-Barreira- Ponte de Lapido e no camiño Igrexa- Campo de fútbol-A Tarroeira (Ortoño). Durante o pasado ano realizáronse actuacións en diversas parroquias e atopouse que o firme destas estradas se atopa en estado defectuoso, polo que se fai necesario actuar sobre elas.

Tamén se destinarán un total de 42.156,40 euros á mellora na capa de rodaxe do camiño no cruce Insua-Novais-Gasamáns, camiño Galiñeiro, interior de Pedras, Camiño de Castelo e interior en Castelo. Estas actuacións, nas parroquias de Agrón e Ames, permitirán mellorar o estado no que se atopan estas vías como consecuencia da instalación de alcantarillado. Os traballos consistirán na aplicación de tratamento asfáltico, no rego e selado da plataforma e contemplase, ademais, a apertura e limpeza de gabias e limpeza de salvagabias.

Por último, consignaranse 71.395,49 euros para os traballos de mellora na capa de rodaxe nos camiños Capeáns-Igrexa de Cobas, camiño de Rosaleda e camiño de Paraxó. As obras nestas zonas, situadas nas parroquias de Cobas e Ortoño, permitirán mellorar a circulación dos vehículos que transitan por elas.

POS complementario
No tocante ao POS complementario inclúense dúas obras: unha relacionada coa mellora da seguridade e a adecuación de espazos e parques infantís e outra de saneamento. A primeira destas actuacións, á que se destinarán 70,082,74 euros, é a das obras de reparación e adecuación nos parques infantís de Agro do Muíño, Praza de Chavián, en Bertamiráns, e Praza de Correos, no Milladoiro.

Este proxecto contempla a actuación en tres parques infantís do Concello, concretamente nos de Agro do Muíño e Praza de Chavián, en Bertamiráns, e no situado na coñecida como Praza de Correos, en Milladoiro. Os traballos a levar a cabo son a colocación o substitución do pavimento de caucho e a instalación de valados perimetrais.

A outra actuación incluída no POS complementario é de acometemento do saneamento no núcleo de Susavila de Carballo, na parroquia de Trasmonte. Esta obra, que dará servizo de saneamento a este núcleo de poboación, conta cun orzamento de 92.889,93 euros.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "O Plan de Obras de Ames céntrase na pavimentación e arranxo de viais e accesos"