Pestanas principais

O Pleno aproba a quinta modificación puntual da RPT e maila revisión ordinaria do contrato de limpeza viaria e xestión do Punto Limpo

Venres, 01 de xuño de 2018

[01-06-2018] Este xoves, 31 de maio, celebrouse o pleno ordinario do mes de maio. Antes do inicio da sesión plenaria e durante o seu comezo, familias e representantes das ANPAS dos colexios do municipio, participaron nunha manifestación na praza do Concello para pedir que todos os nenos e nenas, que solicitaron praza nos comedores escolares, dispoñan de dito servizo durante o curso 2018-2019. A Corporación municipal aprobou, entre outros temas, a quinta modificación puntual da RPT, a revisión ordinaria do contrato de limpeza viaria e xestión do Punto Limpo, a modificación do proxecto técnico da obra de construción de dúas pistas de tenis en Aldea Nova, a primeira modificación do ROM e tres propostas presentadas polos grupos popular e Ames Novo. Por último, tratáronse dúas mocións presentadas por vía de urxencia (unha foi aprobada e outra rexeitada).


Pospostas presentadas polo grupo popular e Ames Novo
Aprobáronse tres propostas presentadas polos grupos municipais con representación na Corporación municipal. En primeiro lugar, o grupo municipal popular presentou unha proposta sobre a celebración do 40 aniversario da Constitución Española. Esta proposta saíu adiante co voto a favor de Partido Popular, Pacto por Ames e do concelleiro non adscrito, Javier López. Os dous membros do BNG e maila concelleira de Contigo Pódese, Genma Otero, votaron en contra. Os/as concelleiros/as do grupo municipal socialista, Ames Novo, os concelleiros/as de Contigo Pódese, Javier García e Silvia Dapena, abstivéronse.

Ademais, os grupos municipais Ames Novo, PSdeG de Ames, Contigo Pódese, BNG de Ames e o concelleiro non adscrito, Javier López, presentaron outra proposta para instar ao goberno galego a que impulse unha Mesa de diálogo para o transporte público. Esta proposta saíu adiante por unanimidade.

A terceira proposta, para expresar o rexeitamento ao fallo da sentenza da “Manada”, tamén foi presentada polos grupos Ames Novo, PSdeG de Ames, Contigo Pódese, BNG de Ames e polo concelleiro non adscrito, Javier López. Dita proposta foi aprobada polos concelleiros/as dos grupos propoñentes, mentres que os tres edís de Pacto por Ames votaron en contra e os concelleiros/as do Partido Popular abstivéronse.

Mocións por vía de urxencia
Por último, presentáronse dúas mocións por vía de urxencia. Na primeira, presentada polo grupo municipal de Pacto por Ames, instouse ao Concello de Santiago a cumprir coa lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia no referente a xestión da biomasa no linde co Concello de Ames, concretamente na avenida do muíño Vello. Esta moción saíu adiante por unanimidade.

O BNG de Ames tamén presentou unha moción por vía de urxencia en apoio á convocatoria de Folga Xeral convocada pola CIG para o 19 de xuño. Esta moción foi rexeitada con votos en contra do concelleiros/as do grupo municipal socialista, Partido Popular, Pacto por Ames, o concelleiro non adscrito, Javier López, e os concelleiros/as de Contigo Pódese, Javier García e Silvia Dapena. Votaron a favor o concelleiro e maila concelleira do BNG de Ames, mentres que os edís de Ames Novo e a concelleira de Contigo Pódese, Genma Otero, abstivéronse.

O Pleno comezou aprobando as actas anteriores do pleno ordinario de abril e da sesión extraordinaria celebrada o pasado 30 de abril. A continuación, a Corporación municipal aprobou por unanimidade, a modificación do proxecto técnico da obra de construción de dúas pistas de tenis en aldea Nova que está incluído no POS+ 2018. Tamén se aprobou por unanimidade a primeira modificación do Regulamento Orgánico Municipal (ROM) do Concello de Ames, debido á posta en marcha da aplicación do Vídeo Acta para gravar as sesións plenarias, que afectará ao texto do primeiro anexo de dito regulamento. Así, modifícase o contidos das actas, que aparece no ROM, e dos libros de actas para que quede recollido o uso desta nova tecnoloxía.

Ademais, o Pleno deulle luz verde á quinta modificación puntual da relación de postos de traballo (RPT) do Concello de Ames, que recolle a creación dun posto de arquitecto/a técnico/a, en cumprimento de sentenza xudicial firme; creación dun posto de tractorista, por responder a unha necesidade estrutural do Concello; integrar o servizo de contratación no departamento de Secretaría xeral; a creación de dous postos de profesores/as da Escola Municipal de Música de Ames, derivada de fallos xudiciais recentes; e a creación do servizo da EMMA, que ata o de agora non se contemplaba. Estas modificacións foron aprobadas, previamente, na Mesa Xeral de Negociación. Este punto aprobouse cos votos a favor dos membros do goberno, dos edís de Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López. Os concelleiros/as de Pacto por Ames e do Partido Popular abstivéronse.

Por outra banda, tratouse de xeito parello a revisión do prezo do contrato de concesión da xestión e mantemento do centro deportivo municipal A Telleira e maila modificación da ordenanza que regula o prezo público pola utilización do complexo da piscina cuberta municipal de Ames. Estes temas quedaron encima da mesa á espera de incluír novos informes económicos, como un estudo de viabilidade económica ou un estudo de explotación, solicitados por parte dos grupos popular e de Pacto por Ames. Dende Ames Novo tamén se solicitou que as políticas de prezos e taxas públicas teñen que estar marcadas polas consideracións establecidas na ordenanza da renda social de garantía mínima e das axudas para a recuperación en situacións de emerxencia social. Para modificar dita ordenanza ten que quedar claro que usuario/as están exentos de prezo público pola utilización da piscina cuberta.

Revisión do contrato de limpeza viaria
Outro dos puntos aprobados pola Corporación municipal foi a revisión ordinaria do contrato de limpeza viaria e xestión do Punto Limpo. Este punto saíu adiante cos votos a favor dos membros do goberno, dos edís de Ames Novo e do concelleiro non adscrito, Javier López. Os concelleiros/as de Pacto por Ames e do Partido Popular abstivéronse.

Trátase dunha actualización de prezos, de agosto de 2017 a xullo de 2018, trala ampliación do contrato, que foi aprobada no Pleno do 26 de maio de 2016, e adxudicado á empresa Urbaser SA. A actualización terá efecto dende o 1 de agosto de 2017 ata a próxima revisión prevista para o 31 de xullo de 2018. O prezo revisado con IVE ascende a contía de 67.537,56 euros. O importe das diferencias a abonar ao concello correspondente ao período de agosto de 2017 ata a revisión efectiva ascenden a 215,53 euros/mes, máis IVE.

Dende o grupo municipal popular e Pacto por Ames solicitóuselle ao goberno que liciten este servizo o máis axiña posible, porque a ampliación do contrato por un período de 10 (prorrogable ano a ano) foi apoiado co compromiso de que se fixese unha licitación. Dende o goberno municipal dixeron que o obxectivo é licitar o antes posible, pero que están estudando a opción de licitar en conxunto o servizo de limpeza viaria e o de recollida de lixo. Para iso estase facendo un estudo. Unha vez se dispoña de dito estudo, tomarase unha decisión sobre este asunto.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames modifica por quinta vez su RPT para acometer cuatro contrataciones"
Lindeiros "Polémica no pleno de Ames por conta da sentencia da Manada"