Pestanas principais

O Pleno aproba a primeira prórroga do contrato de xestión da limpeza viaria e do punto limpo de Ames

Venres, 30 de setembro de 2016

[30-09-2016] Este xoves, 29 de setembro, celebrouse o pleno ordinario deste mes. Nesta sesión plenaria aprobouse a primeira prórroga do contrato de xestión da limpeza viaria e do punto limpo. Outro dos asuntos aprobados foi a aprobación definitiva do regulamento do Consello Escolar Municipal de Ames e maila designación dos dez representantes da corporación municipal en dito consello escolar. Ademais, aprobouse a modificación do dominio da sede electrónica do Concello de Ames que pasará a ser sede.concellodeames.gal, así como as propostas de que o Concello de Ames se postule como sede da Axencia Europea do Medicamento e sobre o incumprimento do tratado liberal entre España e Venezuela en materia de seguridade social asinado o 12 de maio de 1988.

A corporación municipal deulle luz verde á primeira prórroga do contrato de xestión da limpeza viaria e do punto limpo. Este punto saíu adiante por maioría absoluta, co voto favorable dos 9 membros do goberno local, do 3 edís do grupo municipal popular, dos 4 concelleiros/as de Ames Novo e do concelleiro non adscrito Javier López. Os membros de Pacto x Ames abstivéronse. A este acordo púidose chegar despois de que no pasado pleno ordinario de marzo se modificara o sistema de prórroga do contrato asinado con Urbaser SA.

Tendo en conta que en xaneiro de 2017 remata dito contrato, dende a concellaría de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, presentaron a proposta de modificar o réxime de prórroga co obxectivo de que esta se realice de xeito anual, por mutuo acordo de ambas partes, ata un máximo de 10 anos, en lugar dos 10 anos seguidos previstos anteriormente no contrato. Todos os grupos municipais apoiaron esta iniciativa e votaron a favor polo que este asunto saíu adiante por unanimidade no pasado pleno de marzo.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explicou que a intención do goberno municipal é renovar o contrato por un ano máis”. Blas García tamén destacou que a partir do 15 de xaneiro de 2017 os medios que emprega a empresa Urbaser para realizar a limpeza viaria pasarán a ser propiedade do Concello, xa que pasan a estar amortizados, polo que iso implicará unha diminución no custe do contrato durante o ano que se amplía. Aínda así é difícil facer unha estimación real do aforro que se vai conseguir porque é moita a maquinaria a que ten a empresa concesionaria e hai que valorar o estado no que está”.

O concelleiro de Servizos Básicos apuntou que “o canón que se está pagando en 2016 é de 624.237 euros ao ano, sen IVE, e máis 63.984 euros correspondentes ao contrato de ampliación do servizo que comezou a prestarse o 1 de agosto. Isto supón un cota de 57.352 euros por mes. No novo contrato pasaríamos a pagar 578.299 euros ao ano máis o custo da ampliación do contrato que é o mesmo. Iso suporía un custo de 53.523 euros ao mes, o que permitiría aforar uns 4.000 euros ao mes e uns 50.000 euros ao ano. Hai que ter en conta que esta é unha estimación que fixemos no goberno, pero non son as cifras definitivas”.

Consello Escolar Municipal de Ames
Outro dos asuntos que se aprobou por maioría absoluta foi a aprobación definitiva do regulamento do Consello Escolar Municipal de Ames e maila designación dos dez representantes da corporación municipal en dito consello escolar. Este punto saíu adiante co voto a favor dos 9 membros do goberno municipal, dos 3 concelleiros/as de Pacto x Ames, dos 3 edís do Partido Popular e do concelleiro non adscrito Javier López. Os membros de Ames Novo abstivéronse.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, recordou que “no pasado pleno ordinario de marzo foi aprobado, de xeito inicial, o regulamento do Consello Escolar Municipal de Ames”. Trátase dun órgano, que en palabras do concelleiro de Educación e Cultura, “servirá de altofalante da comunidade educativa para todo o referido ao ámbito da educación. É unha ferramenta formal para canalizar as demandas en materia educativa, polo que agardamos que sexa un órgano útil”.

Dito regulamento substituirá ao aprobado no ano 2004, que nunca se chegou a poñer en marcha. O novo regulamento inclúe unha cláusula importante que é a participación de todos os membros da corporación e da comunidade educativa que desexen estar presentes nos plenos deste consello escolar. Este órgano será o principal punto de encontro da comunidade educativa para a toma de decisións no ámbito municipal.

Deste xeito, a proposta presentada polo goberno municipal, e que foi aprobada polo Pleno, é que estes dez representantes sexan os directores/as dos centros públicos ou as persoas da directiva en quen deleguen: isto é o director do CEIP Agro do Muíño, a directora da EEI do Milladoiro, a directora do CEIP da Maía, o director do CEIP de Barouta, o director do CEP de Ventín, a directora do IES de Bertamiráns, o director do IES do Milladoiro, e mailo titular do colexio concertado Alca. A estes oito representantes sumarase a directora da escola infantil municipal A Madalena e a directora da Galiña Azul de Bertamiráns os anos par, mentres que os anos impares uniranse a directora da escola infantil municipal O Bosque e a directora da Galiña Azul do Milladoiro.

Sede electrónica do Concello de Ames
Por outra banda, tratouse o cambio de dominio da sede electrónica do Concello de Ames. No pleno ordinario de febreiro de 2013 adoptouse o acordo de crear a sede electrónica do Concello de Ames (sede.concellodeames.org) como unha subsede da sede electrónica da Deputación Provincial da Coruña (sede.dicoruna.es). Agora, aprobouse en Pleno por unanimidade o cambio de dominio do enderezo electrónico da sede municipal que pasará a denominarse sede.concellodeames.gal. A través desta modificación o goberno municipal pretende avanzar no camiño da normalización administrativa do uso do galego na administración local.

Ademais, aprobouse por maioría absoluta unha proposta presentada por Javier López, en calidade de voceiro do grupo municipal de non adscritos, para que o Concello de Ames se postule como sede da Axencia Europea do Medicamento. Este punto saíu adiante cos votos favorables dos concelleiros/as de Ames Novo, Partido Popular, Pacto x Ames e do concelleiro non adscrito Javier López. Os membros do goberno local abstivéronse. Nesta proposta ínstase ao goberno de España e á Unión europea para que teñan en conta ao Concello de Ames como municipio de acollida da sede da AEM, unha vez esta deixe de ubicarse na cidade de Londres, con motivo da saída de Reino Unido como estado membro da Unión Europea. Ademais, tamén se insta a estes dous organismos a que teñan en conta Ames como concello de acollida doutros organismos internacionais, que tendo na actualidade sede en Londres, estean na busca dunha nova ubicación.

Por último, aprobouse por unanimidade unha proposta presentada polo grupo municipal de Pacto x Ames sobre o incumprimento do tratado liberal entre España e Venezuela en materia de seguridade social asinado o 12 de maio de 1988. Nesta proposta ínstase ao goberno de España para que lle solicite ao goberno da República Bolivariana de Venezuela o cumprimento do devandito convenio. Asemade, ínstase ao Ministerio de Emprego e Seguridade Social para que ofrezan unha solución temporal ás persoas emigrantes retornadas de Venezuela, que non están cobrando a súa pensión ata que o goberno de Venezuela proceda ao pagamento pendente. Tamén se insta á Xunta de Galicia para que se interese pola situación dos galegos e galegas que forman parte deste colectivo, e haberá que dar traslado ao Consulado Xeral da República Bolivariana de Venezuela en Vigo da aprobación desta moción.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello aprueba la prórroga del contrato con Urbaser para la gestión de la limpieza viaria"