- Tematica
Este xoves, día 29, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de febreiro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a corrección do acordo plenario de participación no plan POS +Adicional 1/2024 para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2024; a aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola ocupación de terreos de uso publico con postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo así como industrias na rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica; e maila elección de xuíza de paz titular do Concello de Ames. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. De seguido, a concelleira de Servizos Económicos dará conta da información periódica a render ao pleno correspondente ao cuarto trimestre do exercicio 2023. Neste apartado tamén se dará conta das queixas, suxestións e reclamacións presentadas no ano 2023.
Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, de actas anteriores, correspondentes á sesión ordinaria do mes de xaneiro e ás sesións extraordinarias do 7 e 22 de febreiro de 2024.
Dentro deste mesmo apartado tamén se vai debater a corrección do acordo plenario de participación no plan POS +Adicional 1/2024 para gastos sociais extraordinarios do exercicio 2024.
Cómpre lembrar que no POS+ Adicional 1/2024 contémplanse 157.620,75 euros para gastos sociais extraordinarios. Do total de dita contía, destinaríanse 68.384,34 euros para a contratación de tres traballadores/as sociais durante un período de seis meses. Ademais, dedicaranse 79.236,41 euros á ampliación e dotación das partidas municipais destinadas a axudas de emerxencia ás unidades de convivencia en risco de exclusión social. O importe restante, que ascende a 10.000 euros, dedicarase á ampliación do servizo de axuda no fogar, que se adicará a ofrecer o servizo de xantar na casa ás 12 persoas que están en lista de agarda e aquelas que poidan precisar de dito servizo.
A modificación atinxe a que na certificación do acordo plenario hai que engadir un segundo punto relativo a que o Concello de Ames comprometerse a facer constar a colaboración da Deputación da Coruña en toda a información (impresa, informática ou audiovisual) que fagan das actividades ou investimentos subvencionados, asi como, no seu caso, na súa páxina web e/ou redes sociais.
Aprobación de ordenanza municipal
Outro dos temas que se abordarán no pleno ordinario de febreiro é a aprobación inicial da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola ocupación de terreos de uso publico con postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo así como industrias na rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica.
No pleno do 29 de outubro de 2020 adoptouse o acordo de derrogar a ordenanza fiscal 3.B.2 reguladora da taxa por instalacións de postos, barracas, casetas de venda, espectáculos, atraccións ou recreo situados en terreos de uso publico municipal así como industrias na rúa e ambulantes e rodaxe cinematográfica do Concello de Ames. Tras a oportuna tramitación administrativa a derrogación aprobouse definitivamente sendo publicada no BOP 225, do 31 de decembro de 2020. A finalidade desta derrogación era facilitar a actividade do comercio de venda ambulante ante a situación xerada pola Covid-19 que supuxo importantes limitacións ao sector.
Na actualidade, dende o goberno municipal consideran necesario aprobar unha nova ordenanza fiscal. Para elaborar dita ordenanza tívose en conta un estudo técnico elaborado polo servizo de Urbanismo, no que tras tomar en consideración o valor que tería no mercado a utilidade obtida realiza unha proposta de tarifas.
Elección de xuíza de paz
Por último, debaterase a elección de xuíza de paz titular do Concello de Ames. Na sesión plenaria do 28 de decembro de 2023 aprobouse o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames e apróbanse as bases para a súa elección. Durante o prazo de presentación de instancias presentáronse seis solicitudes cumprindo todas elas cos requisitos esixidos. Atendendo ao criterio habitual de valorar especialmente o Grao en Dereito e a experiencia como xuíz/a de paz, propónselle ao Pleno a elección de Xiomara Erlinda Lazo Fuentes como xuíza de paz titular do Concello de Ames.