Pestanas principais

O Pleno aproba a proposta do goberno sobre a asignación de dedicacións, a contratación de persoal de confianza e a dotación de medios para os grupos políticos da oposición

Mércores, 03 de xullo de 2019

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este martes o pleno de organización da nova corporación municipal do Concello de Ames. A dotación de medios en favor dos grupos políticos, a creación de postos de traballo de persoal eventual de confianza e, sobre todo, a asignación de dedicacións exclusivas e parciais, foron os temas que xeraron maior debate nunha sesión que se prolongou por espazo de dúas horas. O pleno serviu tamén para establecer a periodicidade das sesións plenarias, da Xunta de Goberno Local e para a creación das comisións informativas permanentes.

O único punto aprobado por unanimidade foi a periodicidade das sesións ordinarias do pleno, que se seguirán a desenvolver os últimos xoves de mes ás 20,30 horas. A principal novidade para este mandato estriba en que, de coincidir con festivo o día da sesión ordinaria, determinarase unha nova data na Xunta de Voceiros. A dotación económica por asistencia a pleno será de 200 euros por concelleiro/a. As sesións ordinarias da Xunta de Goberno Local, pola súa banda, seguirán a desenvolverse todas as semanas e contarán cunha dotación económica por asistencia de 100 euros por concelleiro/a. O grupo municipal do PP votou en contra deste punto por “non entender a suba no importe a cobrar polos integrantes da Xunta de Goberno”, segundo manifestou o seu voceiro, Ramón García Argibay. O grupo de goberno e o Grupo Mixto votaron a favor e o alcalde de Ames, José Miñones, destacou que “a suba é proporcional á que se realiza cos plenos”.

Outro dos temas que se tratou no pleno de organización foi a composición das comisións informativas permanentes. O grupo de goberno propuxo que se constitúan seis comisións informativas: Administración Xeral e Atención Veciñal; Desenvolvemento Urbano; Benestar e Promoción Social; Transición Ecolóxica; Promoción da Saúde; e Economía e Facenda e Especial de Contas. A dotación económica por asistencia ás comisións será de 50 euros por concelleiro/a. En canto á representatividade, estarán formadas por 3 concelleiros do PSDG PSOE, 2 do PP, 1 do BNG, 1 de Contigo Podemos e 1 do Grupo Mixto. Dende o Grupo Mixto, precisamente, demandaron buscar unha solución para que os dous concelleiros que o integran poidan acudir ás comisións informativas. O punto saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno e a abstención de PP e Grupo Mixto. A mesma intención de voto mantívose no punto referido ao nomeamento de representantes da corporación municipal en órganos colexiados competencia do pleno. Neste sentido, será o alcalde o representante do Concello, podendo delegar en calquera dos membros do goberno municipal, na Mancomunidade de Municipios de Santiago, no Padroado da Fundación Comarcal de Santiago, no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, na mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza e na Asamblea Xeral de CLUN S. Cooperativa Galega.

Dotación de medios en favor dos grupos políticos e persoal de confianza

Segundo se recolle na proposta aprobada no pleno de organización, o goberno municipal terá catro postos de persoal de confianza (dous administrativos e dous auxiliares administrativos), mentres que os grupos da oposición disporán dun local co material necesario para poder realizar o seu traballo. Ademais, os grupos do Partido Popular e Grupo Mixto terán un e dous auxiliares administrativos, respectivamente. O dos populares a xornada completa e os do Grupo Mixto a media xornada. O punto sobre a dotación de medios en favor dos grupos políticos saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno, a abstención de José Ramón Oulego e os votos en contra de PP e Quique Costas. Este último argumentou o seu voto negativo en función “da distribución dos locais, xa que dificilmente o Grupo Mixto poderá desenvolver o seu traballo nun despacho compartido” e tamén pola asignación da media xornada aos dous administrativos do grupo xa que “o traballo será o mesmo para o traballador ou traballadora de cada grupo político e se toma unha solución manifestamente inxusta con eles ao propoñer a media xornada”.  Por outra banda, o punto sobre a contratación de persoal de confianza foi aprobado, igualmente, cos votos a favor do grupo de goberno, a abstención de José Ramón Oulego e os votos en contra de PP e Quique Costas.  

Dedicacións exclusivas e parciais

O último punto da sesión plenaria, relativo ás dedicacións e asignacións económicas que terán o alcalde e os concelleiros do grupo de goberno, foi o que máis debate suscitou. O voceiro do PP, Ramón Argibay, acusou ao goberno de facer “unha axencia de colocación” e de “duplicar a partida económica para estes catro anos”. Foi o inicio dun debate cheo de reproches e sobre o que o alcalde de Ames, José Miñones, manifestou que “o incremento é proporcional co incremento de concelleiros e concelleiras para este mandato, ademais de estar aparellado ao soldo do funcionariado”. O rexedor municipal dixo non querer “entrar no xogo” do voceiro dos populares, a que acusou de dicir “falsedades”.  Deste xeito, seis concelleiros/as do goberno terán unha dedicación exclusiva e outras cinco disporán dunha dedicación parcial.

Neste punto, os trece edís do grupo de goberno votaron a favor, o grupo municipal do PP en contra e o Grupo Mixto optou pola abstención. As dedicacións exclusivas serán asumidas polo alcalde, José Miñones, polo concelleiro de Educación, David Santomil, polo concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, pola concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero,  polo concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, e polo concelleiro de Administración Xeral, Víctor Manuel Fernández. Por outra banda, as dedicacións parciais serán para a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, para a concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, para a concelleira de Deportes e Atención Veciñal, Susana Señorís, para a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, e para a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín. As concelleiras de Promoción Económica, Ana Belén Paz e de Transparencia, Vanessa Vidal, non contan con dedicación algunha.

Retribucións do grupo de goberno

Asemade, e seguindo o principio de transparencia instaurado polo goberno municipal dentro da Administración local, fíxeronse públicos os salarios que percibirán tanto o alcalde como os concelleiros/as que teñen algún tipo de dedicación. Deste xeito o alcalde de Ames, José Miñones, disporá dunha retribución bruta anual de 53.000 euros; o primeiro tenente de alcalde, David Santomil, o segundo tenente de alcalde, Blas García, e a terceiro tenente de alcalde, Genma Otero, percibirán unha retribución bruta anual de 39.750 euros. Dita cantidade equivale ao 75% das retribucións brutas da alcaldía. Os concelleiros de Transición Ecolóxica e Medio Rural, Manuel Lens, e de Administración Xeral, Víctor Manuel Fernández, terán unha retribución bruta anual de 34.450 euros, equivalente ao 65%  das retribucións brutas da alcaldía.

Ademais, as cinco edís con dedicación parcial, que son a concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, a concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, a concelleira de Deportes e Atención Veciñal, Susana Señorís, a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, e a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, disporán dunha retribución bruta anual de 29.150 euros. Dita cantidade equivale ao 55% das retribucións brutas da alcaldía. 

Ligazóns:

La Voz de Galicia: "El regidor de Ames percibirá 53.000 euros de sueldo bruto y los tenientes de alcalde, 39.750"

El Correo Gallego: "Miñones percibirá 53.000 euros al año y es el regidor mejor pagado en la comarca de Santiago"

Lindeiros: "Os políticos de Ames acordan que non están de acordo"

Pleno de organización do Concello de Ames

Multimedia

  • Pleno de organización do Concello de Ames
  • Pleno de organización do Concello de Ames