Pestanas principais

O pleno debaterá a aprobación definitiva da ordenanza reguladora de terrazas

Mércores, 26 de maio de 2021

O pleno debaterá este xoves, 26 de maio, a aprobación definitiva da ordenanza reguladora de terrazas; a modificación do proxecto de reparación e melloras na Casa da Cultura de Bertamiráns, a modificación da denominación das Comisións Informativas Permanentes, o acondicionamento e mellora térmica da cuberta e fachadas da Escola Infantil Municipal O Bosque, a prórroga do contrato para a concesión da xestión da limpeza viaria e do Punto Limpo, a aprobación, se procede, do Plan Especial de Infraestruturas e dotacións na Travesía da Moa no Milladoiro, e unha nova modificación da relación de postos de traballo. Ademais debaterase unha proposta do grupo  municipal socialista para promover unha nova redacción do Plan Forestal de Galicia e outra do BNG en defensa dun modelo de enerxía eólica sustentable. Abordarase tamén a solicitude de comparecencia que presenta o Grupo Popular para que o alcalde informe sobre o desenvolvemento do Plan Impulsa Ames.

Por primeira vez en Ames regularase o uso das terrazas. Logo de que o pasado 14 de maio, o Goberno municipal de Ames asinara con representantes da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA) e da Asociación de Hostalería de Compostela un acordo sobre o texto definitivo da futura ordenanza reguladora da ocupación de dominio público e espazos privados de uso público por terrazas e outros elementos vinculados á actividade comercial e hostaleira con fins non festivos, a ordenanza será obxecto de aprobación definitiva no pleno ordinario deste mes de maio.

Obras na Casa da Cultura de Bertamiráns e na EI O Bosque e na Travesía da Moa
Por outra banda, na mesma sesión plenaria aprobarase se procede o proxecto técnico corrixido da obra de “reparacións e mellora na Casa da Cultura de Bertamiráns” consistente en subsanar as deficiencias de índole formal indicadas polos técnicos da Deputación da Coruña.

Tamén se levará a debate a declaración de interese público provincial no expediente de solicitude de subvención á Deputación de A Coruña para o acondicionamento e mellora térmica de cuberta e fachadas da Escola Infantil Municipal O Bosque. Trátase de prestar conformidade á memoria elaborada polo concelleiro de educación e declarar que concorren razóns de interese público de carácter cultural, deportivo, social, económico ou humanitario para que a Deputación provincial, no fomento dos intereses peculiares da provincia, deba contribuír economicamente con 52.000 euros á realización das actuacións de acondicionamento e mellora térmica de cuberta e fachadas da EIM O Bosque, definidas no proxecto técnico aprobado polo pleno en sesión do 25.02.2021, redactado por Salgado e Liñares SLP cun orzamento total de 78.920,40 euros, supoñendo a achega provincial o 65,88917%.

Ademais, inclúese na orde do día  a aprobación, se procede, do documento de Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións, de data febreiro do 2021, na Travesía da Moa do núcleo de Milladoiro, con destino á implantación dunha dotación ao privado, redactado por polos arquitectos Aurelio Outeiriño Fernández  e Alberto de Paula Prieto.

Prórroga do contrato da xestión de limpeza viaria e o Punto Limpo
No pleno someterase tamén a debate e aprobación, se procede, da prórroga do contrato para a concesión da xestión da limpeza viaria e o Punto Limpo do Concello. Será a sexta prórroga do contrato asinado con Urbaser SA o 1 de agosto de 2006 e terá unha vixencia de seis meses.

Comisións informativas
Tratarase asemade unha proposta para introducir modificacións na denominación das comisións informativas permanentes tendo en conta a experiencia de funcionamento dos dous últimos anos. A proposta di que se considera conveniente esta modificación  para adaptalas o máis posible ás areas de goberno.

Proposta sobre Plan Forestal de Galicia
O Grupo Municipal Socialista presenta unha proposta para aprobación pola que se insta á Xunta de Galicia a paralización da tramitación do Plan Forestal de Galicia 2021-2042, solicitando que se inicie un novo proceso de elaboración do PFG que incorpore aspectos como a redacción dun anteproxecto de partida para a súa divulgación e coñecemento das partes interesadas; a comunicación, con acuse de recibo, a todas as persoas propietarias de terras forestais, agrarias e doutros dereitos afectados polo anteproxecto; unha canle de participación aos concellos de Galicia que catalice os informes técnicos e xurídicos de cada un deles; un proceso de información-formación técnica, legal e económica, dirixida ás persoas afectadas propietarias de terras agrarias, forestais, de dereitos de augas e outros dereitos; a elaboración dun Informe compilador técnico-xurídico sobre da lexislación internacional, europea, estatal e autonómica; un documento cos dez mellores e máis avanzados plans forestais de ámbito europeo para referenciar o PFG; a elaboración do Inventario forestal galego actualizado no presente ano; un estudo de impacto ambiental e económico do eucaliptal e do monte autóctono europeo en Galicia e outro de afectación de espazos naturais protexidos de carácter nacional, autonómico e local, así como doutras zonas sensibles recollidas polo MAPA estatal; un estudo de Afectación do PFG aos acuíferos e capas freáticas do subsolo; un estudo de Afectación do PFG na acidificación dos solos, na fauna e na flora silvestres; un estudo de interaccións positivas e negativas co Plan eólico, Plan mineiro, liñas de transporte de enerxía, redes de comunicación, FFCC e viaria, concentracións parcelarias e de montes, polígonos agrarios,
forestais e industriais, montes veciñais e comunidades de montes.

Proposta sobre a enerxía eólica
Pola súa banda, o grupo municipal do BNG leva ao pleno unha proposta “en defensa dun modelo de enerxía eólica sustentable, xusta e galega, fronte ao espolio e a depredación”, que pide, entre outras cuestións, desenvolver un marco regulador do sector eólico que incremente as garantías sociais, económicas e medioambientais e que conte cunha ampla participación dos sectores implicados (asociacións veciñais, agrarias, ecoloxistas, sindicais, centros de investigación, comunidades de montes);  dar rango de Lei ao impulso de Plans de Desenvolvemento Industrial asociados ás novas instalacións establecendo medidas que as autorizacións de novos parques eólicos se vinculen a proxectos industriais que xeren riqueza e emprego, impulsar medidas que garantan a socialización dos beneficios do papel xerador de Galicia e o retorno económico para o noso país, incrementar a vixilancia sobre as garantías medioambientais; e garantir unha verdadeira política de transparencia, información e participación cidadá  

Petición de información sobre a EDUSI   
A orde do día do pleno ordinario do mes de maio inclúe tamén unha petición do grupo municipal do Partido Popular para que o alcalde informe sobre o desenvolvemento do Plan Impulsa Ames. Concretamente, pídese unha relación das actuacións xa executadas, das que están en proceso de execución e das que están pendentes de executar. Ademais requírese información sobre a porcentaxe xa executada en función do orzamento, que se especifiquen as modificacións posteriores do proxectos inicialmente aprobado, a data límite para executar a totalidade do Plan Impulsa Ames e a data prevista de execución.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Ames leva a pleno a ordenanza reguladores de terrazas"

Casa do Concello
Descargas: 
159.65 KB
Convocatoria