Pestanas principais

O Pleno aproba o plan parcial do sector S-15

Sábado, 30 de abril de 2011

[30-04-2011] A última sesión plenaria ordinaria da lexislatura deixou un importante acordo en materia urbanística e para a ordenación do territorio municipal. O Pleno doulle luz verde ao plan parcial do sector S-15 "Travesía do porto Sur". O plan parcial deste sector foi aprobado por maioría absoluta, así como a resolución das alegacións presentadas a este plan. Este punto saíu adiante cos votos a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno e do grupo municipal nacionalista, mentres que o grupo municipal popular abstívose. Previamente aprobouse unha emenda para deixar encima da mesa o proxecto de colaboración entre Ames e Brión para a prestación conxunta dos servizos de Emerxencias e Protección Civil e Policía Local por parte de ambas administracións locais. A emenda foi aprobada cos votos a favor dos sete concelleiros/as do PP de Ames e dos cinco concelleiros/as do BNG. O grupo municipal socialista votou en contra desta emenda. A sesión plenaria rematou á media noite cando se estaba debatendo a desafectación dunha parcela para a construción dunha nova escola de educación infantil en Bertamiráns.

A aprobación definitivamente do plan parcial do sector S-15 "Travesía do porto Sur" foi o tema que centrou o debate da corporación municipal na última sesión ordinaria desta lexislatura. O Concello de Ames está deseñando un Milladoiro moito máis moderno e humanizado con edificacións de vivendas de corte moi actual e espazos verdes máis amplos. Para iso o Pleno acaba de aprobar por maioría absoluta, cos votos a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno e do grupo municipal nacionalista e coa abstención do grupo popular, este plan parcial. Ademais tamén se aprobou a resolución de alegacións que se presentaron a este plan.

O plan parcial do sector S-15 "Travesía do porto Sur" que aprobara definitivamente o pleno do Concello de Ames, en data 3 de marzo de 2007, foi anulado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia o pasado 29 de outubro de 2009. Consecuentemente produciuse a posterior anulación dos proxectos de compensación e urbanización do sector. Posteriormente, en outubro de 2010, a Xunta de Goberno Local aprobou de xeito inicial o plan parcial para urbanizar o sector S-15 Travesía do Porto Sur. Agora o novo plan adáptase á reforma que se fixo da lei do solo de Galicia.

Transcorrido o trámite de exposición pública da aprobación inicial do novo plan parcial do S-15 "Travesía do Porto Sur" recibiuse unha alegación dunha empresa promotora. Agora o Pleno aprobou a resolución das alegacións presentadas pola devandita empresa. Por outra banda tamén se aprobou definitivamente o plan parcial do sector S-15 "Travesía do porto Sur".

Segundo explicou o alcalde de Ames, Carlos Fernández, o plan que traemos ao Pleno "é un plan parcial que é basicamente calcado do plan parcial anterior con catro matices moi pequenos. O Plan Xeral de Ordenación Municipal establece que a superficie total do ámbito deste sector dispón de 52.004 metros cadrados. Ademais este plan contempla a construción de varios bloques de edificios de corte moderno, máis espazos verdes e dúas parcelas para equipamentos públicos onde se construirá o novo centro de saúde do Milladoiro e un centro dedicado á terceira idade".

Por parte do grupo municipal popular interveu, Ramón Argibay, que incidiu en que "levamos oito anos perdidos na tramitación deste plan. Podiamos estar situando unha serie de equipamentos neste ámbito de desenvolvemento urbanístico. Por iso si ten moita importancia o atraso no desenvolvemento deste plan parcial". Ademais, Argibay, manifestou que "non vemos con bos ollos que non estea no expediente toda a documentación necesaria para realizar a tramitación deste plan parcial". Dende o PP de Ames incidiron en que no expediente non figura o convenio que se subscribiu entre os representantes da Xunta da Compensación e o Concello de Ames.

Sobre este asunto o rexedor municipal explicou que "no momento no que o plan parcial quedou anulado subscribimos un acordo de convenio entre os representantes da Xunta da Compensación e a Administración local. Nese convenio o que se recollía era que ambas as partes se comprometían a ter a maior dilixencia posible na elaboración dos instrumentos de planeamento e na súa tramitación e aprobación. Nese momento foi cando se ditou a sentenza definitiva e a Xunta de Compensación presentou o plan parcial polo que se optou por tramitar o plan parcial presentado e xa non foi necesario o convenio polo que non seu deu tramite administrativo ao devandito convenio".

O goberno municipal está optando por unha nova fórmula urbanística na que se pensa nas necesidades dos veciños e veciñas de Ames. A gran diferencia que se está adoptando en materia de urbanismo no Milladoiro é que no canto de facer bloques de vivendas pechados estase optando por elementos lineais, de xeito que o espazo público prevaleza sobre as construcións. A antiga fórmula de urbanismo que se empregou para construír no Milladoiro era a de construír grandes bloques, que provocaron un elevado nivel de edificabilidade e un esaxerado volume de construción. Agora daráselle preferencia aos espazos públicos e as zonas verdes para tratar de ofrecer unha alternativa de ocio á veciñanza amiense.

Segundo manifestou o voceiro do grupo municipal nacionalista, Xosé Fernández, o plan parcial do S-15 ten "un pecado orixinal" que é o pecado orixinal do plan xeral de ordenación municipal deste concello, que lle atribúe unha edificabilidade dun 29 ou dun 30 por metro cadrado que a día de hoxe ninguén sustenta. É unha edificabilidade excesiva e iso era o que provocaba que se construísen grandes bloques alongados de 100 por 30 metros e non deixaba apenas espazo para equipamentos públicos. Iso provocaba que non houbese ningunha parcela para equipamento que valese para nada. Ademais as zonas verdes eran retallos repartidas polo plan. Por iso no seu día o BNG decidiu apoiar un novo deseño deste plan. Grazas a esta modificación temos dúas parcelas para equipamentos que se van dedicar á construción do novo centro de saúde do Milladoiro e para un centro para a terceira idade".

52.004 metros cadrados

O Plan Xeral de Ordenación Municipal establece que a superficie total do ámbito deste sector dispón de 52.004 metros cadrados. En canto ao aproveitamento establece que se dispón de 1,29 m2 por cada metro cadrado de terreo e unha edificabilidade máxima de 100 vivendas por hectárea. O rexedor municipal explica que "o que se recolle no plan xeral hai que respectalo pero o que non especifica é o xeito de ordenalo. Polo que non se acepta a ordenación de bloque pechado á hora de construír os novos edificios, queremos que haxa unha zona verde de tránsito entre o vello Milladoiro e o novo Milladoiro, e ademais dispoñemos de espazo para dous equipamentos públicos onde se vai a construír o novo centro de saúde e un centro dedicado á terceira idade".

O plan parcial S-15 contempla a construción de varios bloques de edificios de corte moderno. Deste xeito vanse a construír catro pequenas torres, pero que non superan a altura dos demais bloques de vivendas. Por outra banda vaise executar unha zona de transición entre os diferentes bloques de edificios para non ter que construír muros de separación e disporase dunha zona verde que vai conectar co parque central do Milladoiro. De xeito que a xente que resida neste ámbito poderá transitar polas sendas para chegar a zona verde do parque central do Milladoiro.

Os edificios disporán de baixo, cinco pisos de vivendas e baixo cuberta. Neste sector urbanístico a edificabilidade residencial era moi grande polo que haberá que deixar os baixos e incluso nalgúns casos o primeiro piso para uso comercial ou dotación de equipamentos. Ademais como sobra edificabilidade o plan recolle uns pasos abertos entre os edificios para darlle máis esparexemento aos distintos bloques de vivendas.

Outro dos aspectos que recolle o plan S-15 é unha zona de aparcamento onde se construirán máis de duascentas prazas para poder estacionar os vehículos dos veciños e veciñas que residan nesta zona. O Concello tamén contempla no futuro facer un aparcamento subterráneo nesa zona xa que é o punto central do núcleo urbano do Milladoiro.

Emerxencias, Protección Civil e Policía local

Previamente a corporación municipal aprobou unha emenda para deixar encima da mesa o proxecto de colaboración entre Ames e Brión para a prestación conxunta dos servizos de Emerxencias e Protección Civil e Policía Local por parte de ambas administracións locais. A emenda foi aprobada cos votos a favor dos sete concelleiros/as do PP de Ames e dos cinco concelleiros/as do BNG. O grupo municipal socialista votou en contra desta emenda.

Este asunto só se votou xa que no anterior pleno ordinario, correspondente ao mes de marzo, xa fora debatido por parte da corporación municipal. Nese Pleno o goberno municipal defendeu o convenio de colaboración, mentres que dende os grupos municipais popular e nacionalista defenderon que este acordo "non beneficia o interese dos veciños/as de Ames".

Parcela para a nova gardería de Bertamiráns

A sesión plenaria rematou á media noite cando se estaba debatendo a desafectación dunha parcela para a construción dunha nova escola de educación infantil en Bertamiráns. A pesar de que o asunto non chegou a votarse os tres grupos municipais volveron a mostrar a postura que xa manifestaran no Pleno ordinario de novembro de 2010.

Dende os grupos municipais nacionalista e popular incidiron na necesidade de construír unha nova escola infantil en Bertamiráns, pero non se mostraron de acordo coa parcela proposta polo goberno municipal para realizar este novo equipamento público. Os voceiros dos grupos da oposición volveron a incidir en que existen alternativas para construír esta infraestrutura noutra parcela. Mentres o grupo de goberno defendeu o proxecto proposto porque segundo manifestou o alcalde de Ames, Carlos Fernández, a Consellería de Traballo e Benestar xa ten elaborado o anteproxecto desta obra.

Por encargo de Alcaldía os servizos técnicos de urbanismo municipais revisaron se as propostas feitas polos grupos municipais popular e nacionalista eran factibles. En canto ás parcelas propostas determinaron que o problema é o tempo que é preciso para poder acadar o solo, coma para a execución integral dos servizos urbanos necesarios. Polo tanto, segundo determinan os servizos técnicos de urbanismo non se atopan outras opcións de carácter inmediato para a posta a disposición da Xunta de Galicia dunha parcela para construír unha nova escola infantil no núcleo de Bertamiráns.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames valida el plan parcial que hace viable el centro de salud"