Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación do proxecto de mellora da mobilidade no parque empresarial do Milladoiro

Mércores, 26 de xuño de 2024

Este xoves, día 27, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de xuño. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación do crédito extraordinario 1/2024, o proxecto de mellora da mobilidade no parque empresarial do Milladoiro, a corrección de erros no texto da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo das escolas infantís municipais, a primeira prórroga do lote 1 do servizo de monitores e persoal na rede de comedores escolares e do lote 3 de servizo de monitores e merendas no programa de Tardes Divertidas. Tamén se abordará o expediente para a elección de xuíz/a substituto/a do Concello de Ames, o convenio de colaboración para a xestión compartida da promoción turística da ruta rosaliana As pegadas de Rosalía e a modificación da ordenanza para a protección dos camiños e vías públicas municipais do concello de Ames. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. De seguido, darase conta ao pleno da Corporación do decreto de aprobación da liquidación do exercicio 2023. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, de acta/s anterior/es, correspondentes á sesión ordinaria do mes de maio, do 31 de maio de 2024, e  da sesión extraordinaria sobre a aprobación da Axenda Urbana de Ames, celebrada o pasado 13 de xuño de 2024.

A continuación abordaranse dous temas que están relacionados co proxecto de mellora da mobilidade no parque empresarial do Milladoiro. Cómpre lembrar que o Concello de Ames recibiu a resolución da Consellaría de Economía, Industria e Innovación, da Xunta de Galicia, na que se notifica que se lle concede unha axuda de 120.000 euros para a execución do proxecto de mellora da mobilidade no parque empresarial Novo Milladoiro. Deste xeito, mellorarase a mobilidade e seguridade viaria dentro do parque empresarial favorecendo o tránsito de persoas e aumentado as prazas de aparcamento dispoñibles. O orzamento previsto para a execución do proxecto é de 175.525 euros. O 68,37% do orzamento total será sufragado con fondos autonómicos.

Deste xeito, a Corporación municipal deberá aprobar, se procede, o proxecto técnico de dita actuación, e mailo crédito extraordinario 1/2024, que ascende á contía de 68.025,02 euros. Para facer fronte a achega municipal de dita actuación, que ascende a 68.025,02 euros, e que comprende a achega municipal á obra (55.525,02 euros) e maila dirección de obra e redacción do proxecto (12.500 euros), propónselle ao Pleno a tramitación dun crédito extraordinario financiado con baixas por anulacións do crédito do proxecto de “Posta en marcha dun transporte municipal”. O proxecto formaba parte da estratexia EDUSI Impulsa Ames, pero non se executou a 31 de decembro de 2023, polo que o crédito atópase dispoñible, xa que o 20% do importe do proxecto financiábase cun préstamo.

Ordenanza das escolas infantís e servizo de monitores
Outro dos temas que se abordará será a corrección de erros no texto da ordenanza reguladora do prezo público pola prestación do servizo das escolas infantís municipais. Trátase dun erro aritmético existente na táboa de tarifas que figura no Anexo I relativo ás tarifas dos custes de comedor. O erro aritmético está no desconto establecido para familias numerosas, familias monoparentais e algún irmán, aos que lle corresponde, tal e como establece a ordenanza, un desconto do 20%.

De seguido, tratarase a primeira prórroga do lote 1 do servizo de monitores e persoal na rede de comedores escolares e do lote 3 de servizo de monitores e merendas no programa de Tardes Divertidas. Ditos lotes forman parte do expediente de licitación do servizo de monitores nos programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar do Concello de Ames. Ambas prórrogas establécense por un ano coa empresa A Billarda, ata o 31 de agosto de 2025.

Xuíz/a substituto/a do Concello de Ames
Por outra banda, abordarase a aprobación, se procede, do expediente para a elección de xuíz/a substituto/a do Concello de Ames. No pleno ordinario de abril prestouse aprobación ao inicio de dito expediente. Durante o prazo de presentación de solicitudes presentáronse dúas instancias. Ambos solicitantes cumpren os requisitos pero dado o currículum de ambos e tendo en conta que un dos candidatos é graduado en Dereito proponse como xuíz de paz substituto do Concello de Ames a Pablo Xosé Pouso Iglesias.

Ruta rosaliana As pegadas de Rosalía
Tamén se abordará a aprobación do convenio de colaboración para a xestión compartida da promoción turística da ruta rosaliana As pegadas de Rosalía. Deste xeito, proponse ao Pleno desistir do procedemento de constitución e aprobación dos estatutos da asociación de concellos da ruta rosaliana As Pegadas de Rosalía, por non acadar o acordo unánime dos concellos afectados; e prestar aprobación ao texto do convenio de colaboración entre os Concellos de Ames, Brión, Dodro e Padrón, para a xestión compartida da promoción turística da ruta rosaliana As pegadas de Rosalía. Tamén se propón dispoñer do crédito por importe de 2.000 euros con cargo ao orzamento municipal 2024.

Ordenanza para a protección dos camiños e vías públicas municipais
Por último, tratarase a modificación da ordenanza para a protección dos camiños e vías públicas municipais do concello de Ames. Dende a Concellería de Medio Ambiente proponse unha modificación da ordenanza co fin de adaptar a mesma ás necesidades municipais. Proponse incluír un novo artigo co fin de incluír as definicións de aproveitamentos forestais; actividade forestal extractiva de madeira; aproveitamento de uso doméstico; corta e saca de madeira; e empresa madeireira. Estas definicións incluiranse no artigo 2. Tamén se precisa con máis claridade o ámbito de aplicación e indícanse as actividades que quedan excluídas (artigo 3). En materia de garantías inclúese un novo punto para realizar unha regulación mais pormenorizada no artigo 11.

Novas relacionadas:

-El Correo Gallego: "A debate la mejora de la movilidad y el aparcamiento para Novo Milladoiro con ayuda de la Xunta"

Imaxe de arquivo do salón de plenos