Pestanas principais

O Pleno aproba por unanimidade declararse "Concello de Acollida"

Venres, 04 de setembro de 2015

[04-09-2015] O pleno aprobou unha moción con aportacións dos grupos municipais e do Goberno no que se ofrecen para acoller a exiliados. Ademais o Goberno solicitará a Augas de Galicia un fracionamento dos pagos da planta potabilizadora Ames Brión, despois de que o pleno aprobase por maioría o cambio do calendario das aportacións de anualidades para esta obra. Aprobáronse, tamén, as mocións presentadas por Pacto x Ames referidas á “Implantación de Espazos Cardio Protexidos no concello”, por Ames Novo que solicitou declarar a Ames como “Municipio libre de circos con animais” e “Concello oposto o Tratado Trasantlántico de Comercio e Inversión (TTIP)” e por Ciudadanos para a “elaboración de xornadas de traballo e axendas para o alcalde e os concelleiros con algún tipo de dedicación”.

O primeiro dos asuntos tratados no Pleno referíase Á “solicitude de cambio de calendario de aportación de anualidades da planta potabilizadora Ames Brión”. Un acordo plenario do 26 de novembro de 2009 estableceu que da achega municipal de 400.000 euros que lle correspondía pagar ao Concello de Ames por esta obra, pagaríanse 100.000 euros no ano 2014 e 300.000 no ano 2015. Na exposición de motivos de este asunto explícase que “posto que o pasado ano no Concello no atendeu ao compromiso de aportación, e non constando resposta formal por parte do ente autonómico ao respecto desta distribución, a totalidade da achega municipal, os 400.000 euros deberá ser efectuada integramente no 2015”. En base a esta cuestión a alcaldía propuxo que solicitar á dirección de Augas de Galicia a modificación da distribución das anualidades a aboar polo Concello, comprometéndose a empregar recursos derivados do canom da auga, a través da correspondente xeración de crédito, e outras fontes alternativas favorables aos intereses municipais para aboar a débeda. Finalmente a proposta foi aprobada cos votos a favor do grupo de goberno, Ames Novo e PP e a abstención de Cidadáns.  

Festivos Locais
No pleno, foi aprobada tamén a proposta da alcaldía para os festivos locais do Concello de Ames para o ano 2016. Serán festivos locais o martes de entroido, 9 de febreiro de 2016, e 5 de maio, día da Ascensión. Ademais o Concello porá en marcha o vindeiro ano un plan de conciliación familiar e laboral para as familias que traballan noutros municipios onde ese día non é festivo e que teñen fillos en idade escolar. Este punto foi aprobado por unanimidade.  

Mocións
No canto das mocións presentadas polos grupos da oposición o pleno aprobou a proposta de Ciudadanos para a elaboración de xornadas, traballos e axendas para o alcalde e concelleiro con algún tipo de dedicación. Neste senso, decidiuse como medida transitoria, mentres non se establezan as medidas necesarias para fcelo a través da páxina web, publicar unha previsión de axenda semanal. Compre salientar que o alcalde, José Miñones, comprometeuse a que, en base ao acordo de investidura acadado coas forzas de esquerda de Ames, e polo que resultou elexido alcalde; a partir da próxima sesión plenaria e mentres non se aprobe o novo Regulamento Orgánico e e Participación Cidadá, daráselle voz aos veciñose veciñas e as asociacións, previa solicitude por rexistro antes do Pleno, cun tempo mínimo de 48 horas. 

Pola súa banda, Pacto x Ames presentou unha moción relativa á implantación de Espazos Cardio Protexidos. A moción incluía que se utilice a páxina web e a radio municipal para difundir a información relacionada con esta actuación e que se faculte ao alcalde para realizar as xestións necesarias para levar a cabo esta proposta. Esta moción tamén foi aprobada por unanimidade.  

Ames Novo presentou dúas mocións que tamén foron aprobadas por maioría. A primeira delas referíase á declaración de Ames como “Municipio libre de circos con animais” e a segunda a declaración do municipio como “Concello oposto o tratado transatlántico de comercio e inversión (TTIP) Ambas mocións foron aprobadas pola maioría da Corporación.  

Concello de acollida
Fora da orde do día, aprobouse pola vía de urxencia unha moción presentada polo grupo de Ames Novo para que Ames se sume aos municipios que acollen exiliados (sirios, libios, nixerianos, afganos, etc.) que levan desde fai varios meses refuxiandose en Europa. Na proposta de resolución acordouse comunicar ao Ministerio de Asuntos Exteriores a decisión de ser municipio acolledor, instar á Xunta de Galicia para que elabore un plan de acollida e poñer en marcha os medios necesarios para acoller aos refuxiados que nos correspondan, contando coa colaboración e a participación dos veciños/as, ademais de nomear ao alcalde para cantos trámites sexan precisos na execución destes acordos. A moción contou coas aportacións tanto do goberno municipal como do grupo de Pacto x Ames, e resultou aprobada por unanimidade.  


Contido relacionado


El Concello ofrecerá actividades para conciliar el martes de Carnaval, festivo local
Los concellos de Ames y Teo facilitarán la acogida de refugiados
Ames súmase aos concellos acolledores de exiliados