Pestanas principais

O prazo de inscrición para participar na décimo primeira edición do curso de monitor de tempo libre abre este martes 7 de xaneiro

Xoves, 02 de xaneiro de 2025

O Concello de Ames, a través do seu departamento de Xuventude, organiza unha nova edición do curso de monitor de tempo libre, dirixido a mozos e mozas maiores de 18 anos que queiran obter esta titulación. A formación terá unha duración de catro meses, desenvolvéndose entre os meses de febreiro e maio. As clases impartiranse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, en horario de 9.00 a 14.00 e de 15.30 a 20.30 horas os sábados e domingos. O prazo de inscrición abre este martes 7 e estará aberto ata o 24 de xaneiro. O prezo do curso é de 172 euros. Ofértanse un máximo de 25 prazas que se cubriran por orde de inscrición. Pódese descargar a ficha de inscrición na seguinte ligazón. A inscrición pode facerse de maneira presencial nos rexistros municipais a través da Sede Electrónica.

O Concello de Ames, a través do seu departamento de Mocidade, organiza de novo o curso de monitor de tempo libre, unha formación con moitas posibilidades cara o mundo laboral, na que se impartirán contidos de ramas moi amplas, como as dinámicas de grupo, a psicoloxía, a saúde ou educación ambiental, entre outras áreas.

Máis de 200 profesionais do tempo libre formados ao longo de 10 edicións
O Concello de Ames leva formado un total de 201 ao longo de 10 edicións, algo que pon de manifesto a demanda deste tipo de profesionais e o interese existente no concello, especialmente polos máis mozos e mozas, de obter unha titulación e comezar a traballar, en moitos casos por primeira vez.

A concelleira de Mocidade, Carmen Porto anima a participar neste cursos que “son unha excelente oportunidade para obter un título co que poder acceder ao mercado laboral por primeira vez ou certificar coñecementos no sector do tempo libre”.

Un total de 350 horas de formación
O curso ten unha duración total de catro meses, que abrangue desde o mes de febreiro ata maio, e consta de dúas partes, unha fase teórico-práctica de 200 horas e outra parte totalmente práctica dun total de 150 horas.

A parte teórico-práctica comezará o 15 de febreiro e constará de 40 horas en liña e outras 160 horas de clase presencial, que serán impartidas no Pazo da Peregrina en horario de 09.00 a 14.00 e de 15.30 a 20.30 horas durante as 8 fins de semana restantes. A asistencia é obrigatoria ao 80% das sesións impartidas neste bloque e, no caso de non facelo, o alumno/a perderá o seu dereito a ser avaliado. Por outra banda, para a obtención da cualificación nesta parte tamén se terán en conta parámetros como a actitude, implicación e interese na formación, a capacidade de reflexión, pensamento crítico e perspectiva educativa e o traballo personalizado e individual.

A segunda fase do curso terá unha duración de 150 horas de formación práctica e consta de dúas modalidades; unha de 14 días nunha actividade de tempo libre (campamentos, albergues, campos de traballo, etc.) ou en 150 horas de actividade periódica dentro dunha entidade ou asociación que traballo no sector do tempo libre. O alumnado dispón dun prazo de dous anos para poder realizar as prácticas tras completar a fase teórica. Así mesmo, o alumno/a contará cun titor/a de prácticas que avaliará posteriormente o traballo.

Tras a realización das prácticas, o alumado deberá presentar unha memoria de elaboración propia na que narre e sintetice todas as actividades realizadas neste período de proba (valoracións xerais e particulares, memoria fotográfica...). Unha vez que se superen as dúas fases da formación, o alumnado deberá solicitar o título oficial á Xunta de Galicia, previo pago das taxas de expedición.

Inscrición e pagamento
O curso ten un prezo de 172 euros e o prazo de inscrición comeza este martes 7 e estará aberto ata o 24 de xaneiro. O número de prazas ofertadas é limitado, cun mínimo de 15 participantes para a realización do curso ata un máximo de 25, e asignarase por rigorosa orde de inscrición no rexistro municipal. Pódese consultar as bases do curso na seguinte ligazón.

A mocidade interesada en realizar o curso deberán axuntar no rexistro municipal a ficha de inscrición cuberta, que se pode descargar na seguinte ligazón, fotocopia do DNI e fotocopia da titulación académica. A inscrición pode realizarse de maneira presencial nas oficinas de rexistro municipais ou a través de Sede Electrónica subindo toda a documentación pertinente. Así mesmo, aqueles que obteñan finalmente a praza, recibirán a través do correo electrónico a folla de autoliquidación para aboar o pagamento da formación.

Por outra parte, estarán exentos de pagar o curso un 10% de casos de emerxencia social declarados polo Concello de Ames, neste caso establécense 2 prazas do curso. Para máis información e dúbidas, pódese contactar co departamento de Xuventude no enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal.

O prazo de inscrición para participar na décimo primeira edición do curso de monitor de tempo libre abre este martes 7 de xaneiro

Multimedia

  • O prazo de inscrición para participar na décimo primeira edición do curso de monitor de tempo libre abre este martes 7 de xaneiro