Pestanas principais

O Pleno aproba os proxectos incluídos no plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2023 – 2024 (Plan AGADER)

Luns, 07 de agosto de 2023

O Pleno do Concello de Ames aprobou o 27 de xullo de 2023 os proxectos incluídos no plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2023 – 2024 (Plan AGADER). O  concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, foi o encargado de expoñer os puntos correspondentes aos proxectos de pavimentación dos viarios de Raíces, na parroquia de Biduído, e de Ínsua, na parroquia de Agrón, que están incluídos no Plan AGADER. Este dous puntos foron aprobados por unanimidade. Estas obras contan coa axuda financeira da Unión Europea no marco do Plan estratéxico da PAC.

O primeiro proxecto denomínase pavimentación de viario en Raíces (Biduído) e outros, que recolle tamén a mellora dun camiño que vai dende A Tarroeira a Lapido e doutro camiño de A Mámoa, en Tapia. Este proxecto conta cun presuposto total de execución por contrata de 19.833,33 euros, dos cales 3.442,15 euros son a parte correspondente ao IVE que debe asumir o Concello.

O segundo proxecto recolle a pavimentación do viario en Insua (Agrón), que conta con un presuposto total de execución por contrata de 39.512,33 euros, dos cales 6.857,53 euros son a parte correspondente ao IVE que tamén debe asumir o Concello.

Deste xeito, a través do plan AGADER sufráganse 32.654,80 euros e o Concello terá que achegar 6.857,53 euros. A contía total de ambos proxectos ascende a 39.512,33 euros dos cales 13.714,73 euros corresponden ao exercicio 2023 e 25.797,60 euros ao exercicio 2024.

Plan AGADER 2023-2024
A través do Plan AGADER mellóranse os camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas. A finalidade deste plan é a execución de obras encamiñadas á mellora da rede viaria existente no medio rural, facilitando así a accesibilidade ás explotacións agrarias e contribuíndo ao aumento da competitividade agraria e forestal, xa que facilitan o tránsito de maquinaria ás explotacións agrarias, o que redunda nunha maior axilidade das operacións agrarias e nunha redución de custos e dos tempos necesarios para poñer os produtos no mercado.

Deste xeito, realízanse obras de mantemento de camiños municipais, tanto do firme existente como das súas marxes (limpeza e perfilación de noiros e cunetas); coma de ampliación de camiños municipais, que supoñen un incremento na largura, incidindo na mellora da seguridade viaria e permiten o cruzamento de vehículos.

O Pleno aproba os proxectos incluídos no plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2023 – 2024 (Plan AGADER)

Multimedia

  • O Pleno aproba os proxectos incluídos no plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2023 – 2024 (Plan AGADER)