- Tematica
Este xoves, día 30, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de xaneiro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a aprobación dos modelos de declaracións de bens e actividades dos concelleiros e concelleiras do Concello de Ames, a proposta de resolución de alegacións e remisión ao Consello Consultivo de Galicia do expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar, e a modificación do regulamento da Rede municipal de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas. Ademais, debaterase unha moción política do grupo municipal BNG para a implantación de medidas de prevención e resposta fronte ás inundacións. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, da acta correspondente á sesión ordinaria do mes de decembro.
Un dos temas que se van a abordar é a aprobación, se procede, dos modelos de declaracións de bens e actividades dos concelleiros e concelleiras do Concello de Ames. As declaracións de bens e actividades véñense presentado conforme aos modelos dispoñibles no Concello, pero non foron formalmente aprobadas polo Pleno do Concello, polo que é preciso que sexa debatido e aprobado, se procede, pola Corporación municipal.
Servizo de axuda no fogar
De seguido abordarase a resolución de alegacións e remisión ao Consello Consultivo de Galicia do expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar (SAF) do Concello de Ames. Neste senso cómpre lembrar que no pleno ordinario do pasado mes de outubro aprobouse por unanimidade o inicio do expediente de resolución do contrato do servizo de axuda no fogar do Concello de Ames, debido a múltiples incumprimentos do contrato por parte da empresa concesionaria do servizo.
Neste punto proponse a desestimación íntegra das alegacións presentadas pola contratista Osventos Innovación en Servizos SL. Ademais, propónselle ao Consello Consultivo de Galicia a resolución do contrato, por causa imputable á empresa contratista, Osventos Innovación en Servizos SL. As causas que motivan a resolución do contrato son os incumprimentos do contrato identificados pola responsable do contrato, sendo tres deles obrigas esenciais do contrato.
Por último, proponse a incautación e perda da garantía definitiva por importe de 132.337,08 euros sen prexuízo da indemnización que poda proceder a favor do Concello polos danos e prexuízos que esta resolución culpable lle ocasione. A empresa contratista Osventos Innovación en Servizos SL, deberá seguir prestando o servizo nas mesmas condicións que figuran no contrato asinado o 22 de marzo de 2023, ata a adxudicación do novo expediente incoado por acordo plenario do 26 de decembro de 2024 para a prestación do servizo de axuda no fogar.
Regulamento da rede municipal de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas
Outro dos temas que se abordarán será a aprobación inicial da modificación do regulamento da rede municipal de comedores escolares, Bos días cole e Tardes divertidas do Concello de Ames. Previamente abriuse o pasado 19 de decembro de 2024 un proceso de consulta pública. Durante dito proceso presentáronse nove suxestións, algunhas das mesmas foros estimadas e outras desestimadas.
No caso de ser aprobada, haberá que someter a aprobación inicial a información pública durante 30 días hábiles, a efectos de exame e reclamacións mediante a publicación no taboleiro de edictos do Concello, BOP e Portal de Transparencia. De non presentarse reclamacións, a aprobación inicial quedará elevada a definitiva de forma automática.
Medidas de prevención e resposta fronte ás inundacións
Ademais, debaterase unha moción política do grupo municipal BNG para a implantación de medidas de prevención e resposta fronte ás inundacións. A través de dita moción ínstase ao goberno municipal a liderar unha estratexia integral que permita minimizar os impactos de posibles inundacións e garantir a seguridade e o benestar da cidadanía, ao tempo que se protexe o entorno natural do municipio a través de diferentes accións que inclúan, entre outras, as seguintes:
-Campañas de sensibilización e formación cidadá. Desenvolvemento de campañas informativas dirixidas á poboación amesá para aumentar a concienciación sobre o risco de inundacións e as medidas de autoprotección.
-Colaboración e establecemento de convenios, se fora preciso, coa Xunta de Galicia, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil ou outras entidades relevantes para desenvolver accións conxuntas e optimizar os recursos dispoñibles.
Asemade, ínstase á Xunta de Galicia a fomentar o uso de solucións baseadas na natureza, como a creación de zonas verdes inundables e a restauración das beiras dos ríos.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El pleno de Ames debatirá cambios en el reglamento de los comedores escolares"
El Correo Gallego: "O pleno de Ames centrarase no SAF e nas declaracións de bens dos edís"