Pestanas principais

O pleno aproba por unanimidade a ordenanza reguladora de terrazas

Venres, 28 de maio de 2021

Por primeira vez regularase o uso das terrazas en Ames, logo da aprobación definitiva, por unanimidade, da ordenanza reguladora da ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e outros elementos vinculados á actividade comercial e hostaleira con fins non festivos. Foi un dos asuntos que a Corporación municipal abordou na sesión plenaria ordinaria deste mes de maio, na que o alcalde de Ames, Blas García, compareceu a petición do grupo municipal do PP para  informar sobre o desenvolvemento do Plan Impulsa Ames. Os populares tenderon a man ao goberno para aproveitar os investimentos previstos para o concello e traballar xuntos na realización dos proxectos contemplados no plan. O alcalde agradeceu o xesto e anunciou a convocatoria dunha xuntanza de traballo cos diferentes formacións políticas para abordar os proxectos. Ademáis, saíron adiante as propostas presentadas polo grupo municipal do PSOE, relativa ao Plan Forestal de Galicia 2021-2042 , polo grupo municipal do BNG, en defensa dun modelo de enerxía eólica sustentable, e unha moción de urxencia dos populares sobre a reposición da liña de bus de Ortoño.

Logo de que o pasado 14 de maio o Goberno municipal de Ames asinara con representantes da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e da Asociación de Hostalería de Compostela un acordo sobre o texto definitivo da ordenanza reguladora da ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e outros elementos vinculados á actividade comercial e hostaleira con fins non festivos, a Corporación municipal de Ames deu luz verde, por unanimidade, á súa aprobación definitiva. Todas as formacións políticas celebraron o acordo alcanzado e as achegas feitas ao documento, que permitiron a súa aprobación. O concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, incidiu na importancia de que “todas aquelas terrazas ubicadas en espazos que non teñan ningún tipo de intervención no medio, non susceptibles de causar algún tipo de dano, quedan exentas neste momento de constituír a fianza. Ademáis, pásase a reformular en dous tramos de 14 e 24 euros por metro cadrado ocupado, segundo o tipo de ubicación e superficie das mesmas para os outros casos”.

Obras na Casa da Cultura de Bertamiráns e na EIM O Bosque
Tamén por unanimidade de todas as formación políticas sairon adiante o proxecto técnico corrixido da obra de reparacións e mellora na Casa da Cultura de Bertamiráns, consistente en subsanar as deficiencias de índole formal indicadas polos técnicos da Deputación da Coruña, e a declaración de interese público provincial no expediente de solicitude de subvención á Deputación de A Coruña para o acondicionamento e mellora térmica de cuberta e fachadas da Escola Infantil Municipal O Bosque. Prestouse así conformidade á memoria elaborada polo concelleiro de educación e declarouse que concorren razóns de interese público de carácter cultural, deportivo, social, económico ou humanitario para que a Deputación provincial, no fomento dos intereses peculiares da provincia, deba contribuír economicamente con 52.000 euros á realización das actuacións de acondicionamento e mellora térmica de cuberta e fachadas da EIM O Bosque, definidas no proxecto técnico aprobado polo pleno en sesión do 25 de febreiro, redactado por Salgado e Liñares SLP cun orzamento total de 78.920,40 euros, supoñendo a achega provincial o 65,88917%.
Igualmente, e tamén por unanimidade, saiu adiante a aprobación provisional do Plan Especial de Dotacións e Infraestruturas, para a execución dunha residencia da terceira idade na Travesía da Moa do Milladoiro.

Comisións informativas
Outro dos temas abordados na sesión plenaria ordinaria deste mes de maio foi a proposta para introducir modificacións na denominación das comisións informativas permanentes tendo en conta a experiencia de funcionamento dos dous últimos anos. Cos votos a favor do grupo de goberno e do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, e as abstencións do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, e do grupo municipal do PP, as novas comisión informativas permanentes pasan a ser as seguintes: de Administración Xeral e Atención Veciñal; de Desenvolvemento Urbano, Patrimonio Municipal, Medio Ambiente e Obras e Servizos; de Transición Ecolóxica; de Benestar Social e Promoción da Saúde; de Educación, Cultura, Lingua e Mocidade; e de Economía, Facenda e Especial de Contas.  

Prórroga do contrato da xestión de limpeza viaria e o Punto Limpo
Cos votos a favor do grupo de goberno e do concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, a abstención do concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, e o voto en contra do grupo municipal do PP, aprobouse tamén a prórroga do contrato para a concesión da xestión da limpeza viaria e o Punto Limpo do Concello. É a sexta prórroga do contrato e terá unha vixencia de seis meses. O concelleiro popular, Javier Olmo, defendeu o voto en contra da súa formación ao entender que “Ames creceu moito e o contrato non se axusta á realidade do concello na actualidade. Houbo deixadez e exceso de confianza por parte do grupo de goberno”.

Décima modificación puntual da RPT
A Corporación municipal aprobou, igualmente, a décima modificación puntual da Relación de Postos de Traballo do Concello de Ames, con seis acordos que servirán para subsanar “deficiencias de carácter estrutural”, segundo o concelleiro de Persoal. Víctor Fernández anunciou tamén a convocatoria dunha xuntanza a próxima semana, cos representates dos traballadores, para abordar a revisión en profundidade da RPT. O punto saiu adiante cos votos a favor do grupo de goberno, a abstención de Quique Costas e os votos en contra de PP e do concelleiro José Ramón Oulego.

Proposta sobre Plan Forestal de Galicia
Cos votos a favor do grupo de goberno e do concelleiro Quique Costas, e os votos en contra de José Ramón Oulego e Partido Popular, aprobouse unha proposta do Grupo Municipal Socialista  pola que se insta á Xunta de Galicia a paralización da tramitación do Plan Forestal de Galicia 2021-2042, solicitando que se inicie un novo proceso de elaboración do PFG que incorpore aspectos como a redacción dun anteproxecto de partida para a súa divulgación e coñecemento das partes interesadas; a comunicación, con acuse de recibo, a todas as persoas propietarias de terras forestais, agrarias e doutros dereitos afectados polo anteproxecto; unha canle de participación aos concellos de Galicia que catalice os informes técnicos e xurídicos de cada un deles; un proceso de información-formación técnica, legal e económica, dirixida ás persoas afectadas propietarias de terras agrarias, forestais, de dereitos de augas e outros dereitos; a elaboración dun Informe compilador técnico-xurídico sobre da lexislación internacional, europea, estatal e autonómica; un documento cos dez mellores e máis avanzados plans forestais de ámbito europeo para referenciar o PFG; a elaboración do Inventario forestal galego actualizado no presente ano; un estudo de impacto ambiental e económico do eucaliptal e do monte autóctono europeo en Galicia e outro de afectación de espazos naturais protexidos de carácter nacional, autonómico e local, así como doutras zonas sensibles recollidas polo MAPA estatal; un estudo de Afectación do PFG aos acuíferos e capas freáticas do subsolo; un estudo de Afectación do PFG na acidificación dos solos, na fauna e na flora silvestres; un estudo de interaccións positivas e negativas co Plan eólico, Plan mineiro, liñas de transporte de enerxía, redes de comunicación, FFCC e viaria, concentracións parcelarias e de montes, polígonos agrarios, forestais e industriais, montes veciñais e comunidades de montes.

Proposta sobre a enerxía eólica
Asemade, o grupo municipal do BNG levou ao pleno unha proposta en defensa dun modelo de enerxía eólica sustentable, xusta e galega, fronte ao espolio e a depredación. Esta saiu adiante cos votos a favor do grupo de goberno e Quique Costas, a asbtención de José Ramón Oulego e o voto en contra do grupo municipal do PP. A proposta aprobada pide, entre outras cuestións, desenvolver un marco regulador do sector eólico que incremente as garantías sociais, económicas e medioambientais e que conte cunha ampla participación dos sectores implicados (asociacións veciñais, agrarias, ecoloxistas, sindicais, centros de investigación, comunidades de montes); dar rango de Lei ao impulso de Plans de Desenvolvemento Industrial asociados ás novas instalacións establecendo medidas que as autorizacións de novos parques eólicos se vinculen a proxectos industriais que xeren riqueza e emprego, impulsar medidas que garantan a socialización dos beneficios do papel xerador de Galicia e o retorno económico para o noso país, incrementar a vixilancia sobre as garantías medioambientais; e garantir unha verdadeira política de transparencia, información e participación cidadá.

Petición de información sobre a EDUSI
A orde do día do pleno ordinario do mes de maio incluía tamén unha petición do grupo municipal do Partido Popular para que o alcalde informase sobre o desenvolvemento do Plan Impulsa Ames. Concretamente, os populares pedireon unha relación das actuacións xa executadas, das que están en proceso de execución e das que están pendentes de executar. Ademais requiriuse información sobre a porcentaxe xa executada en función do orzamento, que se especificaran as modificacións posteriores do proxectos inicialmente aprobados, a data límite para executar a totalidade do Plan Impulsa Ames e a data prevista de execución.
O alcalde de Ames, Blas García, deu lectura ás respostas requiridas polo grupo municipal do Partido Popular, ademáis de garantizar a súa entrega por escrito a todas as formacións políticas da Corporación municipal. O rexedor local deu unha relación dos proxectos xa realizados, como as obras de eliminación de barreiras arquitectónicas, e dos que están en proceso de execución e que contan cun montante total de máis de 3.675.000 euros. Tamén relatou os traballos pendentes de executar, por valor de preto de 2.500.000 euros, e estimou nun 14% a porcentaxe xa executada, en función do orzamento, das dez liñas de actuación nas que se condensa o Plan de cumprimento da estratexia. En canto á data límite para executar a totalidade do Plan e a data prevista de execución, Blas García marcou no calendario o 31 de decembro de 2023.

Os populares tenderon a man ao goberno para aproveitar os investimentos previstos para o concello e traballar xuntos na realización dos proxectos contemplados no plan. O alcalde agradeceu o xesto e anunciou a convocatoria dunha xuntanza de traballo cos diferentes formacións políticas para abordar os proxectos.

Moción de urxencia
O pleno rematou coa presentación dunha moción de urxencia por parte do grupo municipal do Partido Popular, relativa á necesidade de que os Concellos de Ames e Santiago traballen na elaboración dun convenio que permita a reposición da liña de bus P-2, entre Ortoño e Santiago de Compostela. A moción saiu adiante por unanimidade, logo de que os populares aceptaran unha achega que suxeriu a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, coa que se insta a Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade a realizar os trámites necesarios para incrementar o número de frecuencias da liña XE807 que sae de Extramundi.

Novas relacionadas: 

La Voz de Galicia: "Ames valida de forma definitiva la ordenanza de terrazas tras negociarla con el sector"

Lindeiros:  "Ames xa conta cunha ordenanza de terrazas"

 

Pleno mes de maio 2021