Pestanas principais

O Pleno debaterá sobre a aprobación do recoñecemento extraxudicial de créditos e a participación no POS+ Adicional 2023

Sábado, 09 de setembro de 2023

O vindeiro luns, día 11, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de agosto. Na sesión plenaria a Corporación municipal aprobará, se procede, as actas anteriores. Tamén se debaterá sobre o nomeamento de representantes da Corporación na Asociación Terras de Compostela, a alteración da cualificación xurídica dun camiño público en Firmistáns e a fixación dos festivos locais para o ano 2024. Por outra banda, abordarase a solicitude de participación no POS+ Adicional 2023, e aprobarase, se procede, o recoñecemento extraxudicial de créditos 2/2023. Por último, realizarase unha modificación do suplemento de crédito. O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Por outra banda, tamén se dará conta da información periódica a render ao pleno correspondente ao segundo trimestre do exercicio 2023. Neste apartado inclúense a execución do orzamento ao remate de dito trimestre (en execución do acordo plenario do 22 de novembro de 2018), o período medio de pago e a información trimestral de morosidade.

Deseguido, darase paso á parte resolutiva do Pleno. En primeiro lugar aprobaranse, se procede, as actas anteriores, correspondentes á sesión ordinaria do 27 de xullo de 2023.

Por outra banda, nomearanse aos representantes da Corporación na Asociación Terras de Compostela. A continuación, debaterase sobre a alteración xurídica dun anaco de camiño público no lugar de Firmistáns. Por outro lado, debateranse os festivos locais cos que vai contar Ames durante o ano 2024.

O seguinte punto a debate será a solicitude de participación no POS+ Adicional 2/2023. A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames xa aprobara o pasado mes de xullo a participación neste plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, da Deputación da Coruña. Dentro do marco deste programa, a Ames corresponderíalle a contía de 943.884,10 euros que se dedicarán a sufragar catro novas obras no rural, no núcleo urbano de Bertamiráns e para habilitar unha nova cociña central para o servizo municipal de comedores escolares.

Os últimos dous puntos da convocatoria son a aprobación do recoñecemento extraxudicial de créditos 2/2023 e a modificación do suplemento de crédito 1/2023.

Para rematar, haberá unha quenda de rogos e preguntas. A veciñanza de Ames pode visualizar o pleno en directo a través do streaming da canle de Youtube do Concello.

Imaxe de arquivo do Salón de Plenos