Pestanas principais

O Pleno aproba unha transferencia de crédito de 15.000 euros para realizar traballos de acondicionamento no pavillón do CEIP de Barouta

Venres, 31 de xullo de 2015

[31-07-2015] Este xoves pola tarde celebrouse o primeiro pleno ordinario do mandato 2015-2019. Nesta sesión plenaria, correspondente ao mes de xullo, aprobouse unha transferencia de crédito de 15.000 euros para acondicionar o pavillón do CEIP de Barouta. Ademais, aprobouse a devolución dun aval, por importe de 40.000 euros, á empresa Gestión Tributaria Territorial SAU e o suplemento de crédito 1/2015 para dotar de orzamento ao Plan de Aforro e Investimento da Deputación provincial da Coruña de crédito por un importe de 390.664,62 euros. Ademais, aprobouse a modificación do cadro de persoal e das bases de execución do orzamento con ocasión dos acordos adoptados polo pleno organizativo do mandato 2015-2019 e unha moción presentada polo grupo municipal de Ames Novo para apoiar o sector do lácteo.

En primeiro lugar a corporación municipal aprobou a devolución do aval presentado pola empresa Gestión Tributaria Territorial SAU, por importe de 40.000 euros. Este punto saíu adiante co voto favorable de todos/as os/as concelleiros/as, excepto o concelleiro de Ciudadanos que se abstivo. A devandita empresa tivo que pagar esta contía como garantía para responder do contrato de servizos de colaboración na xestión tributaria, censual, inspectora e recadatoria do Concello de Ames. Cómpre lembrar que o contrato con esta empresa asinouse o 23 de decembro de 2008.

O segundo punto que se abordou foi a aprobación do suplemento de crédito 1/2015 para dotar de orzamento ao Plan de Aforro e Investimento da Deputación provincial da Coruña de crédito por un importe de 390.664,62 euros. Este punto, ao igual que o anterior, saíu adiante co voto favorable de todos/as os/as concelleiros/as, excepto o concelleiro de Ciudadanos que se abstivo.

Hai que lembrar que a corporación municipal de Ames aprobou no pleno extraordinario celebrado o pasado 17 de febreiro a adhesión a este plan. Nese momento aprobouse que o 24,25% -preto de 95.000 euros- se destinase a reducir o endebedamento, mentres que co 75,75% restante, é dicir, 295.928 euros, executaranse varios proxectos municipais, entre os que destacan obras en Suevos, Reino, Salgueiro, Pegariños, Castelo, Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Paramuíño e nas rúas Entrerríos, Ameneiral e Pesqueiras de Bertamiráns.

De seguido, aprobouse a modificación do cadro de persoal e das bases de execución do orzamento con ocasión dos acordos adoptados polo pleno organizativo do mandato 2015-2019. Trala constitución da nova corporación o 13 de xuño de 2015, celebrouse a sesión plenaria de organización o día 10 de xullo. Os acordos adoptados, referentes á creación de postos de traballo de persoal eventual ao servizo de grupos, de Alcaldía e de Gabinete da Alcaldía e do réxime de asignacións económicas por asistencia a sesións do Pleno, Xunta de Goberno e Comisións informativas permanentes, obrigaron a efectuar as correspondentes modificacións no cadro de persoal e nas bases de execución do orzamento municipal.

Este tema saíu adiante con 14 votos a favor dos 9 concelleiros/as do grupo de goberno (PSdeG, Contigo Pódese e BNG), dos 4 concelleiros/as de Ames Novo e do concelleiro de Pacto por Ames que asistiu ao pleno. Os edís do Partido Popular abstivéronse, mentres que o concelleiro de Ciudadanos votou en contra.

Actuacións de conservación no pavillón do CEIP de Barouta
Outro dos temas que se aprobaron foi unha transferencia de crédito para realizar traballos de acondicionamento no pavillón do CEIP de Barouta. O Concello de Ames pretende asinar un convenio coa consellería de Educación e Ordenación Universitaria, coa finalidade de realizar actuacións de conservación no pavillón do CEIP de Barouta. O importe da achega municipal a efectuar ascende a 15.000 euros dentro dun total de 40.000 euros, sendo a diferencia financiada pola consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Este punto saíu adiante co voto favorable de todos/as os/as concelleiros/as, excepto o concelleiro de Ciudadanos que se abstivo.

Mocións sobre o sector lácteo e o ciclo integral da auga
No apartado de mocións aprobouse por unanimidade unha moción presentada polo grupo municipal de Ames Novo para apoiar o sector do lácteo. Deste xeito, o Concello de Ames vaise adherir á Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo. Esta moción foi aprobada cunha emenda presentada polo grupo municipal do Partido Popular.

Unha segunda moción, presentada por Ames Novo, sobre o cambio na forma de xestión do servizo público local do Ciclo Integral da auga foi retirada do orde do día debido a que o alcalde, José Miñones, anuncio a convocatoria da comisión do Ciclo integral da auga, para o vindeiro luns, 3 de agosto, ás 14:00 horas. Ademais, comprometeuse a que se fará unha xestión pública deste servizo e que a devandita comisión comezará a traballar para buscar unha fórmula de xestión concreta e que sexa pública. Ante estes compromisos o grupo municipal de Ames Novo decidiu retirar a moción presentada neste pleno.

O grupo municipal de Ciudadanos presentou unha moción, por vía de urxencia, para demandar maior transparencia e responsabilidade na xestión municipal. Esta moción non puido ser debatida porque no momento de votar a súa urxencia non obtivo maioría absoluta. A favor da súa urxencia votaron os concelleiros/as de Ames Novo, Pacto por Ames e Cispadanos, obtendo 6 votos. Os 9 concelleiros/as do grupo de goberno (PSdeG, Contigo Pódese e BNG) e os 4 concelleiros/as do grupo municipal popular abstivéronse. O pleno rematou arredor das 23:00 horas, trala quenda de rogos e preguntas.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames licitará el servicio del agua por dos años antes de municipalizarlo"