Pestanas principais

O pleno aproba por unanimidade a cesión da parcela para a nova escola infantil en Bertamiráns

Martes, 13 de decembro de 2011

[13-12-2011] Tras máis dunha hora de debate, principalmente entre a voceira nacionalista, Pilar Candocia e o portavoz popular e edil de urbanismo, Ramón G. Argibay; os tres grupos políticos con representación na corporación amiense achegaron posturas e aprobaron por unanimidade a cesión da parcela para que a Xunta de Galicia constrúa unha nova escola infantil en Bertamiráns. O concelleiro de urbanismo, Ramón García Argibay explicou que os membros da corporación “deberían felicitarse porque esta parcela se poña a disposición da Xunta nun tempo record”, idea que enfatizou o alcalde, Santiago Amor, explicando que é moi importante a cesión á Xunta dunha para a que existe un compromiso por parte do Consorcio para construír a escola. Neste senso, Amor recordou que moitos concellos cederon parcelas hai xa anos nas que non se construíu nada.

O goberno local comprometeuse a loitar para que no excedente da parcela, que ten 3.389 metros cadrados dos que se empregarán preto de 2.000, se faga outra dotación; aínda que Argibay matizou que é imposible que agora se saiba cando e como, e hai que ter en conta que tamén depende de terceiros, en referencia á Xunta. A voceira nacionalista, Pilar Candocia, explicou que o tamaño da parcela é maior que o que se pide e que o que se precisa para construír a escola e pediu que o terreo sobrante revertera no Concello. Candocia expresou as reticencias dos nacionalistas polo feito de que non apareza especificamente no informe urbanístico a reversión ao Concello do terreo restante, algo que levou ao BNG a ter intención de absterse no voto, aínda que matizaron que quería unha escola infantil para Bertamiráns. Argibay respondeulle á nacionalista que o excedente de metros cadrados da parcela non debía ser motivo para a abstención do voto. Finalmente os nacionalistas votaron tamén a favor no punto da cesión da parcela á Xunta.

Pola súa parte o socialista Carlos Fernández manifestou que o seu grupo considera que "é unha pena que de 3.400 metros soamente se usen uns 2000". Os socialistas tamén expresaron que é importante que haxa intención de urbanizar a zona, opinión que comparte o goberno que afirmou que está avanzada esa intención.

Aprobáronse dous recoñecementos extraxudiciais de crédito

O pleno celebrado esta mañá tamén aprobou dous recoñecementos
extraxudiciais de crédito para pagar facturas previas ao ano 2011. Un deles correspondente a facturas da empresa Espina y Delfín por un importe de 362.662,34 euros, o outro corresponde a facturas pendentes con distintos provedores pola cantidade de 455.653,83.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que o goberno traballará para que os novos orzamentos axuden a regularizar os pagos das facturas nun prazo razoable de tempo e se axusten á realidade económica do Concello.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames cede una amplia parcela para la guardería de Bertamiráns"