- Tematica
A Corporación municipal aprobou por maioría simple o crédito extraordinario 1/2025, financiado con baixas por anulacións, por valor de 221.207,94 euros. Ademais, foi aprobada por unanimidade a derrogación da ordenanza municipal reguladora da prestación de alimentos; a modificación do expediente de gasto do convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, o Concello de Ames e a UTE “XG-807”, para a implantación dun servizo de interese municipal (SIMU); a extensión da vixencia para o período 2025-2029 do plan de continuidade da protección contra incendios forestais mediante a plantación de frondosas; e a proposta de resolución de alegacións e remisión ao Consello Consultivo de Galicia do segundo expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar. Tamén foi aprobada por maioría absoluta a modificación da base número 50 do orzamento municipal de 2024, prorrogado para 2025, sobre as subvencións nominativas para o exercicio 2025; e a aprobación inicial da quinta modificación puntual do regulamento orgánico municipal. Por último, aprobouse por unanimidade unha moción, presentada polo grupo municipal popular de Ames, con motivo do día internacional das mulleres, 8 de marzo. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.
O pleno ordinario de marzo comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 307 decretos, do 524 ao 830.
A continuación deuse conta da orde da compañía da Garda Civil de Santiago de Compostela, do 22 de outubro de 2024, pola actuación de dous efectivos da Policía local de Ames: Martín Conde Ríos e Martina Marcos Mosquera. A través de dita orde dáse conta da felicitación e recoñecemento por parte do xefe da compañía da Garda Civil de Santiago de Compostela, polas meritorias, eficaces e activas actuacións de dous efectivos da Policía Local de Ames, en colaboración cos integrantes da Garda Civil do Milladoiro, nun suposto roubo con forza no interior dun garaxe, actuación na que se procedeu á detención de dous sospeitosos e prenderon o material subtraído.
Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordou foi a aprobación das actas correspondentes á sesión extraordinaria e urxente celebrada o 25 de febreiro e á sesión ordinaria do mes de febreiro. Ambas as dúas actas foron aprobadas por unanimidade.
Crédito extraordinario por valor de 221.207 euros
O primeiro tema que se tratou foi a aprobación do crédito extraordinario 1/2025 financiado con baixas por anulacións. Este punto foi aprobado por maioría simple co voto a favor dos oito membros do Goberno municipal, mentres que os/as concelleiros/as do Partido Popular, BNG e Espazo Común abstivéronse.
A encargada de expoñer este punto foi a concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís. Neste momento resulta necesario acometer unha serie de investimentos que non contan con crédito adecuado e suficiente no orzamento prorrogado. Existindo a posibilidade de proceder a dar de baixa determinados créditos do orzamento prorrogado procede tramitar unha modificación orzamentaria na modalidade de crédito extraordinario por valor de 221.207,94 euros.
As actuacións que se van executar a través de dito crédito extraordinario son o proxecto modificado da Cociña Central (45.000 euros); a adquisición do mobiliario da Central de lavado e Cociña central (80.000 euros); a mellora do auditorio de Bertamiráns (18.448,59 euros); o arranxo da cuberta do local de A Factoría (17.000 euros); o subministro de material para as instalacións fotovoltaicas nas escolas infantís municipais da Madalena e do Bosque a través do obradoiro Renova VII (45.759,35 euros); e a adecuación á normativa do sistema de auga quente sanitaria nas instalacións deportivas (15.000 euros).
Ditas actuacións pódense realizar debido á baixa de crédito de partidas de gastos non comprometidos sen afectación dos servizos municipais como son o servizo de limpeza no rural (110.000 euros). A licitación deste servizo está prevista para o segundo semestre de 2025, polo que o servizo non se iniciaría ata 2026 quedando este crédito dispoñible. As outras dúas partidas son a de mantemento de infraestruturas (57.111,79 euros); e a de pavimentación de vías públicas e investimentos de reposición (54.096,15 euros). Debido as actuacións que se executan a través do POS existe aforro nestas dúas últimas partidas.
Intervención dos grupos da oposición
Sobre este asunto a voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “este punto pódese resumir en que o goberno socialista de Blas Garcia prescinde do servizo de limpeza no rural e do orzamento para o mantemento de infraestruturas no rural, para facer fronte ao incremento dos custes da Cociña central por non facer os deberes a tempo. Estamos a falar dun crédito extraordinario de 221.207,94 euros procedentes de anulacións de actuacións importantes e necesarias como son a limpeza do rural, o mantemento de infraestruturas e a pavimentación de vías públicas, todo isto para financiar a falta de xestión do actual goberno municipal. A ninguén se lle escapa que este é un goberno en minoría, que se caracteriza por intentar vivir das rendas dos exercicios anteriores, e estamos case no mes de abril sen orzamento”.
Por parte do BNG, interviu a concelleira Rosalía Seijas, que destacou “a importancia de ter uns orzamentos actualizados á realidade do Concello. Tendo en conta os feitos actuais parece ser que o goberno socialista en minoría non é capaz de sacar adiante os presupostos para 2025, o que ao noso parecer demostra inestabilidade e esgotamento político, ausencia de diálogo e consenso, falta de responsabilidade e planificación, e falta de proxecto, xa que os orzamentos son a ferramenta fundamental para a estruturación e execución das políticas municipais. Neste documento vemos proxectos que é preciso acometer e non contan con crédito, investimentos moi importantes como a Cociña central ou A Factoría, pero estes investimentos acometeranse a cambio de quitarlle aos veciños a limpeza do rural”.
O concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa, dixo “estamos ante o primeiro crédito extraordinario de 2025, e vén xa a pleno no mes de marzo porque non temos os orzamentos aprobados. Levamos destacando a importancia de que o Concello conte cuns orzamentos aprobados antes de que remate o exercicio, como fixo a Xunta de Galicia que o día 1 de xaneiro tiña uns orzamentos aprobados que permiten levar a cabo actuacións importantes. No caso de Ames isto non é así, agora hai que facer investimentos importantes como a Cociña central e A Factoría, e temos que renunciar a outras partidas. Por iso nós non estamos de acordo por dous motivos, primeiro por non ter orzamento e ter que acudir a un crédito extraordinario tan pronto ao comezo do exercicio, e en segundo lugar porque non nos parece correcto renunciar a un servizo como o de limpeza no rural”.
Resposta do Goberno municipal
A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, explicou que “na actualidade non podemos facer uns orzamentos porque non temos aínda datos que son relevantes para facer dito orzamento como poden ser o custo da subida dos servizos da Mancomunidade Serra do Barbanza, así como as achegas que temos por parte dos tributos do Estado. Estamos traballando na súa elaboración, pero mentres non teñamos estes datos de xeito definitivo non podemos acordar nin traelos ao pleno”.
O alcalde, Blas García, explicou que “modificacións de crédito como esta non é a primeira vez que se traen ao pleno. Non sempre se aprobaron os orzamentos en tempo e forma. Nos últimos exercicios só un ano se aprobaron en tempo e forma no mes de decembro, o resto de anos aprobáronse na maioría dos exercicios no mes de abril. Nos próximos días explicarase a razón pola que é difícil elaborar uns novos orzamentos. O problema que existe é polo importe de dous millóns de euros polo servizo da recollida do lixo da Mancomunidade Serra do Barbanza. Imos a facer unha xuntanza monográfica para falar da Mancomunidade e para falar do servizo de recollida do lixo, onde se lles achegará toda a información necesaria”.
Ordenanza de prestación de alimentos
Outro dos puntos que se abordaron foi a aprobación inicial da derrogación da ordenanza municipal reguladora de prestación de alimentos do Concello de Ames. Esta ordenanza tiña como obxecto establecer as condicións que rexen a concesión da axuda de alimentos do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA). Debido a que o programa FEAD como tal xa non existe, dende a Concellaría de Benestar Social, propúxose a derrogación de dita ordenanza. Este punto foi aprobado por unanimidade.
Subvencións nominativas
Ademais, tratouse a modificación da base número 50 do orzamento municipal de 2024, prorrogado para 2025, sobre as subvencións nominativas para o exercicio 2025. Segundo o establecido pola Intervención Xeral da Administración do Estado pérdese o carácter nominativo das subvencións no orzamento prorrogado, co que non poden concederse directamente por esta vía. Polo tanto procede outorgar a nominatividade aos créditos previstos no orzamento municipal do exercicio 2024 prorrogados para 2025, modificando as bases de execución do orzamento prorrogado incluíndo de novo as subvencións co seu carácter nominativo indicando os períodos aos que afectan.
As subvencións nominativas previstas para o ano 2025 están dirixidas á Asociación de voluntarios/as de Protección Civil de Ames (7.000 euros); ao Bertamiráns FC (28.000 euros); Milladoiro SD (13.000 euros); Unión de Consumidores de Galicia (6.000 euros); e para o programa Vacacións en Paz 2025 (8.400 euros). En total, vaise destinar a estas subvencións a contía de 62.400 euros. Este punto foi aprobado por maioría absoluta co voto a favor dos membros do Goberno municipal, Partido Popular e BNG. A concelleira de Espazo Común abstívose.
Servizo de interese municipal (SIMU)
Por outra banda, aprobouse por unanimidade a modificación do expediente de gasto do convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, o Concello de Ames, e a UTE “XG-807”, para a implantación dun servizo de interese municipal (SIMU). O 28 de abril de 2022 o Pleno aprobou a subscrición do convenio de colaboración para a implantación dun servizo de interese municipal (SIMU). O convenio estende os seus efectos ata o 31 de maio de 2026. No acordo de aprobación do convenio autorizábase e dispoñíase o gasto por un importe anual de 55.203,24 euros.
O 30 de xaneiro de 2025 a Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia, remitiu requirimento de pagamento da achega para o exercicio 2025, que inclúe a liquidación definitiva do 2024 e o importe estimado para 2025 por un importe superior ao previsto no convenio.
O importe que resulta da liquidación definitiva dos custes do servizo para 2024 menos os ingresos reais do servizo supón un importe superior ao inicialmente autorizado e disposto, debido a que os ingresos reais do servizo foron inferiores aos previstos inicialmente (pasaron de 20.150 euros a 4.436,34 euros). O número de viaxeiros anuais foi de 3.464, mentres que no convenio se estimaban 13.000 viaxeiros/as anuais. O custe anual do servizo ascendeu a 75.353,28 euros, polo que tivo un déficit de 71.799,12 euros.
Debido a iso foi necesario modificar o expediente de gasto de dito convenio de colaboración, para autorizar e dispoñer do gasto por importe de 140.619,86 euros (69.702,92 euros para o exercicio 2025; e 70.916.94 euros para o ano 2026).
Plan municipal de prevención de incendios forestais
Outros dos temas que se aprobou por unanimidade foi a extensión da vixencia para o período 2025-2029 do plan de continuidade da protección contra incendios forestais, mediante a plantación de frondosas nas faixas secundarias de seguridade do concello de Ames, elaborado polo servizo municipal de medio ambiente. Dito plan foi aprobado polo Pleno en decembro de 2017 por un período de catro anos. En xaneiro de 2021 acordouse aprobar a continuidade do referido plan ata 2024. Ata o de agora actuouse en 233.000 metros cadrados e plantáronse máis de 6.000 árbores.
Modificación do ROM
Tamén se aprobou por maioría absoluta a quinta modificación puntual do regulamento orgánico municipal (ROM) do Concello de Ames, que consiste na supresión e polo tanto derogación do artigo 60 de dito regulamento, que se refire ao debate sobre o estado do Concello. Deste xeito, suprímese a celebración dunha sesión extraordinaria do Pleno ao ano dedicada ao debate do estado do Concello. Este punto saíu adiante co voto a favor dos concelleiros/as do goberno municipal e do Partido Popular, mentres que os concelleiros/as do BNG e de Espazo Común votaron en contra.
Ademais, aprobouse por unanimidade a proposición da Alcaldía sobre a proposta de resolución de alegacións e remisión ao Consello Consultivo de Galicia do segundo expediente de resolución do contrato do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ames.
Moción sobre o día internacional das mulleres
Por último, aprobouse por unanimidade unha moción política do grupo municipal popular de Ames con motivo do día internacional das mulleres, 8 de marzo.
En dita moción proponse expresar o rexeitamento a calquera tipo de mensaxe ou acción que supoña unha discriminación ou violencia polo feito de ser muller; impulsar iniciativas para visibilizar ou galardoar a traxectoria de mulleres referentes da contorna en diversos ámbitos, especialmente aqueles máis masculinizados; solicitar financiamento á Xunta de Galicia e ao Goberno central para impulsar actividades que favorezan a corresponsabilidade e a conciliación imprescindible para garantir a igualdade de oportunidades; promover campañas de sensibilización accesibles a toda a poboación en materia de igualdade nos que se busque, entre outros aspectos, erradicar a linguaxe sexista; reforzar os Centros de Información á Muller, que son de titularidade municipal; e instar ao Goberno do Estado a atender a demanda do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e da Xunta de Galicia para a creación de cinco novos xulgados exclusivos contra a violencia de xénero en Ourense, Santiago, Lugo, Pontevedra e Ferrol.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "La falta de presupuestos municipales centra el debate en el pleno de Ames"
Lindeiros: "Ames fai equilibrios sobre a corda dos orzamentos prorrogados"
La Voz de Galicia: "La cocina escolar de Ames necesita más fondos y abrirá el próximo curso"