Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación de 13 proxectos que se sufragarán con cargo ao POS+ 2021

Mércores, 03 de febreiro de 2021

Este xoves, 4 de febreiro, celebrarase un pleno extraordinario no que a Corporación municipal debaterá sobre a participación do Concello de Ames no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (Plan único de concello) “POS+ 2021” da Deputación provincial da Coruña. O Concello de Ames disporá de 1.272.459,80€, dos cales 1.152.131,60€ (472.496,40€ da achega 2021 e 679.635,24€ da achega de 2020) son para novos investimentos; e 120.328,23€ para a redución de débeda. Ademais, disporase de 34.618,19€ para o financiamento de gastos correntes. No Plan complementario de 2021 recollese unha partida de 972.963,45€ para a execución de cinco proxectos e no POS+ Adicional 1/2021 contémplanse 306.290,04€ para gastos sociais extraordinarios. Previamente ao pleno, hoxe 3 de febreiro, celebráronse as comisións informativas de Desenvolvemento Urbano e de Benestar e Promoción Social para abordar estes temas.

As actuacións incluídas no plan abarcan distintos tipos de obras. Moitas delas inciden na mellora e/ou reparación de distintas vías públicas municipais, algunhas nos camiños interiores de aldeas de distintas parroquias e outras para mellorar distintos lugares pertencentes a mesma parroquia. Deste xeito vanse executar os proxectos de acondicionamento da estrada de Vilar a Quintáns (parroquia da Ameixenda), pavimentación da estrada de Eirapedriña (parroquia de Bugallido), pavimentación de interiores en Pedras (parroquia de Ames), e mellora do acceso en Trasmonte (parroquia de Trasmonte). Para a execución destes catro proxectos destínanse 521.196,54 euros.

Nunha liña similar, pero dentro do ámbito urbano, e co fin de continuar coa vertebración e cohesión do territorio amesán, vaise executar a obra de reurbanización do espazo público urbanizado denominado Horta de Abaixo, entre as travesías do Lodeiro e a rúa do Cómaro, dentro do núcleo de Bertamiráns, para mellorar a accesibilidade dos percorridos peonís que permitan que poida acceder e discorrer por eles todas as persoas, sen discriminación de ningún tipo. Tamén se pretende mellorar a accesibilidade no percorrido entre as rúas de Travesía do Porto, rúa dos Cereixos, rúa Campo da Madalena, avenida de Rosalía de Castro, rúa Figueiras e rúa do Rego, no Milladoiro.

Mellora do pavillón do Milladoiro e da Casa da Cultura de Bertamiráns
Por outra banda, incídese ao igual que en anos anteriores, na reforma e mellora de infraestruturas deportivas municipais, as cales teñen unha elevada demanda e ocupación, principalmente motivada pola gran cantidade de nenos/as e mozos/as existentes no concello e que practican todo tipo de deportes como poden ser, entre outros fútbol, tenis, baloncesto, fútbol sala, patinaxe etc. Para mellorar as condicións destas instalacións deportivas inclúese, nesta ocasión a mellora básica das condicións térmicas e acústicas no pavillón polideportivo de Milladoiro, pretendendo con estas obras unha mellora no ámbito do confort dos/as usuarios/as á hora de practicar deporte.

Por último, tamén se inclúe o proxecto de mellora e reparación da Casa de Cultura de Bertamiráns, instalación na que se realizan principalmente, entre outras, actividades de tipo social, asociativo e cultural. Nestes catro proxectos do ámbito urbano, deportivo e sociocultural vanse investir 630.935,10 euros.

Plan complementario de 2021
O Plan complementario de 2021 inclúe investimentos financeiramente sostibles. Con cargo a esta partida preténdese executar cinco proxectos que contan cun orzamento base de licitación total de 972.963,45 euros. Tres destes proxectos recollen obras de pavimentación de interiores e accesos de Ventín (parroquia de Biduído), pavimentación da estrada de Castiñeiro do Lobo (parroquia de Ames) e pavimentación da estrada de A Garea e interiores (parroquia de Agrón).

Outro dos proxectos é a mellora dos vestiarios da praia fluvial de Tapia e do muíño desta área recreativa (local de carácter lúdico utilizado principalmente na primavera e na época estival para realizar reunións e comidas de amigos/as). Tamén se inclúe nesta partida as obras de acondicionamento para a mellora de espazos verdes con acceso rodado no polígono de Novo Milladoiro. Esta obra vaise acometer nos espazos verdes anexos ao norte da rúa Castiñeiras, no parque empresarial do Novo Milladoiro. As obras de renovación contemplan a mellora da accesibilidade rodada ao interior das parcelas, creando novos pavimentos e instalando un sistema de iluminación no interior das mesmas. Tamén se contemplan actuacións no pavimento e zonas verdes, para reacondicionar as parcelas, aumentando o numero de prazas de aparcamento dispoñibles no parque empresarial do Milladoiro, e mellorando a accesibilidade, tanto peonil como rodada, no interior das parcelas, a vez que se mellora o estado da iluminación, e das zonas verdes obxecto da intervención.

Redución de débeda
Tamén hai que destacar que se pretenden dedicar 120.328,23 euros para a redución de débeda con entidades financeiras. O Concello de Ames contratou un préstamo coa entidade bancaria ABANCA o pasado 11 de decembro de 2018 por valor de 222.895,50 euros, dos cales o importe que queda pendente de aboar ascende a 196.648,08 euros. Deste xeito, vanse dedicar 120.328,23 euros a pagar o importe pendente de pago de dito préstamo.

Ademais, disporase de 34.618,19 euros para o financiamento de gastos correntes. A previsión de gasto corrente para o Orzamento de 2021 ascende a 480.000 euros, polo que parte unha parte de dito gasto cubriranse cos 34.618,19 euros da achega provincial.  

POS+ Adicional 1/2021
No POS+ Adicional 1/2021 contémplanse 306.290,04 euros para gastos sociais extraordinarios. Do total de dita contía, destinaríanse 83.684,44 euros ao reforzo de persoal (técnico e/ou administrativo) adscrito aos departamento de servizos sociais co obxectivo de apoiar ao equipo de persoal actual. O importe restante, que ascende a 222.605,60 euros, dedicaríase a outras medidas que o departamento municipal de servizos sociais considere imprescindibles e urxentes para atender ás persoas especialmente vulnerables.

Novas relacionadas: 

El Correo Gallego:  "Ames mejorará la accesibilidad, vías y el área de Tapia con su plan de obras"

pavillon do milladoiro