Pestanas principais

O Pleno desestima o recurso especial en materia de contratación presentado no expediente de licitación do servizo de axuda no fogar

Martes, 29 de novembro de 2022

Este martes, 29 de novembro, celebrouse un pleno extraordinario sobre o expediente de licitación do servizo de axuda no fogar do Concello de Ames. Primeiro ratificouse por unanimidade a urxencia da convocatoria de dito pleno. Os tres puntos restantes da orde do día foron aprobados por maioría absoluta co voto a favor dos membro do goberno e do concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo. Os concelleiros/as do grupo municipal popular e mailo concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, votaron  en contra. Deste xeito, aprobouse a desestimación do recurso especial en materia de contratación presentado no expediente de licitación do servizo de axuda no fogar, a convalidación dos acordos de clasificación de ofertas realizados pola Xunta de Goberno Local, e a delegación do Pleno na Xunta de Goberno Local das competencias como órgano de contratación en dito expediente de licitación.

O pleno extraordinario comezou coa Corporación municipal ratificando por unanimidade a urxencia da convocatoria. De seguido, abordouse o segundo punto da orde do día sobre a proposta de desestimación do recurso especial en materia de contratación presentado pola licitadora Osventos Innovación en Servizos S.L., fronte ao acordo de Xunta de Goberno Local do 4 de novembro de 2022 de exclusión do expediente de licitación do servizo de axuda no fogar do Concello de Ames.

Sobre este asunto a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explicou que “houbo un acordo na Xunta de Goberno Local de segunda clasificación na que se excluíu a empresa Osventos Innovación en Servizos porque non cumpría coa solvencia técnica e profesional necesaria para a execución do contrato. Dita empresa presentou un recurso especial en materia de contratación e agora estamos na fase de revisión de todo o expediente de contratación. Onte xa se lle remitiu todo o expediente ao Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Xunta de Galicia e tan só falta por enviarlle o acordo que se adopte hoxe neste pleno extraordinario”.   

Ademais, a concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explicou que neste expediente a competencia como órgano de contratación corresponde ao Pleno, aínda que o habitual é que neste tipo de licitacións as competencias como órgano de contratación, unha vez aprobada a licitación, e por razón se axilidade, se deleguen na súa totalidade na Xunta de Goberno Local, coa excepción da adxudicación. Porén, por un erro a delegación neste expediente de contratación non foi realizada.

O concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, dixo que “a forma de tramitar este pleno, tanto en forma como en contido, paréceme que deixa bastante que desexar, polo que vou votar en contra nos tres puntos”.

O concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, explicou que “non tivemos tempo de estudar a documentación deste pleno polo que é moi difícil pronunciarse. No que atinxe ao recurso a decisión que adopte este Pleno é pouco transcendente, xa que vai ser o Tribunal o que ditamine se hai motivos para a exclusión da oferta de dita empresa e a súa non inclusión neste expediente de licitación. Este é un paso formal e previo ao que ditamine o Tribunal”.

Por parte do grupo municipal popular, Javier Olmo, dixo que “queremos que quede claro que non introducir a cláusula de delegación na Xunta de Goberno Local non se trata dun erro. Resúltanos sorprendente que nun asunto como este que é de competencia plenaria nos teñamos que decatar deste xeito de que se excluíron empresas do procedemento de licitación e de que se interpuxo un recurso especial en materia de contratación. Existen oportunidades e medios para ter informado ao pleno. Nós vamos a votar en contra dos tres puntos. Non vamos a entrar  a valorar o fondo da cuestión e agardaremos a que se pronuncie o Tribunal”.

O alcalde, Blas García, dixo que “toda a información sobre este expediente de licitación está recollida nas actas das Xunta de Goberno Local ás que teñen acceso todos os concelleiros e concelleiras da Corporación municipal. O recurso chegou o xoves da semana pasada e nese momento chamei aos voceiros/as de todos os grupos para explicarlles cal era a situación e que se ía convocar este pleno extraordinario”.

Este punto foi aprobado por maioría absoluta co voto a favor dos membro do goberno e do concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo. Os concelleiros/as do grupo municipal popular e mailo concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, votaron en contra.

Convalidación dos acordos de clasificación de ofertas
Ademais, abordáronse outro dous puntos máis. No terceiro tratouse a convalidación dos acordos de clasificación de ofertas realizados pola Xunta de Goberno Local o 6 de outubro de 2022 e 4 de novembro de 2022, no expediente de licitación do servizo de Axuda no Fogar. Este punto, ao igual que o anterior, aprobouse por maioría absoluta co voto a favor dos membro do goberno e do concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo. Os concelleiros/as do grupo municipal popular e mailo concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, votaron en contra.

Por último, tamén se aprobou por maioría absoluta a delegación do Pleno na Xunta de Goberno Local das competencias como órgano de contratación no expediente de licitación do servizo de Axuda no Fogar do Concello de Ames. Votaron a favor os membro do goberno e mailo concelleiro do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo. Os concelleiros/as do grupo municipal popular e mailo concelleiro do grupo mixto, José Ramón Oulego, de Ciudadanos, votaron en contra.

Expediente de contratación do servizo de axuda no fogar
Cómpre lembrar que o pasado 28 de xullo e 2022 a Corporación municipal aprobou por unanimidade o expediente de contratación do servizo de axuda no fogar do Concello de Ames nas modalidades de SAF libre concorrencia e SAD dependencia, mediante procedemento aberto, regulación harmonizada e tramitación anticipada. A dito proceso presentáronse tres empresas. Posteriormente, de conformidade coa proposta da Mesa de Contratación, a Xunta de Goberno Local na sesión do 6 de outubro de 2022 realizou a clasificación de ofertas e requirimento de presentación de documentación á empresa clasificada en primeiro lugar, Osventos Innovación en Servizos S.L.

Dita empresa presentou a documentación requirida para proceder a adxudicación, a cal foi examinada e valorada pola Mesa de Contratación, concluíndo que non quedaba acreditada a súa solvencia técnica e profesional. O 4 de novembro de 2022, tendo en conta a proposta motivada realizada pola Mesa de Contratación, a Xunta de Goberno Local excluíu do procedemento de licitación á empresa Osventos Innovación en Servizos S.L. por carecer da solvencia técnica e profesional necesaria para a execución do contrato, realizando unha nova clasificación das restantes licitadoras, resultando clasificada en primeiro lugar, a empresa Attende Care SL.

O 24 de novembro de 2022 o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Xunta de Galicia remitiulle ao Concello de Ames un recurso especial en materia de contratación, presentado pola mercantil Osventos Innovación en Servizos S.L. e solicitou a remisión do expediente e informe sobre o contido do recurso presentado.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "El tripartito excluyó sin llevar a pleno la oferta que lideraba la ayuda a domicilio"

Lindeiros: "Embrollo administrativo na licitación de Axuda ao Fogar de Ames"

AMS GO!: "Un pleno extraordinario de Ames desestima un recurso sobre a contratación do SAF"

Imaxe do pleno extraordinario do 29 de novembro de 2022

Multimedia

  • Imaxe do pleno extraordinario do 29 de novembro de 2022
  • Imaxe do pleno extraordinario do 29 de novembro de 2022
  • Imaxe do pleno extraordinario do 29 de novembro de 2022
  • Imaxe do pleno extraordinario do 29 de novembro de 2022