Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación de 13 proxectos que se sufragarán con cargo ao POS+ 2020

Luns, 16 de decembro de 2019

Este mércores, 18 de decembro, celebrarase un pleno extraordinario no que a Corporación municipal debaterá sobre a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2020” da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames disporá de 1.021.278,10€, dos cales 150.000€ serán para o financiamento de gastos correntes e 871.278,10€ para facer novos investimentos, moitos deles inciden na mellora e/ou reparación de distintas vías públicas municipais e camiños interiores de aldeas. Da contía total; 323.855.73€ corresponden a achega provincial de 2020; 114.677,41€ son da achega provincial de 2019; e 432.744,96€ do préstamo provincial de 2020. Previamente, este luns 16 de decembro, celebrouse a comisión informativa de Desenvolvemento Urbano para abordar este tema.

As actuacións incluídas no plan abarcan distintos tipos de obras. Moitas delas inciden na mellora e/ou reparación de distintas vías públicas municipais, algunhas nos camiños interiores de aldeas de 5 parroquias distintas como poden ser por exemplo os proxectos de: accesos e interiores de Firmistáns (parroquia de Bugallido), mellora interiores en Seares de Arriba (parroquia de Ames), interiores en Ortoñiño e As Cortes (parroquia de Ortoño), interiores en Paramuíño (parroquia de Biduído) e interiores de Rúa (Piñeiro).

Por outra banda, e continuando coas melloras e reparación de camiños e estradas, tamén se actúa en viarios municipais que neste caso unen distintos lugares pertencentes a mesma parroquia como por exemplo o proxecto da estrada de Mercuto a Vilar (Ameixenda) e a mellora do acceso a Trasmonte.

Nunha liña similar, e co fin de continuar coa vertebración e cohesión do territorio amesán, xa iniciada en plans provinciais anteriores, inclúese o proxecto dunha senda peonil en Lapido que permita aos veciños/as o desprazamento a pé sen interferencias e perigos provocados polo tráfico rodado. Continuando coas actuacións en vías municipais, pero esta vez actuando en rúas situadas no casco urbano de Bertamiráns, presentase o proxecto das rúas Fragua e Xunqueira de Bertamiráns.

Mellora de instalacións deportivas
Xa en outra liña completamente distinta das citadas, incídese ao igual que en anos anteriores, na reforma e mellora de infraestruturas deportivas municipais, as cales teñen unha elevada demanda e ocupación, principalmente motivada pola gran cantidade de nenos/as, mozos e mozas existentes neste concello que ten a idade media mais baixa de Galicia e que practican todo tipo de deportes como poden ser, entre outros fútbol, tenis, baloncesto, etc.

Para mellorar as condicións destas instalacións deportivas inclúense proxectos como os de reforma de vestiarios do campo de fútbol de Bertamiráns (no que adestran e compiten arredor de 400 xogadores federados), o de construción dunha grada, vestiarios e aseos na recentemente construída pista de tenis de Aldea Nova, e a mellora dos vestiarios na praia fluvial de Tapia.

Por último tamén se inclúen os proxectos de mellora dos vestiarios e o muíño de Tapia (local de carácter lúdico utilizado principalmente na primavera e no verán para realizar reunións e comidas de amigos/as) e a reparación e mellora da Casa de Cultura de Milladoiro, instalación na que se realizan principalmente, entre outras, actividades de tipo social, asociativo e cultural.

Proxectos incluídos no POS 2020
O Concello de Ames disporá de 1.021.278,10€, dos cales 150.000€ serán para o financiamento de gastos correntes e 871.278,10€ para facer novos investimentos. Da contía total; 323.855.73€ corresponden a achega provincial de 2020; 114.677,41€ son da achega provincial de 2019; e 432.744,96€ do préstamo provincial de 2020.

Parte dos fondos de gastos correntes dedicaranse a adquisición de mobiliario para as casas da cultura e para os locais sociais. Ademais, a maioría dos novos investimentos incidirán na mellora e/ou reparación de distintas vías públicas municipais e camiños interiores de aldeas, así como na reparación de camiños e estradas que unen distintos lugares pertencentes a mesma parroquia; e na construción dunha nova senda peonil.

Na partida da achega provincial de 2020 inclúense os proxectos de mellora de accesos e interiores de Firmistáns, a reforma dos vestiarios do campo de fútbol de Bertamiráns; e maila mellora de interiores en Seares de Arriba. Cos fondos da achega provincial de 2019 sufragarase o proxecto de reparación e mellora da Casa da Cultura do Milladoiro e outros.

Ademais, coa achega do préstamo provincial de 2020 levaranse a cabo os proxectos de mellora de interiores en Ortoñiño e as Cortes (Ortoño); acondicionamento das rúas da Fragua e Xunqueira, situadas en Bertamiráns; e mellora da estrada que vai de Mercuto a Vilar (Ameixenda); e mellora dos camiños interiores en Paramuíño (Biduído).

Por outra banda, no Plan complementario de 2020 inclúense os seguintes investimentos financeiramente sostibles:  construción dunha grada, vestiarios e aseos na pista de tenis de Aldea Nova; mellora de interiores do lugar da Rúa na parroquia de Piñeiro; construción dunha senda peonil en Lapido; mellora do acceso a Trasmonte; e mellora dos vestiarios e do muíño da área recreativa de Tapia. Estes proxectos teñen un orzamento total de 938.920,40 euros.

Este ano optouse por volver a elaborar un Plan complementario potente con obras por valor de preto de 1 millón de euros porque está previsto que a Deputación no mes de marzo ou abril volvan a facer achegas aos Concellos. Deste xeito, nese momento xa estarán os proxectos aprobados e a tramitación será máis áxil e rápida.

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames comprará mobiliario para espacios públicos con fondos de la Diputación"

El Correo Galego: "Melloran Ortoño, Tapia, Aldea Nova e a capital amesá con fondos provinciais"

Compostela 24 horas: "Ames disporá de máis de un millón de euros para investir o ano que ven grazas ao POS+2020"

O Pleno debaterá a aprobación de 13 proxectos que se sufragarán con cargo ao POS+ 2020