[24-01-2019] Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, recibiu na Casa do Concello ao presidente da Deputación provincial da Coruña, Valentín González, que mantivo unha xuntanza co goberno municipal. De seguido, visitaron a senda peonil que se executou na estrada provincial DP 0205, que une a localidade de Bertamiráns con Agro do Muíño, onde hai unha urbanización de 150 vivendas e un colexio de infantil e primaria (entre os puntos quilométricos 0,780 e 1,830). A través desta actuación, para a que se dispuxo dunha achega da Deputación de 325.000 euros, mellorouse a seguridade peonil nesta zona pola que transitan moitas persoas. Con esta nova senda realizouse un circuíto para pasear ou correr que enlaza a pista da EDAR de Sisalde con este novo treito.
9,8 millóns de euros investidos en Ames
O presidente da Deputación, Valentín González, catalogou a visita como “moi satisfactoria por ver rematada unha obra que solicitou o goberno municipal de Ames, para garantir un maior nivel de seguridade viaria dos centos de rapaces e rapazas que acoden cada día ao CEIP Agro do Muíño, ademais dos miles de veciños e veciñas de Ames ao longo do ano que acaban pasando por unha das rutas máis utilizadas por parte dos camiñantes”.
Ademais, engadiu “creo que é unha boa política a de facilitar a práctica saudable e, sobre todo, é unha esixencia coa sociedade, que garantamos a seguridade viaria dos nosos rapaces e rapazas, co cal, é unha satisfacción nun concello onde imos duplicar a inversión nesta lexislatura con respecto da anterior. Deste xeito, remataremos a lexislatura con 9,8 millóns de euros investidos en Ames”.
Instalación dun carril para bicicletas
Na xuntanza mantida esta mañá entre o goberno municipal e mailo presidente da Deputación da Coruña solicitóuselle á Administración provincial o financiamento necesario para a instalación dun carril para bicicletas na devandita senda. Dende a Deputación responderon de xeito positivo, col cal vaise encargar a redacción dun proxecto, para, de seguido, poder licitalo e executalo. Asemade, vaise redactar o proxecto para dotar da correspondente iluminación á senda.
O rexedor municipal, José Miñones, agradeceu á Deputación e ao presidente por cumprir coa súa palabra, e que esta senda sexa xa unha realidade. “Este foi un proxecto que dende o goberno priorizamos dende o primeiro momento, presentándoo na Xunta de Galicia, para sufragalo cuns fondos europeos que ían destinados a eliminación do vehículo. Nese caso non obtivemos o financiamento necesario, pero si o conseguimos por parte da Deputación, o que permitiu executar esta senda tan necesaria”.
“É unha senda que vai ter unha utilización circular, que a xente, xunto coa paralela, xa está usando como área saudable”. É de agradecer que a Deputación siga mirando por polos concellos que non deixamos de medrar, e reiterar as grazas á presidencia e a Deputación por mirar por nós, cousa que non fan outras administracións”, rematou dicindo Miñones.
Neste visita participaron o alcalde de Ames, José Miñones, e mailo presidente da Deputación provincial da Coruña, Valentín González, que estiveron acompañados de varios concelleiros e concelleiras do goberno municipal. A través deste proxecto, sufragado pola Deputación da Coruña, construíuse unha senda peonil de 1,80 metros de ancho por 1,110 metros de lonxitude (990 metros pola marxe esquerda e 120 metros pola dereita) na estrada provincial DP 0205. Así uniuse os puntos quilométricos 0,780 e 1,830 que discorren entre A Condomiña e o Agro do Muíño, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria nesta estrada pola que transitan moitas persoas, reducindo o uso do coche e, polo tanto, tamén das emisións de CO2.
Coa execución desta nova senda peonil, moitas veciñas e veciños da urbanización do Agro do Muíño poderán desprazarse camiñando ata Bertamiráns. Ademais, as nais e pais terán máis facilidades para achegar, a pé, ás nenas e nenos que van ao CEIP Agro do Muíño. Esta obra enmarcouse dentro do plan provincial de sendas peonís de 2016 (terceira fase). Dito plan recolleu investimentos por importe de máis de 3,6 millóns de euros para a mellora da rede viaria provincial nos concellos coruñeses. A construción de dita senda peonil foi adxudicada polo importe de 325.000 euros.
Para a súa construción empregouse unha base de zahorra e pavimento de formigón. Incluíuse a canalización de pluviais e iluminación e a construción de seis muros de contención de bloque de granito, así como a colocación de nova sinalización horizontal. Para executar este proxecto non foi necesario facer expropiacións xa que dita senda discorre integramente por terreos expropiados no seu día pola propia Deputación.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "La senda que da acceso al colegio Agro do Muíño tendrá carril bici"
El Correo Gallego: "González Formoso presume de senda entre A Condomiña y Agro do Muíño"
Compostela 24 horas: "O presidente da Deputación da Coruña visita a senda peonil que discorre entre A Condomiña e Agro do Muíño"