- Tematica
Este xoves, 2 de setembro, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario do mes de agosto. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá a aprobación do expediente de licitación do servizo de monitoraxe dos programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar. Tamén se abordará a aprobación provisional da ordenanza fiscal número 3.B.3 reguladora das terrazas. Abordarase, tamén, a autorización do incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento 2021. A continuación o pleno debaterá a encomenda de xestión ó Concello de Teo para a prestación do servizo de Atención Temperá. Outro dos puntos a tratar é a fixación dos festivos locais para o ano 2022. Por último, debaterase a proposta dos concelleiras/os de Contigo Podemos, PsdG-PSOE, BNG e Ames Novo para solicitar á Xunta de Galicia o compromiso para a acollida de persoas refuxiadas afgás.
O primeiro dos asuntos incluídos na orde do día é a aprobación do expediente de licitación do servizo de monitores dos programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar do Concello de Ames. A conciliación da vida laboral e familiar converteuse nos últimos anos nunha necesidade para boa parte da sociedade. A incorporación da muller ao mundo laboral, o aumento da esperanza de vida, así coma, o incremento do número de familias monoparentais obriga ás administracións a tomar partido. Dende o Concello de Ames levan máis de 15 anos facendo unha aposta clara pola conciliación da vida laboral e familiar cunha ampla rede de servizos complementarios á educación a través dos “Comedores Escolares”, o servizo “Bos Días Cole” e “Tardes Divertidas”. O contrato que permitía prestar estes servizos rematou en xuño do ano 2020. Por iso o Goberno Municipal eleva ao Pleno para a súa aprobación o expediente de contratación mediante procedemento aberto regulación harmonizada, tramitación anticipada, varios criterios de adxudicación, o servizo de monitores dos programas municipais de conciliación de vida laboral e familiar do Concello de Ames. A duración inicial do contrato é de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos. O orzamento base de licitación do contrato ascende a 3.098.144 €, sendo o valor estimado do contrato de 8.777.421 €.
Festivos locais
Por outra banda, debaterase a fixación dos festivos locais para o ano 2022. Co fin de confeccionar o calendario laboral 2022 cumpre que o Concello fixe os festivos locais para o ano 2022. A tradición no Concello de Ames é que os festivos locais sexan o xoves da Ascensión e o día de san Xoán, con todo, no ano 2022 san Xoán é festivo autonómico polo que a Xunta de Voceiros do mes de agosto propón a fixación como festivos locais o xoves da Ascensión (26 de maio) e o Luns de Pascua (18 de abril).
Ordenanza fiscal reguladora das terrazas
Outro dos asuntos a tratar é a aprobación provisional da ordenanza fiscal número 3.B.3, reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas e cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa vinculados á actividade comercial. O Concello de Ames aprobou no Pleno extraordinario do 24 de maio de 2020 a derrogación da Ordenanza Fiscal reguladora das terrazas para poder flexibilizar e reducir as limitacións á ocupación de espazos públicos, así como para poder axudar ao sector nesta recuperación. Simultaneamente íanse rematando os traballos de elaboración da nova Ordenanza reguladora da ocupación de dominio público e espazos de uso público por terrazas e elementos vinculados á actividade comercial e hostaleira con fins non festivos, que se fixo a través dun proceso de participación con representantes do sector hostaleiro. Destas xuntanzas saíu a nova Ordenanza reguladora da ocupación de dominio público e espazos de uso público que se aprobou definitivamente no Pleno do 27 de maio de 2021, entrando en vigor o 30 de xuño de 2021.
Paralelamente o Concello de Ames procedeu á redacción dunha nova ordenanza fiscal adaptada á nova ordenanza reguladora, cuxo texto foi sometido a consulta pública a través da web municipal durante o prazo de 20 días hábiles. Agora, a Corporación Municipal terá que aprobar provisionalmente a imposición desta taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas e cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos con finalidade lucrativa e a Ordenanza fiscal reguladora da mesma.
Asignación de gratificacións
Outros dos puntos a deliberar é a autorización do incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento 2021. Con motivo da aprobación dos orzamentos 2021 autorizouse un importe máximo para gratificacións e horas extraordinarias do persoal de 73.319 €. Dende o servizo de persoal indican que no mes de xullo de 2021 o importe deveñado en horas extras e gratificacións ascende a 90.126,69 euros, polo que, o crédito consignado no orzamento resulta insuficiente. Dende a Concellaría de Administración Xeral e atendendo á media de horas extras e gratificacións realizadas nos últimos 6 meses estímase necesario incrementar a cantidade global destinada á asignación de gratificacións e horas extras en 106.933 euros, de forma que o importe global recollido no orzamento sería de 180.253 euros.
Servizo de Atención Temperá
Ademais abordarase a encomenda de xestión ao Concello de Teo para a prestación do Servizo de Atención Temperá. A concellaría de Benestar Social do Concello de Ames propón realizar un convenio de colaboración co Concello de Teo para a posta en marcha do servizo de Atención Temperá no Concello de Ames. O convenio de xestión compartida recolle unha duración dun ano, dende o 01.11.2021 ata 31.10.2022. O servizo de Atención Temperá consiste nun conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno e que ten por obxectivo dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social. A Concellaría de Benestar Social defende a xestión compartida co concello de Teo como solución para prestar o servizo, posibilitando que se preste dun xeito máis eficaz e eficiente, minorando custos antieconómicos da prestación illada, garantindo o acceso da veciñanza a uns servizos públicos de calidade.
Proposta acollida refuxiados afgás
Por último, debaterase a proposta dos concelleiras/os de Contigo Podemos, PsdG-PSOE, BNG e Ames Novo para solicitar á Xunta de Galicia o compromiso para a acollida de persoas refuxiadas afgás. A proposta tamén insta ás Consellerías de Política Social e a de Territorio, Medio Ambiente e Vivenda para que xestionen directamente a cesión de vivendas baleiras e/ou en mans da SAREB para poñelas a disposición das persoas refuxiadas.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames plantea fijar Ascensión y lunes de Pascua como festivos locales en el 2022"
Revista AmesGO: "O pleno de agosto celébrase hoxe cos servizos de conciliación e os festivos locais sobre a mesa"