Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación do plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames para o período 2020-2022

Luns, 24 de febreiro de 2020

Este xoves, 27 de febreiro, realizarase o pleno ordinario do mes de febreiro no que a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do plan de subvencións do Concello de Ames para o período 2020-2022. Outros temas que se tratarán serán a aprobación da constitución da asociación do camiño Fisterra e Muxía; o convenio coa Deputación provincial da Coruña para colaborar na inspección do IAE; a revogación do convenio de colaboración para o uso compartido da sede electrónica da Deputación; a inadmisión do recurso de reposición fronte ao acordo plenario de aprobación definitiva da modificación da ordenanza fiscal reguladora do IBI; a aprobación provisional dos regulamentos de réxime interior das escolas infantís A Madalena e O Bosque; e unha proposta presentada polo concelleiro de Ciudadanos sobre o estado da estrada AC-453 entre Tapia e Portomouro. Estes temas foron previamente tratados o pasado venres, 21 de febreiros, nas comisións informativas.

A Corporación municipal debaterá a aprobación do plan estratéxico de subvencións de 2020, 2021 e 2022, que recolle os obxectivos que se pretenden alcanzar coa aplicación de dito plan, a modalidade de concesión aplicable, os destinatarios aos que van dirixidas e mailo importe económico. Conforme á lexislación vixente é preciso aprobar dito plan. A través da aprobación deste plan establécese un calendario de subvencións polo que se vai a rexer o Concello durante dito período de tempo. O anterior plan rexeu durante o período 2017-2019. Este plan ten un carácter estratéxico e programático. Estas axudas quedarán supeditadas a criterios obxectivos, que se reflectirán nas bases que se publicarán.

As subvencións  municipais divídense en diferentes áreas: protección civil, medio ambiente, servizos sociais e promoción social, educación, promoción cultural e normalización lingüística, deportes e promoción económica. Ditas axudas outorgaranse mediante concorrencia competitiva, agás catro liñas de axudas que se outorgarán mediante convenio (de xeito nominativo). No plan recóllese que para o exercicio 2020 destínanse 715.872 euros para as diferentes axudas municipais. Para o exercicio 2021 está previsto que se destinen ás subvencións municipais 769.472 euros, mentres que para o 2022 no plan recóllese unha contía total de 694.472 euros.

Outro dos temas que se abordarán será a aprobación da constitución da asociación do camiño Fisterra e Muxía (aprobación dos estatutos e designación dun representante municipal). A constitución da asociación fundaméntase no feito de que o concello de Ames está no percorrido do camiño Fisterra e Muxía e no interese municipal na promoción da actividade turística. Para o ano 2020 a achega municipal será como máximo de 2.000 euros. Ames xunto a outros concellos por onde transcorre esta ruta: Santiago de Compostela, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía pretenden, de forma conxunta, manter e promover esta ruta de peregrinaxe.

Por outra banda, abordarase a aprobación dun convenio coa Deputación provincial da Coruña para colaborar na inspección do imposto sobre actividades económicas (IAE) e nos procedementos sancionadores que deriven destas actuacións. As bases para a prestación dos servizos tributarios aos concellos da provincia, da Deputación Provincial da Coruña, recollen a posibilidade de subscrición dun convenio de colaboración na inspección do IAE. Deste xeito, iniciáronse os tramites para tal fin e a Deputación da Coruña remitiulle ao Concello o pasado 5 de febreiro o texto do convenio a asinar, o cal foi informado favorablemente pola tesoureira municipal.

Sede electrónica municipal
Ademais, debaterase sobre a revogación do convenio de colaboración para o uso compartido da sede electrónica da Deputación. Preténdese así revogar a delegación, acordada mediante acordo plenario do 28 de febreiro de 2013, na Deputación da Coruña para o uso compartido da sede electrónica da Deputación Provincial da Coruña e para a xestión e administración da sede electrónica e establecer como data da desconexión o 1 de abril de 2020. Asemade solicítase que se manteña o acceso en consulta a todos os expedientes municipais aloxados nos servidores da Deputación provincial da Coruña ata finais do ano 2020.

O 1 de agosto de 2019 a Xunta de Goberno Local adxudicou os servizos para o deseño e implantación da administración electrónica á empresa ADD4U Soluciones para gestión y desarrollo SL. Esta contratación ten como obxecto a adquisición dunha plataforma de administración electrónica o seu mantemento e evolución durante un período de 30 meses, e comprende, entre outras prestacións, o subministro dun portal (sede electrónica) para a tramitación electrónica con persoas, empresas e outras organizacións públicas e privadas de procedementos integrados no novo xestor de tramitación.

A Corporación municipal deberá tamén aprobar, se procede, a inadmisión do recurso de reposición presentado fronte ao acordo plenario de aprobación definitiva da modificación da ordenanza fiscal reguladora do IBI. No pleno do pasado 31 de outubro de 2019 prestouse aprobación provisional á modificación de dita ordenanza. Posteriormente, durante o prazo de exposición pública presentouse unha alegación que se resolveu no pleno do 28 de decembro de 2019, aprobado así de xeito definitiva a ordenanza. Ese mesmo día presentouse recurso de reposición contra dito acordo plenario que agora se deberá inadmitir segundo consta no informe elaborado polos técnicos municipais.

Actualización dos regulamentos das escolas infantís municipais
Ademais, debaterase sobre a aprobación provisional dos regulamentos de réxime interior das escolas infantís A Madalena e O Bosque. O 31 de xaneiro de 2013 publicouse a aprobación definitiva da modificación dos regulamentos de réxime interior das escolas infantís municipais do Concello de Ames. Sete anos despois de dita aprobación considérase necesaria a actualización e modificación de determinadas cuestións relacionadas co normal funcionamento das escolas infantís municipais. Deste xeito, os principais aspectos que se pretende modificar afectan fundamentalmente ás necesidades de vacinación, á dispensa de medicación e á organización do persoal das escolas.

Por último, tratarase unha proposta presentada polo concelleiro de Ciudadanos, José Ramón Oulego, sobre o estado da estrada AC-453 entre Tapia e Portomouro. En dita proposta ínstase á Xunta de Galicia a anchear o viario naqueles puntos máis estreitos e que significan un perigo manifesto para o tráfico. Tamén se solicita dotar de beirarrúas aqueles tramos urbanos nos que se careza das mesmas (de Quintáns a Cruxeiras; de Frenza a Vilouta; e nos lugares de Vilaverde, Fernande e Balindo); elaborar un estudo do estado das pontes de Caduleira e Ponte Vella, para ver o estado no que se atopan; realizar o mantemento e limpeza das cunetas de toda a estrada; e mellorar a seguridade viaria no entorno do CEIP de Barouta, coa mellora da sinalización, elementos disuasorios para o exceso da velocidade, colocación dun paso de peóns, etc.

Imaxe da fachada da Casa do Concello