- Tematica
Este martes, 28 de decembro, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario do mes de decembro. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá sobre a rectificación do Inventario municipal, que leva sen actualizar dende hai 20 anos. Na mesma sesión abordarase a solicitude dunha subvención á Deputación para a creación dun área de autocaravanas en Bertamiráns; o incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento 2021; a continuidade da prestación do servizo do Ciclo Integral da Auga pola concesionaria do servizo, Espina & Delfín SL, a partir do 31 de decembro de 2021; a sétima prórroga do contrato asinado coa empresa Urbaser SA, para a xestión da limpeza viaria e do Punto Limpo polo prazo de seis meses; e maila revisión dos prezos de Urbaser SA para 2021. Ademais, abordaranse dúas propostas: a primeira presentada por Ames Novo trata sobre a adecuación dos límites de velocidade ao establecido polo Real Decreto 970/2020 en diversas estradas do concello. Na segunda proposta, presentada polos grupos municipais socialista, Contigo Podemos e Ames Novo, ínstase ás autoridades da República de El Salvador a cumprir a sentenza do Tribunal Iberoamericano de Dereitos Humanos no chamado “Caso Manuela”, que insta ao goberno dese país a reformar a lei que penaliza calquera tipo de aborto, incluso o terapéutico.
Debido á actual situación sanitaria derivada da COVID19 o pleno ordinario deste mes de decembro realizarase de xeito semi-presencial. O alcalde e mailos/as voceiros/as dos diferentes grupos políticos municipais estarán presentes no salón de plenos da Casa do Concello e o resto de concelleiros/as da Corporación municipal conectarase de xeito telemático a través da rede. O pleno será retransmitido por streaming.
Un dos asuntos incluídos na orde do día deste último pleno ordinario de 2021 é a rectificación do Inventario municipal. Dende a Concellaría de Transparencia, que xestiona as áreas de xestión patrimonial e inventario municipal de bens, lévase tempo traballando na actualización do Inventario municipal, xa que durante máis de 20 anos o devandito inventario non foi actualizado. Entre os bens a incluír neste inventario figuran 8 bens inmobles. Ademais, ponse de manifesto a importancia dos bens nas distintas actividades municipais.
Creación dunha área de autocaravanas en Bertamiráns
Outro dos asuntos que se debaterán no pleno ordinario de decembro é a solicitude dunha subvención á Deputación provincial da Coruña para a creación dunha área de autocaravanas en Bertamiráns. O turismo está acadando en Ames maior relevancia grazas especialmente ao Camiño Portugués e o Camiño de Fisterra-Muxía, que percorren o concello amesán, que xunto cos espazos verdes, áreas naturais e rutas de sendeirismo fan que cada día se acheguen máis visitantes.
A localidade de Bertamiráns carece dunha área de estacionamento reservada a autocaravanas e desde o Concello elaborouse un proxecto técnico cun importe de 50.982,26 euros. Deste xeito, preténdese solicitarlle á Deputación da Coruña a súa colaboración económica no financiamento das obras de creación da área de autocaravanas en Bertamiráns cun orzamento de 50.982,26 euros. O importe solicitado á Deputación será do 80% (40.785,81 euros) e a achega municipal será do 20% (10.196,45 euros).
Gratificacións e horas extras
Na mesma sesión abordarase o incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias no orzamento 2021. Aprobados os Orzamentos de 2021 autorizouse unha cantidade máxima de gratificacións, horas complementarias e horas extraordinarias do persoal de 73.319,48 euros. No mes de xullo iniciouse un expediente de ampliación de crédito das partidas para adaptalas ás novas necesidades quedando unha cantidade total de 180.253,47 euros. Ante o remate do ano e visto que dita partida resultou insuficiente por mor de substitución de baixas, paternidades/maternidades, e necesidades de horas extras de prestación nos distintos servizos, lévase a Pleno un novo incremento da partida que acadaría un total para o ano 2021 de 225.000 euros.
Continuidade na prestación do servizo do Ciclo Integral da Auga
No pleno do 29 de decembro de 2016 adxudicouse o contrato de xestión do servizo público Ciclo Integral da Auga á Espina & Delfín. A prestación iniciouse o 16 de xuño de 2017 e a vixencia foi de dous anos máis outros dous de prórroga. Rematados ditos prazos, acordouse no Pleno do 29 de abril de 2021 a continuidade do contrato ata o 31 de decembro de 2021.
No Pleno do 30 de xuño de 2021 acordouse tramitar un expediente para a determinación do modelo de xestión máis sostible e eficiente do servizo público municipal do CIA, constituíndose unha Comisión para validar a memoria xustificativa na que se establecía un cambio de modelo de xestión, propoñendo a xestión directa do servizo como modelo máis sostible e eficiente. Someteuse a memoria xustificativa a consulta pública dende o 9 de setembro ata o 9 de outubro de 2021 e validouse definitivamente pola Comisión.
Ante o próximo vencemento do prazo de prestación do servizo, dado que se trata dun servizo público esencial e que a municipalización do CIA é un proceso complexo que requirirá dun prazo máis amplo, levarase ao Pleno de decembro o acordo para pactar expresamente co actual adxudicatario, Espina & Delfín SL, a continuidade do servizo do CIA mantendo as mesas condicións ata que se inicie a prestación directa do servizo e en todo caso ata a data límite do 31 de decembro de 2022.
Prórroga do contrato e revisión de prezos coa empresa URBASER SL
Ademais, o Pleno debaterá a sétima prórroga, polo prazo de seis meses, do contrato asinado coa empresa Urbaser SA, que se encarga da limpeza viaria e do Punto Limpo do Concello de Ames. Dita prórroga comprendería dende o 15 de xaneiro de 2022 ata o 14 de xullo de 2022 e sería por un importe de 334.799,18 euros. Tamén se debaterá a revisión de prezos con esta empresa. Dita actualización tería efecto dende o 1 de xaneiro de 2021.
Regulación de límites de velocidade a 30 km/h
Por outra banda, abordaranse dúas propostas: a primeira, presentada por Ames Novo, trata sobre a adecuación dos límites de velocidade en diversas estradas do concello, logo do establecido no Real Decreto 970/2020 que modifica os límites de velocidade en vías urbanas e que entrou en vigor o pasado día 12 de maio de 2021.
A proposta insta ao Pleno a dirixirse á Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia a fin de que proceda a fixar o límite de velocidade en toda a avenida da Peregrina en 30 km/h. Tamén se pide dirixirse á Deputación Provincial para fixar o límite de velocidade a 30 km/h na rúa da Madalena e na DP-0250 no tramo que se corresponde coa avenida Alcalde Lorenzo e nas proximidades do CEIP Agro do Muíño. Ademais propón comunicarlle á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia que se elabore un plano de regulación semafórica na avenida de Rosalía Castro que permita minorar a velocidade media á que circula o tráfico por dita avenida.
Moción dirixida ao Goberno de El Salvador
Na segunda proposta, presentada polos grupos municipais socialista, Contigo Podemos e Ames Novo, ínstase ás autoridades da República de El Salvador a cumprir a sentenza do Tribunal Iberoamericano de Dereitos Humanos no chamado “Caso Manuela” que insta ao goberno dese país a reformar a lei que penaliza calquera tipo de aborto, incluso o terapéutico. A proposta chega a Ames e ao resto dos Concellos galegos a través de AGARESO (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social) que quere lograr que se estableza un protocolo de atención das urxencias obstetricias e que se protexan os datos das pacientes, cuestión que, segundo AGARESO “se vulneran con moita frecuencia”.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Ames celebra un intenso pleno municipal para pechar este ano"