- Tematica
A Corporación municipal aprobou por maioría absoluta a aprobación dos anteproxectos técnicos, tanto do novo complexo deportivo do Milladoiro como para a mellora da piscina municipal A Telleira de Bertamiráns. Aprobouse por unanimidade o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz substituto/a; a sétima rectificación do inventario municipal; o convenio do proxecto Compostela Rupestre; e o inicio do segundo expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar. Tamén foi aprobado por maioría absoluta a resolución de recursos de reposición presentados fronte ao acordo plenario de resolución de alegacións e aprobación definitiva da décimo segunda modificación da RPT; e a aprobación inicial da modificación do regulamento do programa Xantar na Casa. Ademais aprobáronse dúas mocións presentadas polo BNG sobre a situación da Escola Infantil Merlín e a celebración do ano Castelao 2025 en Ames; así como unha declaración institucional, presentada polo grupo socialista, sobre a mellora da seguridade viaria da AC-544. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
O pleno ordinario de febreiro comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 332 decretos, do 192 ao 523. De seguido, a concelleira de Servizos Económicos deu conta da información periódica a render ao pleno correspondente ao cuarto trimestre do exercicio 2024. Durante este período destacou que o período medio de pago a provedores foi de 25,09 días.
No apartado de dación de conta tamén se deu conta das queixas, suxestións e reclamacións presentadas no ano 2024. A concelleira de Atención e Participación Veciñal, Ana Belén Paz, informou que durante o ano 2024 o Concello recibiu un total de 248 que foron todas contestadas. Ademais, recibíronse máis de 1.300 correos no enderezo de atención cidadá solicitando información de diferentes asuntos de índole municipal, os cales foron todos respondidos.
Estas 248 queixas, suxestións e reclamacións divídense do seguinte xeito: 118 de obras e servizos básicos, 12 de cultura, 17 de urbanismo, 4 de padrón municipal, 16 de medio ambiente, 1 de voluntariado, 4 de seguridade, 20 de deportes, 4 de benestar social, 4 de promoción económica, 16 de atención veciñal, 1 de bibliotecas, 6 de alcaldía, 8 de educación, 1 de administración xeral, 1 de promoción da saúde, 1 de servizos económicos, 11 de mobilidade, 1 de rexistro, 1 de secretaría xeral e 1 de persoal. Ademais, dende o 1 de xaneiro ata o 27 de febreiro de 2025 presentáronse 29 queixas, suxestións e reclamacións, a través do formulario de rexistro, e 183 polo correo de atención cidadá.
A continuación aprobáronse por unanimidade as actas correspondentes á sesión ordinaria do mes de xaneiro e da sesión extraordinaria celebrada o pasado 4 de febreiro.
Complexos deportivos do Milladoiro e da Telleira
Un dos temas máis importantes que se debateron no pleno ordinario de febreiro foi a aprobación dos anteproxectos técnicos do novo complexo deportivo do Milladoiro e do centro deportivo da Telleira, situado en Bertamiráns. Neste punto debateuse sobre a concesión de obra pública para a construción da nova instalación deportiva municipal do Milladoiro e para a mellora da piscina municipal de Bertamiráns. Este punto foi aprobado co voto a favor dos/as concelleiros/as do grupo de goberno, Partido Popular e Espazo Común. Os/as edís do BNG votaron en contra.
A concelleira de Servizos Económicos e Deportes, Susana Señorís, explicou “trátase dun punto importante para todos os veciños e veciñas de Ames, pero en particular para os veciños de O Milladoiro, xa que é unha demanda de fai moitos anos feita por eles, que é a construción dun centro deportivo con piscina cuberta. Traemos ao Pleno a aprobación dos anteproxectos técnicos da obra do complexo deportivo con piscina climatizada, así como o anteproxecto de mellora da piscina A Telleira. Para traer este punto a pleno, previamente houbo que aprobar un estudio de viabilidade do proxecto que foi aprobado o 26 de setembro de 2024. Ambos anteproxectos contan con informes favorables da arquitecta municipal”.
Sobre o complexo deportivo do Milladoiro dixo “a parcela na que se ubica, de carácter dotacional segundo o PXOM, é a que está na parte de abaixo do centro de saúde, que a día de hoxe é un aparcadoiro. Contémplanse unhas instalacións de aproximadamente 6.593,65 metros cadrados onde 4.417,65 metros cadrados corresponden co centro acuático deportivo e 2.156 ao aparcadoiro. O uso do espacio é deportivo e de ocio, contará con unha piscina de competición climatizada de 25 metros con gradas e outra de aprendizaxe, un pequeno spa, vestiarios, salas de actividades, tanto de actividades dirixidas como para cardio fitness. A cuberta poderá empregarse para facer actividades ao aire libre e solarium. Contará cun aparcadoiro soterrado de 68 prazas. Este proxecto conta cun orzamento sen IVE de 7.288.431,15 euros”.
En canto ao anteproxecto do centro deportivo da Telleira, Susana Señorís explicou que “neste centro faranse tres actuacións diferentes. A primeira de reorganización da planta baixa: a sala de actividades, sala de bike, sala de musculación, a ludoteca e o distribuidor vanse reorganizar para dotar de vestiarios a planta baixa. A segunda para a reorganización de vestiarios en planta alta: mellorase a funcionalidade dos vestiarios existentes, aumentando a súa capacidade, as saunas pasarán a zona de praia da piscina aumentado así o número de puntos de duchas, catro por cada vestiario. Elimínase a separación existente para os vestiarios de grupos obtendo un espazo máis amplo e menos compartimentado. Por último, ampliarase a actual sala de fitness pasando dos 187 metros actuais a 576 metros, isto faise con unha prolongación da edificación actual. Esta actuación dispón dun orzamento de 1.361.578,33 euros”.
Intervención dos grupos da oposición
Sobre este asunto a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo que “o complexo deportivo do Milladoiro é unha infraestrutura moi necesaria e, ademais, é unha demanda histórica no núcleo do Milladoiro. O anteproxecto conta con todos os informes favorables, aínda que a súa formulación non acaba de convencer pola localización do complexo, xa que se vai a construír nunha parcela que se ía dedicar a ser o gran pulmón verde do Milladoiro. É unha infraestrutura demandada e necesaria, pero igual se podería buscar outra ubicación para ela. Tampouco convence a fórmula que se propón para o aparcamento. Con este proxecto non se lle vai dar solución ás necesidade de espazos deportivos que hai no concello”.
Por parte do BNG, interviu a concelleira Rosalía Seijas, que destacou “dende o BNG cremos que é preciso un centro deportivo con piscina no Milladoiro, mais discrepamos na forma de facelo. Consideramos que a localización do macrocentro deportivo con aparcamento privado non é adecuada. Esta é a única parcela de titularidade municipal no centro do Milladoiro, a cal debería ser reservada para ser o pulmón verde desta vila. Tampouco estamos de acordo coa duración da concesión de 35 anos e coa xestión conxunta dos centros do Milladoiro e Bertamiráns. Dende o BNG temos claro que a alternativa é un centro con piscina situado no sector S-16, feito con fondos propios e buscando financiamento doutras institucións, que conte cunhas tarifas adecuadas, aparcamento gratuíto, así como unha xestión separa entre O Milladoiro e Bertamiráns. En canto ao anteproxecto de ampliación da Telleira cremos que son actuacións necesarias como pode ser aumentar a capacidade dos vestiarios e das duchas e da sala fitness”.
A voceira do Partido Popular, Oliva Agra, dixo “alegrámonos moito de que por fin poidamos traer a pleno a aprobación dos anteproxectos técnicos tanto da nova instalación do Milladoiro como da mellora da piscina da Telleira. Despois de ser informadas de forma desfavorable pola secretaria e arquitecta as 13 alegacións presentadas e contando cos informes favorables de secretaria e urbanismo só nós queda anunciar o noso favorable. Aínda así temos que solicitarlle á concelleira que lle solicite á empresa que realizou o estudo de viabilidade que realice unha corrección relativa aos equipamentos sanitarios e outra sobre as prazas de garaxe, xa que no estudio de viabilidade contan 72 prazas e no anteproxecto que hoxe aprobamos pon 68”.
Elección de xuíz/a de paz e rectificación do inventario municipal
Outro dos temas tratados foi a aprobación da convocatoria e das bases para a elección de xuíz/a de paz substituto/a do Concello de Ames. Este punto foi aprobado por unanimidade de toda a Corporación municipal. Examinadas as solicitudes presentadas, procederase, por maioría absoluta, á elección de xuíz/a de paz substituto/a, propoñendo o seu nomeamento ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
A continuación, aprobouse por unanimidade a rectificación do inventario municipal de bens correspondente ao ano 2025, que supón a sétima rectificación do inventario municipal, e que comprende as incorporacións dunha vivenda en Aldea Nova; e cinco parcelas no sector Rego dos Pasos Sur II (parcela 1 da B7-04 Rego dos Pasos Sur II; as parcelas 4, 6 e 9 da APE B7-06 Rego dos Pasos Sur IV; e a parcela 7 da APE B7-05 Rego do Pasos Sur III).
Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT)
Ademais, tratouse a resolución de recursos de reposición presentados fronte ao acordo plenario de resolución de alegacións e aprobación definitiva da décimo segunda modificación da relación de postos de traballo (RPT) do Concello de Ames. Este punto foi aprobado co voto a favor dos/as concelleiros/as do grupo de goberno, Partido Popular e BNG. A concelleira de Espazo Común abstívose.
Cómpre lembrar que o 18 de novembro de 2024 o Pleno aprobou inicialmente a décimo segunda modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello de Ames, sometendo dita modificación a exposición pública por prazo de 20 días hábiles, que comprendeu do 20 de novembro ata o 18 de decembro de 2024, ambos inclusive. Durante dito período presentáronse un total de 10 alegacións. Finalmente un dos traballadores desistiu dunha das alegacións presentadas. As noves alegacións restantes foron informadas e estimouse unha delas e desestimáronse as outras oito. No pleno ordinario do 26 de decembro de 2024 resolvéronse ditas alegacións e aprobouse definitivamente a décimo segunda modificación da RPT. Posteriormente, presentáronse dous recursos de reposición contra dito acordo plenario. Agora aprobouse a desestimación íntegra dos dous recursos de reposición presentados.
Compostela Rupestre
Outro dos temas aprobados por unanimidade foi o convenio marco polo que se establecen as bases de cooperación entre a Deputación Provincial da Coruña e os Concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra para regular o proxecto Compostela Rupestre. Dito convenio que tiña unha vixencia de catro anos foi aprobado por primeira vez en abril de 2018. De seguido en maio de 2022 aprobouse o Plan Director do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre, que xa foi definido naquel momento como un dos principais avances no desenvolvemento do parque Compostela Rupestre. En 2024 estívose traballando no borrador do novo convenio e agora foi aprobado, xa que é de vital importancia para poder seguir os puntos e obxectivos marcados no Plan Director.
Programa Xantar na casa e Servizo de axuda no fogar
Abordouse a aprobación inicial da modificación do regulamento do programa Xantar na casa do Concello de Ames. Este punto foi aprobado co voto a favor dos/as concelleiros/as do grupo de goberno, Partido Popular e Espazo Común. Os/as edís do BNG abstivéronse.
Por outra banda, aprobouse por unanimidade declarar a caducidade do expediente de resolución do contrato do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ames, incoado por acordo plenario o 6 de novembro de 2024; e iniciar o segundo expediente de resolución do contrato do Servizo de Axuda no Fogar, que está prestando a contratista Osventos Innovación en Servizos SL.
Apartado de mocións
Por último, abordáronse dúas mocións presentadas polo grupo municipal do BNG sobre a situación da Escola Infantil Merlín e para a celebración do ano Castelao 2025 no Concello de Ames. A moción sobre a situación laboral que están vivindo as traballadoras da Escola Infantil Merlín foi aprobada co voto a favor dos/as concelleiros/as do BNG e do grupo socialista, mentres os/as edís do Partido Popular e de Espazo Común abstivéronse. A moción para organizar unha programación de actividades no concello de Ames con motivo do ano Castelao 2025 foi aprobado por unanimidade.
Por último, aprobouse por unanimidade unha declaración institucional para a mellora da seguridade viaria da AC-544 ao seu paso polo concello de Ames, presentada polo grupo municipal socialista.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Luz verde ao complexo deportivo do Milladoiro con aparcadoiro de pago"
El Correo Gallego: "Clamor unánime en Ames pola mellora da seguranza na estrada AC-544"
Diario de Compostela: "Ames aprueba dos importantes proyectos deportivos para Bertamiráns y Milladoiro"