Pestanas principais

O Pleno aproba prorrogar ata final de ano o contrato do Ciclo integral da Auga para despois xestionalo a través dunha empresa pública municipal

Venres, 30 de abril de 2021

Este xoves, 29 de abril, celebrouse a sesión ordinaria do pleno de abril no que a Corporación municipal aprobou por unanimidade o inicio da tramitación para a creación dunha mancomunidade co Concello de Brión para a xestión conxunta da ETAP Ames-Brión e maila proposta de corrección de solicitude de POS+ 2021. Ademais, aprobouse por maioría absoluta a ratificación do acordo da Xunta de Goberno Local sobre o desistimento do expediente de licitación do servizo de limpeza viaria e xestión do Punto Limpo e a prórroga do contrato de xestión do servizo público do Ciclo Integral da Auga subscrito coa empresa Espina & Delfín. O obxectivo do Goberno municipal é crear unha empresa pública municipal para a xestión do Ciclo integral da auga. Tamén se aprobaron tres propostas e unha moción.

O pleno ordinario de abril comezou co alcalde dando conta ao Pleno da Corporación dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria que van dende o decreto número 1.049  ata o 1.528. De seguido, deuse conta tamén ao Pleno dos decretos de organización ditados polo novo titular da Alcaldía, Blas García. Despois aprobáronse por unanimidade seis actas de plenos celebrados nos meses de marzo e abril deste ano.

Posteriormente, pasouse ao debate dos asuntos recollidos na orde do día para deliberación e  acordo. O primeiro punto abordado foi a ratificación do acordo da Xunta de Goberno Local sobre o desistimento do expediente de licitación do servizo de limpeza viaria e xestión do Punto Limpo. Este punto foi aprobado co voto a favor dos membros do Goberno municipal e dos concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos. Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular abstivéronse.

Hai que lembrar que no pleno ordinario do pasado mes de marzo foi aprobada a licitación do contrato de servizos de limpeza viaria e xestión dos puntos limpos do Concello de Ames. Durante o prazo de presentación de ofertas presentouse un recurso especial en materia de contratación pola Asociación de Pequeñas Empresas Gallegas contra os pregos de cláusulas administrativas particulares, alegando que o órgano de contratación non deu cumprimento ás esixencias do artigo 29.4 LCSP ao non xustificar de ningunha forma a necesidade de exceder do prazo máximo de 5 anos previsto para os contratos de servizos, solicitando a nulidade da cláusula sexta do prego de cláusulas administrativas particulares que fixa a duración do contrato en 10 anos.

Segundo explicou o alcalde a empresa consultora que redactou os pregos e mailos servizos municipais de secretaria e intervención informaron sobre a estimación da alegación. Na actualidade, a empresa consultora está modificando varias cuestións nos pregos para telos pechados o antes posible e levalos ao pleno ordinario de maio co obxectivo de aprobar de novo o expediente de licitación. Ademais, incidiu en que a intención do Goberno é que a duración do contrato sexa de 10 anos e que na resolución da licitación se valore máis a prestación do servizo que o factor prezo.

Sobre a posibilidade de mancomunar servizos co Concello de Brión, o alcalde de Ames, Blas García, explicou que o obxectivo é crear un novo Punto Limpo en Bertamiráns ou na súa contorna que dea servizo ás parroquias do norte do municipio como poden ser Agrón, Piñeiro, Trasmonte, Tapia e Ameixenda, así como á veciñanza do concello de Brión.  

Corrección da solicitude do POS+ 2021
Por outra banda, aprobouse por unanimidade a proposta de corrección de solicitude de POS+ 2021. O Pleno aprobou o 4 de febreiro de 2021 a participación do Concello de Ames no Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal 2021 e aprobou os proxectos técnicos das actuacións incluídas no dito plan (Plan POS+ 2021).Recentemente a Deputación Provincial da Coruña remitiu unha comunicación ao Concello solicitando a corrección de determinadas deficiencias. As correccións son cuestións técnicas, que non afectan á natureza e finalidade dos investimentos a realizar nin a súa valoración económica.

Mancomunidade co Concello de Brión
Tamén foi aprobado por unanimidade o inicio da tramitación para a creación dunha mancomunidade co Concello de Brión para a xestión conxunta da ETAP Ames-Brión. O concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, explicou que Augas de Galicia solicita que os Concellos de Ames e Brión tramiten a oportuna concesión de captación de augas no río Tambre para o funcionamento da ETAP Ames-Brión. Dita solicitude ten que ser formulada por unha Mancomunidade, Consorcio ou entidade semellante. Por este motivo os Concellos de Ames e Brión deben iniciar os trámites para constituír unha Mancomunidade para a xestión de dita ETAP.

Sobre este asunto o concelleiro do grupo municipal popular, Javier Olmo, dixo que é unha boa oportunidade para empregar esta mancomunidade, que se vai constituír, para colaborar na prestación doutros servizos. O alcalde, Blas García, dixo estar de acordo con dita afirmación xa que mancomunar servizos permitiríalle ao Concello de Ames abaratar custes.

Ciclo integral da auga
Dende o Goberno municipal estase estudando a posibilidade de crear unha empresa pública municipal para a xestión do Ciclo integral da auga. Segundo informou a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, o estudo para a creación de dita empresa pública municipal xa está rematado e a vindeira semana será presentado nunha xuntanza cos grupos municipais da oposición. En dito estudo recóllese que a municipalización do Ciclo integral da auga é unhas das opcións máis vantaxosas para o Concello de Ames, polo que se apostará por esta fórmula de xestión directa do servizo.

Aínda así, para seguir mantendo o servizo ata o 31 de decembro de 2021, salvo que antes desta data xa se comece coa xestión directa do servizo, foi necesario aprobar unha prórroga do contrato de xestión do servizo público do Ciclo Integral da Auga subscrito coa empresa Espina & Delfín. Este asunto foi aprobado co voto a favor dos membros do Goberno municipal e dos concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos. Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular abstivéronse.

Propostas sobre a soidade non desexada
Ademais, abordáronse tres propostas. A primeira foi unha proposta presentada polo grupo municipal socialista sobre a soidade non desexada que se  aprobou por unanimidade. En dita proposta ínstase á Xunta de Galicia a realizar de xeito urxente unha diagnose da soidade non desexada, mediante estudos que reflictan esta realidade no noso concello; e elaborar de xeito prioritario, en función dos resultados de dito estudo, un Plan Galego para a Soidade Non Desexada.

Proposta sobre o Plan de saúde mental
A segunda proposta, que tratou sobre o Plan de saúde mental, foi presentada polos grupos do PSdeG-PSOE, BNG e Contigo Podemos. Neste caso solicítase incrementar nos orzamentos da Xunta para o ano 2021 os recursos destinados a sufragar o anunciado Plan de saúde mental pos Covid-19, nunha contía mínima de 21 millóns de euros. Tamén se solicita a creación nos centros de saúde de atención primaria de prazas de psicólogos/as clínicos, terapeutas ocupacionais, logopedas, ampliar as prazas de traballadores/as sociais... que permita a creación de equipas multidisciplinares e prestar unha atención integral; a creación de unidades hospitalarias de atención infanto-xuvenil en todas as áreas sanitarias; e a realización dun estudo para determinar os efectos que a pandemia está a ter na saúde mental da poboación, de cara a establecer o alcance das medidas a tomar para actuar con eficacia.

O concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, presentou a seguinte emenda para engadir a dita proposta: creación de unidades específicas de apoio e coordinación en materia de saúde mental aos centros educativos que faciliten a intervención nesta materia dentro dos centros de ensino e a derivación directa de casos detectados polo persoal docente. Dita emenda foi aprobada polos grupos do Goberno municipal e polos concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos. Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular abstivéronse.

Ademais, os concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular solicitaron a eliminación do parágrafo terceiro da exposición de motivos: A Xunta de Galicia, tras 11 anos de goberno, anunciou un Plan de saúde mental pos COVID 19, cun investimento de 83 millóns de euros en catro anos máis a realidade é que no proxecto de orzamentos para 2021 a contía para saúde mental apenas supera o millón de euros, en pleno impacto da pandemia na saúde mental da poboación. A este ritmo, o plan non sería a catro anos, senón a oitenta, cando o que se precisa é unha intervención pública rápida e urxente para garantir este tipo de atención sanitaria. Esta proposta foi rexeitada cos votos en contra dos membros do Goberno municipal e do concelleiro Quique Costas de Ames Novo. Os concelleiros e concelleiras do PP de Ames votaron a favor da súa eliminación, e o concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, abstívose.

Finalmente, a proposta foi aprobada co voto a favor dos membros do Goberno municipal e dos concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos. Os concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular votaron en conta.

Proposta sobre os abusos por parte da banca
A terceira é última proposta presentada polo concelleiro do grupo mixto, Enrique Costas, de Ames Novo, tratou sobre os abusos por parte da banca sobre as persoas usuarias. Concretamente sobre a prestación de atención presencial que están eliminando as entidades bancarias. Dita proposta foi aprobada por unanimidade.

En dita proposta solicítase dirixirse á Asociación Española de Banca para instala a que se adopten medidas que favorezan a accesibilidade aos servizos bancarios das persoas con menor capacitación dixital, adecuando os horarios de atención para todo tipo de xestións e facilitando a súa atención personalizada. Tamén se pide negociar coas entidades bancarias con presenza no municipio e, especialmente, con aquelas coas que o Concello ten relación comercial, a implantación de medidas que favorezan a debida atención a quen careza de competencias dixitais; e dirixirse á FEGAMP e á FEMP para instalas a que se negocie coas entidades bancarias e coa súa patronal a adopción de medidas que revertan esta situación.

Moción sobre a limitación da velocidade a 30km/h
O concelleiro do grupo mixto Quique Costas, de Ames Novo, presentou unha moción sobre a modificación dos límites de velocidade en vías urbanas, recollida no artigo 50 do Regulamento Xeral de Circulación, medida que entrará en vigor o vindeiro día 11 de maio  En dita proposta recóllese dirixirse á Demarcación de Estadas de Galicia do Ministerio de Fomento para acordar que, conforme ao que establece a nova redacción do Artigo 50 do Regulamento Xeral de Circulación no seu apartado 5 se fixe o límite de 30 km/h na Avenida de Rosalía Castro.

Tamén se recollen os seguinte acordos: dirixirse á Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia a fin de que de acordo coa mencionada disposición se proceda a fixar a límite de velocidade en toda a Avenida da Peregrina en 30 km/h; dirixirse á Deputación Provincial da Coruña para fixar o límite de velocidade na Rúa da Madalena en 30 km/h; dirixirse á Deputación Provincial da Coruña para fixar o límite de velocidade en 30 km/h nos tramos da DP-0250 no tramo que se corresponde coa Avenida Alcalde Lorenzo e nas proximidades do CEIP Agro do Muíño; e acordar tanto coa Deputación Provincial como coa Xunta de Galicia fixar o límite de velocidade en 30 km/h en tódalas vías da súa titularidade ao seu paso polos núcleos das parroquias rurais do concello.

Os grupos municipais con representación na Corporación municipal solicitaron que esta moción quedase encima da mesa e se aborde nun próximo pleno, co obxectivo de analizar de xeito pormenorizado os seus acordos unha vez entre en vigor a partir do 11 de maio de 2021 a implantación da velocidade a 30km/h en zona urbana. O concelleiro propoñente, Quique Costas, aceptou dita proposta.

Moción sobre a precariedade laboral imposta á mocidade galega
A última moción abordada tratou sobre a necesidade de adoptar medidas para reverter a situación de precariedade laboral imposta á mocidade galega. Dita moción, aprobada por unanimidade, foi presentada polos  grupos que forman parte do Goberno municipal, e polo concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo.

En dita proposta ínstase á Xunta de Galiza a levar a cabo un estudo sobre a situación laboral da mocidade galega, co fin de poñerlle fin á precariedade e temporalidade características no mercado laboral xuvenil; elaborar un novo Plan de Emprego para a Mocidade Galega, dotado coas partidas orzamentarias que foren precisas para o desenvolvemento de programas e accións que favorezan a creación de emprego xuvenil estábel, en condicións laborais dignas e salarios que permitan a emancipación.

Tamén se solicita un compromiso coa mocidade galega levando a cabo políticas de vivenda que permitan o acceso ás mesmas por parte da mocidade; adoptar medidas destinadas a reverter a situación de fuga de talento que vive o noso país, facilitando o acceso a un traballo digno para a mocidade, aumentando o investimento en I+D+I e o apoio aos sectores produtivos e industrial; e elaborar e aplicar un plan de choque contra a emigración forzada da mocidade galega, alén de posibilitar a volta a Galiza da mocidade emigrada.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames prorroga por última vez el contrato del agua como paso previo a la gestión pública"

El Correo Gallego: "Crean la mancomunidad de A Maía para dar de beber a 40.000 almas"

Lindeiros: "O contrato de limpeza viaria de Ames terá que agardar"

Imaxe do pleno ordinario de abril