Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación do convenio de colaboración nos traballos de delimitación do Camiño a Santiago da ría Muros-Noia

Luns, 22 de outubro de 2018

[22-10-2018] Este xoves, 25 de outubro, celebrarase o pleno ordinario correspondente ao mes de outubro no que a Corporación municipal debaterá a aprobación do convenio de colaboración nos traballos de delimitación do Camiño a Santiago da ría de Muros-Noia; a resolución de alegacións e aprobación definitiva da ordenanza para a protección dos camiños e vías públicas municipais; a adhesión á Asociación de entidades locais pola lingua galega; a modificación do regulamento da rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes divertidas; a aprobación do Plan normativo municipal; a aprobación do texto refundido do regulamento de bolsas de traballo do Concello de Ames e do texto refundido do Regulamento Orgánico Municipal (ROM); e unha proposta do goberno municipal a prol da regularización da educación social.

Os temas que se debaterán este xoves no pleno ordinario de outubro, foron previamente tratados o pasado venres, 19 de outubro, nas comisións informativas. Deste xeito, un dos temas que figura na orde do día de dita sesión plenaria é adhesión ao convenio de colaboración entre os Concellos de Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago para a delimitación do itinerario cultural do Camiño Inglés a Santiago de Compostela da ría de Muros e Noia. O obxectivo é acadar o recoñecemento deste Camiño como ruta histórica e posteriormente a súa declaración oficial como Camiño de Santiago.

Para o Concello de Ames este proxecto ten un enorme interese xa que sería o único concello de Galicia en contar con tres rutas Xacobeas no seu territorio, xa que por Ames xa discorren tramos do Camiño Portugués e do Camiño Fisterra- Muxía. Para este fin o Concello de Ames tería que facer unha achega de 1.679,82 euros, a través dunha única anualidade e sendo esta de carácter puntual. O importe total que teñen que facer todos os Concellos é de 18.148,79 euros.

Outro dos temas tratados en ditas comisións informativas foi a resolución de alegacións e aprobación definitiva da ordenanza para a protección dos camiños e vías públicas municipais. No pleno do pasado 28 de xuño prestouse aprobación inicial a dita ordenanza. O acordo de aprobación inicial foi sometido a exposición pública polo prazo de 30 días hábiles. Durante dito prazo de exposición pública presentouse unha única alegación, a subscrita por Elier Ojea Ureña en nome e representación da Federación Empresarial de Aserraderos y Rematantes de Maderas de Galicia. Agora, o Pleno, se procede, desestimará as sete alegacións presentadas pola FEARMAGA e prestarase aprobación definitiva a dita ordenanza, coa única modificación de engadir un apartado sexto ó artigo 4.

Asemade, debaterase a adhesión á Asociación de entidades locais pola lingua galega e unha proposta de estatutos. A materia sobre a que versa o convenio é a promoción da lingua galega, materia de competencia municipal, tal e como resulta de da Lei de normalización lingüística de Galicia e lexislación de réxime local. A Corporación municipal deberá aprobar, se procede, a adhesión a dita asociación e mailos seus estatutos.
Por outra banda, vaise a debater no pleno a aprobación inicial da modificación do regulamento da Rede municipal de comedores escolares, Bos Días Cole e Tardes divertidas. O pasado 8 de outubro emitiuse unha proposta de modificación de dito regulamento, na que se propón a modificación do artigo 22 e do anexo III e que consiste en non vincular as prazas ocasionais ás dispoñibilidades de prazas de emerxencia social, senón á dispoñibilidade de prazas de usuarios que utilizan o servizo menos de 5 días a semana. Ademais, preténdese modificar o baremo de puntuación outorgando máis peso (como ocorre nas escolas infantís) á situación de ocupación dos pais e nais e precisar que a situación económica valorarase en base aos datos do exercicio fiscal máis recente que estea en disposición de ofrecer a AEAT á data establecida de presentación das preinscricións.
En outubro de 2016 entrou en vigor a Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), momento dende o que é obrigatoria a aprobación do Plan normativo municipal. O obxectivo estratéxico desta nova planificación normativa na esfera local é aumentar a transparencia, reforzar a seguridade xurídica, facer predicible o ordenamento xurídico municipal e poñer en valor a normativa municipal, ordenanzas e regulamentos, como instrumentos de modernización da administración local e de servizo á cidadanía.

O Plan normativo supón un conxunto de previsións temporais informativas para á cidadanía e orientadoras da actuación dos funcionarios e órganos municipais. Non obstante, non ten carácter vinculante e o desenvolvemento práctico da actividade normativa pode sufrir alteracións con respecto ó contido no Plan normativo municipal. Dende un punto de vista temporal o plan é anual, pero a planificación normativa necesariamente ten que contemplarse desde un marco plurianual que excede dos límites temporais do ano natural. Débese ter en conta que o proceso de redacción e aprobación pode afectar a un ámbito temporal posterior ó ano natural ao que se refire o Plan normativo.

Outros temas que se abordarán no pleno de outubro serán a aprobación do texto refundido do regulamento de bolsas de traballo do Concello de Ames e do texto refundido do Regulamento Orgánico Municipal (ROM) do Concello de Ames. Este trámite realízase despois dos cambios aprobados en ambos regulamentos. O texto refundido do ROM e do regulamento de bolsas de traballo, comprende a redacción inicial e a modificación que se ten producido.
O colectivo de educadoras e educadores sociais, así como outras cidadás e cidadáns, teñen presentado multitude de solicitudes de petición de regularización da profesión de Educación Social a través dunha lei. Deste xeito, dende o goberno municipal instan á Xunta de Galicia á regularización da profesión da Educación social en Galicia a través dunha Lei Galega de Profesionalización da Educación Social. Tamén instan á presidencia do Goberno de España a desenvolver unha Lei de regularización da profesión de Educación Social, a nivel estatal.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames defenderá que sea oficial el Camiño da Ría y cambiará los baremos del comedor y dos concilias"