Pestanas principais

O Pleno aproba por unanimidade a solicitude de reversión da parcela cedida no Milladoiro para o parque comarcal de bombeiros

Venres, 02 de marzo de 2018

[02-03-2018] Este xoves, 1 de marzo, celebrouse a sesión plenaria ordinaria do mes de febreiro. A corporación municipal aprobou por unanimidade a solicitude de reversión da parcela cedida para o parque comarcal de bombeiros. Ademais, aprobouse a aprobación do proxecto técnico do camiño en Punxeiras baixas e outros; a aprobación da desafectación dun camiño público situado no lugar de Firmistáns para ser incluído como ben patrimonial; a autorización dunha terceira prórroga polo prazo de cinco anos do contrato de xestión explotación e mantemento do Centro deportivo municipal A Telleira; dúas autorizacións de compatibilidade; e catro propostas presentadas polos grupos municipais do Partido Popular, Ames Novo e Pacto por Ames. Unha proposta presentada polo grupo popular sobre a prisión permanente revisable foi denegada.

Outros asuntos aprobados
Outros puntos da orde do día que foron aprobados por unanimidade foron o proxecto técnico denominado Camiño en Punxeiras baixas e outros que conta cun orzamento de 52.250,22 euros. Este proxecto preténdese sufragar coa subvención de 43.182 euros, que achega a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a través do plan de mellora de camiños municipais 2018-2019. O importe de 9.068,22 correspondente ao IVE debe ser asumido polo Concello de Ames. Este proxecto recolle a mellora de dous camiños: o viario de Punxeiras, que vai dende a escola unitaria, e outro que é o camiño que bordea o lugar de Seares de Abaixo. Tamén se aprobou por unanimidade a desafectación dun camiño público de 162,82 metros cadrados situado no lugar de Firmistáns, na parroquia de Bugallido, para ser recibido formalmente o terreo desafectado con carácter de ben patrimonial.

Asemade, aprobouse por unanimidade delegar na Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia as competencias relativas á convocatoria e desenvolvemento dos procesos selectivos para o acceso ás diferentes categorías dos corpos de policía local e as prazas de auxiliares de policía local ou as prazas de vixilantes municipais, tal e como se recolle no convenio remitido pola Consellería de Presidencia, Administración Pública e Xustiza. Deste xeito, será a Academia Galega de Seguridade Pública a que realice todos os procesos selectivos dos Concello que se sumen a dito convenio. Ademais, isto permitirá que o persoal que aprobe o proceso selectivo, pero non obteña praza, pase a formar parte dunha lista de agarda, que permitirá cubrir baixas de longa duración.

Por outra banda, aprobouse por unanimidade conceder dúas autorizacións de compatibilidade a un auxiliar administrativo a unha técnica para exercer a actividade privada de avogado/a en horario de tarde, cunha serie de condicións que lle marcará o propio Concello de Ames. Por último, aprobouse co voto favorable dos membros do goberno e dos concelleiros e concelleiras de Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, a terceira prórroga, polo prazo de 5 anos, da concesión administrativa da xestión e mantemento do Centro deportivo municipal A Telleira. Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular e de Pacto por Ames, abstivéronse. Este acordo de prórroga establece que a concesionaria, Serviocio Deporte, Cultura e Recreación SL, terá que realizar obras de investimento por importe de 265.375 euros, sen incluír o IVE.

Propostas tratadas
Na sesión plenaria de onte tratáronse cinco propostas presentadas polos grupos municipais do Partido Popular, Ames Novo e Pacto por Ames, unha delas presentada por vía de urxencia. Ames Novo presentou dúas propostas; unha para a adhesión do Concello de Ames ao Pacto dos alcalde pola enerxía sostible e o clima, que foi aprobada por unanimidade. A segunda proposta de Ames Novo tratou sobre Ahed Tamini, a menor palestina encarcerada. O grupo municipal popular presentou un voto participar a esta proposta que foi rexeitado. Finalmente a proposta saíu adiante co voto a favor dos 9 membros do goberno e dos 4 edís de Ames Novo, mentres que os concelleiros/as de Pacto por Ames, Partido Popular e mailo concelleiro non adscrito, Javier López, abstivéronse.

O grupo de Pacto por Ames presentou unha moción para resolver os desequilibrios retributivos entre os diferentes corpos e forzas de seguridade do Estado. Neste caso o grupo Ames Novo presentou un voto particular a dita proposta, que foi rexeitado, e o grupo municipal popular presentou unha emenda, que foi aprobada, para instar ao Concello de Ames a que a equiparación salarial tamén afecte ao colectivo da Policía Local. Finalmente, esta proposta coa emenda do Partido Popular foi aprobada co voto a favor dos grupos do Partido Popular, de Pacto por Ames e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os concelleiros/as do grupo de goberno e de Ames Novo, abstivéronse.

Por outra banda, o grupo popular presentou unha proposta de moción para apoiar e defender a prisión permanente revisable, que foi denegada co voto en contra do goberno, Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os edís do Partido Popular e de Pacto por Ames votaron a favor. Por último, o grupo municipal popular presentou unha proposta por vía de urxencia para o arranxo do aparcadoiro provisional que está no entorno do centro de saúde do Milladoiro. Esta moción foi aprobada co voto favorable de Partido Popular, Pacto por Ames, Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López, mentres que os concelleiros/as do grupo de goberno votaron en contra.

Un dos puntos máis importantes que se debateu onte no pleno ordinario do mes de febreiro foi a solicitude de reversión da parcela cedida para o parque comarcal de bombeiros. Este punto saíu adiante co voto favorable de toda a corporación municipal. Cómpre lembrar que a parcela EQ3, que está situada no sector S-16 Galdrachán, no Milladoiro, conta cunha superficie de 4.669,39 metros cadrados, e foi cedida na sesión plenaria do 30 de outubro de 2008 á Xunta de Galicia para construír no Milladoiro o parque comarcal de bombeiro.

Dende marzo de 2016 recuperouse a Mancomunidade de Santiago para traballar en varios eidos. Un deles era crear unha comisión de Emerxencias para estudar a mellor opción para o parque de bombeiros da comarca. Tras varias xuntanzas da Mancomunidade e, incluso, despois da sinatura dun documento por parte dos alcaldes de Ames, Boqueixón, Brión, Teo, Val do Dubra e Vedra, no que solicitaron a construción dun novo parque comarcal de bombeiros, o pasado 7 de febreiro presentouse o Plan de comarcalización do parque de bombeiros de Santiago.

O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “por primeira vez existe una acordo entre as tres partes implicadas, que son Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello de Santiago, para a comarcalización do parque de bombeiros. Nós, dende que chegamos ao goberno, sempre defendemos que o primeiro era dispor deste servizo. A ubicación do parque era secundario, fose en Ames ou en Santiago. O importante é que se preste este servizo o máis axiña posible. Esa parcela cedeuse en 2008, nun momento no que na contorna de dita parcela, non existía o instituto e maila igrexa do Milladoiro, polo que agora cremos que esa non e a mellor ubicación para dito parque”.

O voceiro do grupo municipal Pacto por Ames, Ramón García Argibay, lembrou que na sesión plenaria do 26 de decembro de 2014 o actual alcalde, naquel momento voceiro do grupo municipal socialista, solicitou que a reversión desta parcela quedase encima da mesa ata que houbese un informe oficial da Xunta de Galicia no que renunciara á construción de dito parque no Milladoiro. Sobre este asunto, Miñones aclarou que a situación actual é moi distinta a de 2014, xa que agora existe un compromiso claro das tres partes implicadas para comarcalizar o parque de bombeiros de Santiago e, ademais, existe un proxecto para a parcela de Galdrachán que será destinada a albergar o centro multidisciplinar para a xuventude, que se sufragará con fondos europeos Feder.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Mejoras para el parquin del dispensario de O Milladoiro"
Lindeiros: "O Pleno de Ames aproba a solicitude de reversión da parcela cedida para o parque comarcal de bombeiros"
Compostela 24 horas: "El pleno de Ames aprueba la reversión de la parcela destinada al parque comarcal de bomberos"
Ames Go: "O Pleno aproba unha resolución para incluír á policía local na equiparación salarial que reclaman policías nacionais e gardas civís"
La Voz de Galicia: "Ames prevé un centro juvenil en el solar que cedió para el parque de bomberos"
Ames Go: "O Pleno de febreiro aprobou distintas obras e a prórroga á concesionaria da piscina cuberta"
Ames Go: "O Concello planea un centro para a xuventude no terreo previsto para o parque de bombeiros"