Pestanas principais

O Pleno debaterá a aprobación dos anteproxectos de construción do complexo deportivo do Milladoiro e de mellora do centro deportivo da Telleira

Mércores, 26 de febreiro de 2025

Este xoves, día 27, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de febreiro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación dos anteproxectos técnicos, tanto do novo complexo deportivo do Milladoiro como para a mellora da piscina municipal A Telleira de Bertamiráns. Tamén se vai abordar o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz substituto/a; a sétima rectificación do inventario municipal; a resolución de recursos de reposición presentados fronte ao acordo plenario de resolución de alegacións e aprobación definitiva da décimo segunda modificación da RPT; a aprobación inicial da modificación do regulamento do programa Xantar na casa; a aprobación do convenio do proxecto Compostela Rupestre; e o inicio do segundo expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar. Ademais abordaranse tres mocións sobre a situación da Escola Infantil Merlín, a celebración do ano Castelao 2025 en Ames; e a mellora da seguridade viaria da AC-544. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. A continuación darase conta da información periódica a render ao pleno correspondente ao cuarto trimestre do exercicio 2024 e das queixas, suxestións e reclamacións presentadas durante o ano 2024. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, das actas correspondentes á sesión ordinaria do mes de xaneiro e da sesión extraordinaria celebrada o pasado 4 de febreiro.

Un dos temas que se van a abordar é a aprobación, se procede, dos anteproxectos técnicos do novo complexo deportivo do Milladoiro e do centro deportivo da Telleira, situado en Bertamiráns. Neste punto debaterase sobre a concesión de obra pública para a construción da nova instalación deportiva municipal do Milladoiro e para a mellora da piscina municipal de Bertamiráns.

O 31 de xullo de 2024 aprobouse en pleno a toma de coñecemento do estudo de viabilidade, elaborado pola consultora Dosvalor Consultoría SL, incluído no expediente de concesión de obra pública para a construción de dita instalación deportiva no Milladoiro, acordando a súa exposición pública polo prazo dun mes. Durante o trámite de exposición pública non se presentaron alegacións. Unha vez emitido o informe de sustentabilidade pola Intervención municipal, no pleno do 26 de setembro de 2024 aprobouse o estudo de viabilidade da concesión de obra para a construción da instalación deportiva municipal do Milladoiro e para a mellora da piscina municipal A Telleira, para a súa explotación conxunta.

Dende o 22 de outubro ata o 21 de novembro de 2024 estiveron en exposición pública os anteproxectos técnicos do novo complexo deportivo do Milladoiro e para a mellora da piscina municipal A Telleira de Bertamiráns, dentro do expediente de concesión de obra pública para a construción da instalación deportiva municipal de O Milladoiro e mellora do centro deportivo municipal A Telleira. Durante o prazo de exposición pública foron presentadas un total de 13 alegacións que se propón desestimar por parte do Pleno da Corporación.

Elección de xuíz/a de paz e rectificación do inventario municipal
Outro dos temas que se tratarán é a aprobación da convocatoria e das bases para a elección de xuíz/a de paz substituto/a do Concello de Ames. Examinadas as solicitudes presentadas, procederase, por maioría absoluta, á elección de xuíz/a de paz substituto/a, propoñendo o seu nomeamento ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A continuación, tratarase a aprobación da rectificación do inventario municipal de bens correspondente ao ano 2025, que supón a sétima rectificación do inventario municipal, e que comprende as incorporacións dunha vivenda en Aldea Nova; a parcela 1 da B7-04 Rego dos Pasos Sur II; as parcelas 4, 6 e 9 da APE B7-06 Rego dos Pasos Sur IV; e a parcela 7 da APE B7-05 Rego do Pasos Sur III.

Modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT)
Ademais, tratarase a resolución de recursos de reposición presentados fronte ao acordo plenario de resolución de alegacións e aprobación definitiva da décimo segunda modificación da relación de postos de traballo (RPT) do Concello de Ames.

Cómpre lembrar que o 18 de novembro de 2024 o Pleno aprobou inicialmente a décimo segunda modificación da Relación de Postos de Traballo do Concello de Ames, sometendo dita modificación a exposición pública por prazo de 20 días hábiles, que comprendeu do 20 de novembro ata o 18 de decembro de 2024, ambos inclusive. Durante dito período presentáronse un total de 10 alegacións. Finalmente un dos traballadores desistiu dunha das alegacións presentadas. As noves alegacións restantes foron informadas e estimouse unha delas e desestimáronse as outras oito. No pleno ordinario do 26 de decembro de 2024 resolvéronse ditas alegacións e aprobouse definitivamente a décimo segunda modificación da RPT. Posteriormente, presentáronse dous recursos de reposición contra dito acordo plenario. Agora proponse a desestimación íntegra dos recursos de reposición presentados.

Compostela Rupestre
Outro dos temas a tratar será a aprobación do convenio marco polo que se establecen as bases de cooperación entre a Deputación Provincial da Coruña e os Concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra para regular o proxecto Compostela Rupestre. Dito convenio que tiña unha vixencia de catro anos foi aprobado por primeira vez en abril de 2018. De seguido en maio de 2022 aprobouse o Plan Director do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre, que xa foi definido naquel momento como un dos principais avances no desenvolvemento do parque Compostela Rupestre. En 2024 estívose traballando no borrador do novo convenio e agora, se procede, haberá que aprobalo.

Programa Xantar na casa e Servizo de axuda no fogar
Abordarase a aprobación inicial da modificación do regulamento do programa Xantar na casa do Concello de Ames. Tamén se propón declarar a caducidade do expediente de resolución do contrato do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ames, incoado por acordo plenario o 6 de novembro de 2024. Asemade, vaise iniciar o segundo expediente de resolución do contrato do Servizo de Axuda no Fogar, que está prestando a contratista Osventos Innovación en Servizos SL.

Apartado de mocións
Por último, abordaranse tres mocións sobre a situación da Escola Infantil Merlín, presentada polo grupo municipal do BNG; para a celebración do ano Castelao 2025 no Concello de Ames; tamén presentada polo BNG; e para a mellora da seguridade viaria da AC-544 ao seu paso por Ames, presentada polo grupo municipal socialista.

O Pleno debaterá a aprobación dos anteproxectos de construción do complexo deportivo do Milladoiro e de mellora do centro deportivo da Telleira