Pestanas principais

O primeiro Festival Feminista de Arte Urbana e Contextual de Europa celebrarase do 9 ao 15 de decembro en Ames, Santiago e Teo

Martes, 03 de decembro de 2019

Esta mañá presentouse na Casa da Cultura do Milladoiro a programación do Delas Fest, o  primeiro Festival Feminista de Arte Urbana e Contextual de Europa organizado por 7H Cooperativa Cultural. Celebrarase do 9 ao 15 de decembro nos concellos de Ames, Santiago e Teo. Na rolda de prensa que tivo lugar na Casa da Cultura do Milladoiro contouse coa presencia da concelleira de Benestar Social, Luísa Feijoo, as coordinadoras do departamento de proxectos de 7H Cooperativa Cultural, Eva Agra e Clara R. Cordeiro, e persoal do Centro de Información á Muller do Concello de Ames.

Unha das coordinadoras do departamento de proxectos de 7H Cooperativa Cultural, Clara R. Cordeiro, declarou que “o festival é un pouco a sucesión do traballo feito en anos anteriores co proxecto educativo Elas tamén pintan no que fomos facendo ese traballo de análise e de investigación que agora ve o seu cume no proxecto do festival no que podemos permitirnos o luxo de convidar a moitas artistas de fora, aínda que tamén galegas, a convivir con nós durante unha semana na comarca de Compostela”.

Ademais Clara tamén explicou a importancia que ten para elas o feito de descentralizar  o festival: “para nós era tamén fundamental intentar descentralizar un pouco a actividade cultural do centro de Santiago, precisamente porque o Elas tamén pintan comezou como unha iniciativa en Santiago de Compostela á que acudiron en masa sobre todo mocidade de Teo e Ames, e por iso estamos moi contentas de que esta primeira edición poida contar coa colaboración destes dous concellos”.

Mentres que a outra coordinadora de proxectos de 7H Cooperativa Cultural, Eva Agra, recalcou que  “para nós o punto importante é que as artistas non só veñan a facer unha intervención mural senón que poidan interactuar con todas as persoas que se acheguen ou que vivan nestes concellos e que traballen incluso con colectivos que poidan ser afíns ás temáticas que imos a traballar: feminismo, diversidade, inclusión... parécenos importante que todo iso se plasme nos muros e se crea un ambiente de dialogo e de conversa no que poidamos compartir esas inquedanzas”.  

Xa para rematar a rolda, a concelleira de Benestar Social recalcou que “é unha experiencia novidosa onde podemos dar visibilidade  que as rúas tamén son nosas , que nos tamén temos moito que dicir na arte urbana, que as mulleres podemos e aí estamos” engadindo que  “convidamos á todas aquelas que se queiran sumar que participen e que lle demos un pulo á esta nova experiencia que esperemos que se poida repetir en anos vindeiros, que se extrapole a outras cidades galegas e incluso que poida ir máis alá das nosas fronteiras”.

Desta maneira, o “Delas Fest” conta cun  programa de actividades que combina intervencións artísticas, obradoiros de creación e faladoiros con profesionais do sector. Levarase a cabo grazas á colaboración da Deputación da Coruña, a Concellería de Benestar Social do Concello de Ames, a Concellería de Igualdade e Benestar do Concello de Teo e a Concellería de Cultura do Pazo de Raxoi. Ademais, conta co patrocinio de diversas empresas e entidades como son  Cuarto Pexigo, Pinturas PROA, Gadis, Fogar Natural, Infinita Viajes y Eventos, Dinamo Mensaxería e Publicidade en Bicicleta.

A programación do festival
Contarase coa participación de 7 artistas feministas, con diferentes disciplinas, sensibilidades e enfoques, que empregan o espazo público como soporte de expresión e ámbito de intervención política. Unha delas é a versátil e multifacética Btoy (Barcelona, 1977), unha artista contextual que utiliza dende carteis a colaxe e pintura plástica en obras nas que principalmente as protagonistas son mulleres. Estará tamén a fotógrafa e socia fundadora do Colectivo 4F Lorena Cosba (Huesca, 1979), interesada na fotografía experimental e na reutilización e intervención de obxecto encontrado a través das instalacións. A grafiteira e activista Vegan Bunnies (Perú-Catalunya), integrante do colectivo The Hate Lovers, que loita polo empoderamento da muller no sector; e o Dúo Amazonas, conformado polas artistas e activistas visuais Natalia Andreoli (Bos Aires, 1992) e Lina Castellanos (Bogotá, 1990) quen entenden o muralismo coma un exercicio de autoreflexión, diálogo e intercambio co territorio e as súas habitantes, integran o cartel de creadoras de recoñecido prestixio no panorama feminista da arte de rúa que deixarán a súa pegada en distintos espazos da comarca compostelá.
 
O programa de actividades do festival, comisariado pola historiadora da arte e especialista en xénero e creación contemporánea Clara Rodríguez Cordeiro (Ourense, 1983), está integrado por tres intervencións artísticas, que desenvolverán Btoy, Lorena Cosba e Dúo Amazonas, e dous obradoiros de creación. Un deles, de carácter especializado, destinarase a mulleres artistas doutros ámbitos creativos -coma a ilustración ou as artes plásticas- e será impartido por Vegan Bunnies, quen realizará unha aproximación á arte de guerrilla como ferramenta que democratiza a expresión e intervención no espazo público. O segundo taller, dirixido á mocidade da comarca interesada en iniciarse na arte urbana, desenvolverase baixo a dirección de 7H Cooperativa Cultural co obxectivo de facilitar referentes, ferramentas e técnicas creativas ás mulleres máis novas.

Como colofón, realizarase unha xornada de encontro interdisciplinar e interxeracional entre as artistas, as participantes dos obradoiros, as asociacións e colectivos implicados, mulleres profesionais, programadoras de festivais de arte urbana e entidades do sector así como toda persoa interesada na disciplina. Nela terán lugar dous faladoiros -un con Vegan Bunnies e outro con Lara Seixos- e unha mesa de experiencias, na que participarán Lupita Hard e Iria Fafián, ademais do resto de participantes no evento.

O festival conta cun comité de xénero
Co fin de garantir a rigorosidade da proposta artística do festival, dos procesos creativos xurdidos no mesmo e dispoñer da asesoría e apoio especializado, o festival conta cunha comisión de xénero integrada por Patricia Porto Paderne, educadora social e responsable da libraría feminista Lila de Lilith; Marián Mariño Costales, Técnica de Igualdade do Consello da Cultura Galega; Xoana Almar, muralista e socia da cooperativa Cestola na Cachola; e Eva Agra, ilustradora feminista, autora de Mulleres Bravas da nosa historia e socia de 7h Cooperativa Cultural. As catro colaboraron na conformación da proposta artística do festival a través da asesoría na selección de participantes, na elección de espazos a intervir e na implicación dos colectivos de cada municipio.

presentacion delas fest

Multimedia

  • presentacion delas fest
  • presentacion delas fest
  • presentacion delas fest
  • presentacion delas fest