Pestanas principais

O Pleno aproba por unanimidade o regulamento orgánico municipal do Concello de Ames

Venres, 29 de xaneiro de 2016

[29-01-2016] Este xoves pola tarde celebrouse o pleno ordinario do mes de xaneiro no que os concelleiros e concelleiras da corporación municipal aprobaron por unanimidade o regulamento orgánico municipal do Concello de Ames. Nesta sesión plenaria tamén se deu conta da renuncia como concelleiro de Santiago Amor, que foi alcalde de Ames durante o mandato 2011-2015, e que renuncia a súa acta de edil por motivos laborais. Ademais, aprobáronse dúas mocións presentadas polo grupo municipal de Pacto por Ames sobre a concentración parcelaria de Biduído-Bugallido e sobre a seguridade viaria da AC-533 aos seu paso por Agrón, a sinalización en diversos puntos de comunicación viaria de Ames e as carencias de seguridade continuadas na autovía Santiago, Ames e Brión. Tamén se aprobou outra moción presentada polo grupo municipal socialista sobre a derogación da lei 27/2013 de racionalización e sustentabilidade da Administración local.

O alcalde de Ames, José Miñones, foi o encargado de introducir o debate sobre a aprobación inicial do regulamento orgánico municipal do Concello de Ames. O rexedor municipal lembrou que coa aprobación desta norma dáse cumprimento a un dos puntos que se recollen no acordo de investidura. Miñones explicou que se “trata dun regulamento bastante extenso que está divido en tres títulos e oito capítulos e no que se regula a organización do Pleno debido a gran diversidade de grupos políticos que hai na corporación municipal”.

“Non só e un regulamento para ordenar as intervencións dos concelleiros/as se non que vai moito máis alá. Despois dun proceso de consenso e tres reunións de moito traballo celebradas nos meses de outubro e novembro, hoxe traemos aquí a aprobación desta norma, despois de que fose revisado punto a punto por todos os grupos que participaron na súa elaboración. Unha vez aprobado este regulamento abordarase a elaboración do regulamento de participación cidadá”, engadiu Miñones.

Dende a Alcaldía explicaron que a través deste regulamento dáselle contido á Xunta de voceiros como un órgano de consulta e negociación política e de asesoramento para a Alcaldía. Este órgano haberá que convocalo con 48 horas de antelación ás comisións informativas e vai evitar a confusión que se creaba ata o de agora sobre as mocións que se podían debater por parte do pleno e as que non. Outro cambio importante prodúcese na orde do día que contará cun novo apartado de proposicións que será a proposta que a Alcaldía somete ao Pleno sen ditame da respectiva comisión informativa. Contará cunha parte expositiva ou xustificativa e un acordo para adoptar. Así diferenciarase claramente o apartado de mocións e proposicións.

Os voceiros/as dos grupos municipais da oposición coincidiron en sinalar que se trata dun regulamento importante que ordenará o funcionamento do pleno e que foi elaborado cun gran consenso de todas as forzas políticas con representación na corporación municipal de Ames. Tamén sinalaron que unha norma acorde aos novos tempos e que fai que o desenvolvemento das sesións plenarias sexan máis democráticas e plurais. Ademais, todos/as coincidiron en que este é un documento inicial, que haberá que ir adaptando á realidade do funcionamento do pleno.

Dende o grupo municipal de Ames Novo pedíronlle ao goberno que se aborde a elaboración do regulamento de participación cidadá o máis axiña posible. O voceiro do grupo municipal de Pacto por Ames sinalou que sería importante que este regulamento tamén recollese a posibilidade de que os grupos municipais tiveran acceso a un resumo diario da documentación que entra polo Rexistro municipal.

Dende Ciudadanos indicaron que é un logro importante a elaboración deste regulamento que contou cun alto consenso de todos os grupos, mentres que o voceiro do grupo municipal popular apuntou que a través desta norma vanse regular as intervencións dos concelleiros/as e clarifícase as mocións que poderán ser tratadas ao referirse a temas relacionados directamente co Concello. Asemade, destacou que neste regulamento tamén se aborda a situación dos concelleiros/as non adscritos en caso de habelos.

Intervención dos grupos municipais
O goberno municipal ou o concelleiro/a propoñente poderá facer uso dunha primeira intervención de presentación do asunto, cunha duración máxima de dous minutos, e doutra de peche, cunha duración máxima dun minuto. No debate, os diversos grupos consumirán unha primeira quenda. A intervención na primeira quenda de cada grupo ou concelleiro/a non adscrito/a non excederá de catro minutos. De existir segunda quenda, terá unha duración máxima de dous minutos.

Quen se considere aludido/a por unha intervención poderá solicitarlle ao/á presidente/a unha quenda por alusións, que será breve e concisa e non excederá dun minuto. Non se admitirán outras interrupcións, excepto do/a presidente/a, para chamar á orde ou á cuestión debatida. Os membros da corporación poderán, en calquera momento do debate, pedir a palabra para formular unha cuestión de orde, invocando a norma que entenden incumprida. O/a presidente/a resolverá o que proceda sen que, por este motivo, se inicie debate.

As intervencións dos grupos serán, a través dun/dunha voceiro/a, na orde inversa á representación na corporación (de menor a maior) e en primeiro lugar os concelleiros/as non adscritos/as. No suposto de que desexen intervir nun asunto varios concelleiros/as do mesmo grupo, repartirán o tempo, que non excederá de catro minutos na primeira quenda e de dous na segunda.

A presidencia poderá acordar unha duración superior das intervencións para aqueles asuntos que pola súa transcendencia así o requiran como son o pleno da organización, o pleno dos orzamentos e aqueles extraordinarios cun único asunto terán, de partida, unha duración superior nas intervencións. Na explicación ou presentación do asunto poderanse empregar dez minutos. Na primeira quenda de intervención os concelleiros/as disporán de de quince minutos; na segunda quenda de dez minutos, e na quenda de peche de cinco minutos.

Debate sobre o estado do Concello
Ademais, neste regulamento establécese que con carácter anual, durante o primeiro trimestre do ano, realizarase unha sesión extraordinaria do pleno dedicada ao debate do estado do Concello. Corresponderalle á Alcaldía, nunha primeira intervención, expoñer a situación xeral do Concello e as liñas mestras da acción de goberno. A continuación someterase a debate a intervención da Alcaldía e farán uso da palabra os/as voceiros/as dos grupos políticos e os/as concelleiros/as non adscritos/as, no caos de habelos. Rematada a intervención dos voceiros/as, haberá unha quenda de réplica a cargo do/a alcalde/esa e, rematada a réplica, concluirá a sesión.

A intervención da Alcaldía para expoñer a situación xeral do Concello e as liñas mestras da acción do seu goberno terá unha duración máxima de dez minutos. A intervención dos portavoces dos grupos e concelleiros/as non adscritos tamén terá unha duración máxima de dez minutos, ao igual que a réplica da Alcaldía.

Renuncia de Santiago Amor
Nesta sesión plenaria tamén se deu conta da renuncia como concelleiro de Santiago Amor, que foi alcalde de Ames durante o mandato 2011-2015, e que renuncia a súa acta de edil por motivos laborais. Amor despediuse da corporación municipal e dos veciños/as de Ames “despois de oito anos e medio adicado aos veciños/as de Ames e ao Concello de Ames coa conciencia tranquila de haber feito en cada momento o que tiña que facer e traballando con honestidade e honradez por este concello, poñendo por encima de todo o interese municipal, traballando o mellor que sabía e sen escatimar en horarios, axudando a que Ames sexa un concello viable e con futuro, cos meus erros e coas miñas eivas”.

Santiago Amor agradeceu o traballo de todos os traballadores municipais, en especial aos dos departamentos económicos, porque segundo dixo “os políticos pasamos, pero os traballadores quedades”. Tamén lle deu as grazas aos concelleiros/as das corporacións de 2007 e 2011, aos alcaldes que o precederon, José Astray e Carlos Fernández, aos compañeiros e concelleiros dos grupos municipal popular, así como aos colaboradores e ao voceiro do grupo municipal popular que ao final da lexislatura 2003-2007 lle cedeu o testigo, José Ramón Agra.

Todos os voceiros dos grupos municipais da corporación desexáronlle sorte a Santiago Amor na núa nova etapa laboral e animárono a que contribúa a establecer un nexo de unión entre o Concello de Ames e a Xunta de Galicia no novo posto que vai a desenvolver no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Neste punto tamén se deu conta da renuncia anticipada de Alfredo Taboada, polo que proximamente Roberto José Martínez Viaño pasará a formar parte do grupo municipal popular.

Aprobación de mocións
Ademais, aprobáronse dúas mocións presentadas polo grupo municipal de Pacto por Ames sobre a concentración parcelaria de Biduído-Bugallido e sobre a seguridade viaria da AC-533 ao seu paso por Agrón, a sinalización en diversos puntos de comunicación viaria de Ames e as carencias de seguridade continuadas na autovía Santiago, Ames e Brión. Tamén se aprobou outra moción presentada polo grupo municipal socialista sobre a derogación da lei 27/2013 de racionalización e sustentabilidade da Administración local.


Contido relacionado


El Correo Gallego:"Norma para ordenar el pleno amiense sin Amor"
La Voz de Galicia:"Ames acota sus debates políticos"