Pestanas principais

O Pleno debaterá a solicitude dunha axuda á Deputación da Coruña para a Oficina de Transformación Comunitaria

Mércores, 27 de decembro de 2023

Este xoves, día 28, o Concello de Ames celebrará o pleno ordinario correspondente ao mes de decembro. Na sesión plenaria, a Corporación municipal debaterá sobre a solicitude dunha subvención á Deputación provincial da Coruña, mediante convenio de colaboración, para o cofinanciamento da realización das actividades do proxecto Oficina de Transformación Comunitaria do Concello de Ames. Tamén se abordará a solicitude dunha subvención nominativa á Deputación provincial da Coruña para a execución das obras de creación dunha área de autocaravanas en Bertamiráns. Outros temas que se tratarán serán o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames e maila modificación do lote 2 do servizo de monitorización dos programas municipais de conciliación de vida laboral e familiar (monitores de almorzos en Bos días cole). O pleno será emitido en directo a través da canle de YouTube do Concello de Ames.

O pleno comezará co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se abordará será a aprobación, se procede, das actas anteriores, correspondentes á sesión extraordinaria do 30 de novembro e do pleno ordinario de novembro, celebrada tamén o día 30.

De seguido, abordarase o inicio de expediente para a elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames. A Corporación municipal deberá prestar aprobación ás bases para a elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames. Aprobadas as bases, procederase á súa exposición pública para a presentación de solicitudes por prazo de 15 días hábiles; examinadas as solicitudes presentadas procederase, por maioría absoluta, á elección de xuíz/a de paz titular do Concello de Ames, propoñendo o seu nomeamento ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Por outra banda, abordarase a modificación do contrato do servizo de monitores de almorzos en Bos días Cole do Concello de Ames. A modificación atinxe ao lote número 2 do servizo de monitores nos programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar do Concello de Ames, que supón unha modificación do 20% e un importe de 64.898,68 euros (43.480,11 euros na anualidade 2023 e 21.418,57 euros na anualidade 2024).

Oficina de transformación comunitaria
Un dos temas máis importantes que se abordará no pleno ordinario de decembro será a solicitude dunha subvención á Deputación provincial da Coruña, mediante convenio de colaboración, para o cofinanciamento da realización das actividades do proxecto Oficina de Transformación Comunitaria do Concello de Ames. O orzamento total ascende a 145.200 euros, sendo cofinanciado polo Concello de Ames con 40.000,00 euros, o IDAE con 80.000 euros, e a Deputación de A Coruña con 25.200 euros.

Cómpre lembrar que ao Concello de Ames aprobáronlle o proxecto presentado ao programa de concesión de axudas para Oficinas de Transformación Comunitaria para a promoción e dinamización de comunidades enerxéticas (CE OFICINAS), que se enmarca na compoñente 7 «Despregue e integración de enerxías renovables» do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para a execución dos fondos Next Generation EU, cuxas bases reguladoras foron establecidas mediante a Orden TED/1021/2022, do 25 de outubro do Ministerio para a Transformación Ecolóxica e Reto Demográfico. O importe concedido ao Concello de Ames ascende a 80.000 euros.

A función da Oficina de Transformación Comunitaria do Concello de Ames fundaméntase como punto de referencia e asesoramento para o fomento de comunidades enerxéticas a nivel local. Trátase dunha iniciativa para aumentar a produción de enerxía desde a proximidade cunha visión comunitaria e participativa desde as parroquias que conforman Ames, así como no territorio dos municipios da área occidental da provincia da Coruña, ademais de servir para avanzar na transición cara a un modelo enerxético descarbonizado. Isto tradúcese na posta en marcha e funcionamento da Oficina de Transformación Comunitaria e Acompañamento, nun lugar físico e tamén virtual mediante a súa propia web e redes sociais, con accesibilidade e visibilidade pública.

As actuacións proxectadas concrétanse en accións formativas e participativas dinámicas, para sensibilizar, formar e informar os axentes intervenientes en canto ao modelo e comunidades enerxéticas, ademais do acompañamento destes axentes durante o proceso de creación e consolidación destas. Deste xeito, vanse realizar actividades de asesoramento, acompañamento, aplicación de recursos transversais e planificación. A oficina será de natureza principalmente virtual, podendo dispoñer de emprazamento físico nas instalacións do espazo colaborativo coworking A Proa.

Creación dunha área de autocaravanas en Bertamiráns
Outro dos asuntos que se debaterán no pleno ordinario de decembro é a solicitude dunha subvención á Deputación provincial da Coruña para a creación dunha área de autocaravanas en Bertamiráns. O turismo está acadando en Ames maior relevancia grazas especialmente ao Camiño Portugués e o Camiño de Fisterra-Muxía, que percorren o concello amesán, que xunto cos espazos verdes, áreas naturais e rutas de sendeirismo fan que cada día se acheguen máis visitantes.

A localidade de Bertamiráns carece dunha área de estacionamento reservada a autocaravanas e desde o Concello elaborouse un proxecto técnico cun importe de 71.399,30 euros. Deste xeito, preténdese solicitarlle á Deputación da Coruña a súa colaboración económica no financiamento das obras de creación de dita área de autocaravanas en Bertamiráns. O importe solicitado á Deputación ascende a 57.399,30 euros, mentres que a achega municipal será de 14.000 euros.

Novas relacionadas:

Ames Go: "O pleno de Ames debaterá sobre o financiamento a través da Deputación da oficina de fomento das comunidades enerxéticas"

Imaxe de arquivo do pleno ordinario do mes de outubro