- Tematica
Este xoves, 23 de febreiro, o Concello de Ames celebra o pleno ordinario correspondente ao mes de febreiro. En dita sesión plenaria a Corporación municipal debaterá sobre a adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar. Tamén se abordará a modificación do anexo de investimentos e bases de execución do orzamento 2023 para incluír as obras de saneamento e abastecemento no núcleo de Lens e maila aprobación do Plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames correspondente ao período 2023-2025. O pleno poderase seguir por streaming a través da canle de Youtube do Concello de Ames.
O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Ademais, a concelleira de Economía e Facenda dará conta da información periódica que hai que render ao Pleno correspondente ao cuarto trimestre do exercicio 2022. Tamén se dará conta da resolución de Intervención sobre a aprobación do Plan anual de control financeiro sobre os exercicios 2021-2022; do informe de seguimento do plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames do período 2020-2022; e das queixas, suxestións e reclamacións presentadas no ano 2022.
Dentro do apartado de deliberación e acordo abordarase a adxudicación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Proporáselle ao Pleno adxudicar dito contrato á empresa Osventos Innovación en Servizos S.L. O contrato recolle a prestación deste servizo nas modalidades de SAD laboral e festiva de libre concorrencia e SAD laboral e festiva de dependencia. O contrato será adxudicado, se procede, por 2.752.611,31 euros e unha duración de dous anos.
O contrato inclúe plans de formación para o persoal auxiliar, persoal coordinador da empresa e para as persoas usuarias e/ou familiares coidadores das persoas dependentes. A duración do contrato será de dous anos, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos (incluíndo período inicial e prórrogas). O inicio da prestación do novo contrato está prevista para o 1 de abril de 2023.
Por outra banda, abordarase a modificación do anexo de investimentos e bases de execución do orzamento 2023 para incluír as obras de saneamento e abastecemento no núcleo de Lens. O Concello de Ames pretende levar a cabo un novo investimento no núcleo de Lens para dotar a este lugar de saneamento e abastecemento. Coa ampliación da rede de abastecemento preténdese substituír as traídas veciñais e os pozos particulares, que carecen na maior parte dos casos de control sanitario e das tarefas de mantemento e limpeza que esixen as redes. O orzamento total do proxecto ascende a 789.230,86 euros, estando previsto executar 328.375,96 euros no 2023 e 460.854,90 no exercicio 2024.
Para poder executar dito proxecto o Pleno deberá excepcionar os límites cuantitativos do artigo 174.a) do Texto refundido la Lei de facendas locais (TRLRFL) e haberá que modificar o anexo de investimentos do orzamento municipal 2023 para incluír o proxecto indicado financiándose cos recurso do Ciclo integral da Auga previsto no anexo de investimentos.
Por último, abordarase a aprobación do Plan estratéxico de subvencións do Concello de Ames correspondente ao período 2023-2025. Os Concellos que pretendan outorgar subvencións deben aprobar o seu correspondente Plan estratéxico de subvencións. Para mellorar a eficacia, a lexislación vixente establece que se proceda a elaborar un Plan estratéxico de subvencións, de carácter plurianual e con carácter previo ao nacemento das subvencións ou aos convenios de colaboración que a Administración poida realizar. Tendo isto en conta elaborouse o Plan estratéxico de subvencións para o período 2023-2025, atendendo ao informe de seguimento do anterior plan (2020-2022).