Pestanas principais

O programa Apego de Ames presenta as súas actividades deste trimestre

Luns, 01 de marzo de 2021

O Concello de Ames presenta a súa programación infantil con Apego para pasar os vindeiros meses dándolle á lingua con  música, teatro, contos, arrolos, obradoiros e algunha viaxe. As actividades están pensadas para un público familiar e entre os seus obxectivos destacan contribuír á socialización en galego durante a infancia e achegar recursos que favorezan a crianza en galego e o achegamento ao mundo da cultura. Para asistir ás actividades do Servizo de Normalización Lingüística cómpre inscribirse previamente enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.  As entradas para os espectáculos do departamento de Cultura poden retirarse na billeteira do Concello de Ames.

O Concello de Ames retoma as actividades dirixidas ao público infantil que se inclúen no programa Apego, impulsado polo Departamento de Normalización Lingüística. A programación abrangue os meses de marzo, abril e maio e a oferta nestre trimestre é moi variada, dende concertos e obradoiros ata excursións.

A primeira actividade que se realizará será o obradoiro de cantos de berce “Arrolos de salitre”, dirixida por Guillerme Fernández e Faia Díaz. Esta sesión, que se realizará o xoves 11 de marzo, ás 18:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, está dirixida a familias con crianzas de ata 2 anos ou que estean a esperar un bebé. Pais e nais aprenderán  melodías para arrolar as crianzas con lingua, música e moito apego.

O venres 18 de marzo organízase o “Obradoiro de xogos musicais e debuxo rítmico”, dirixido por Mirari Urruzola, de Babaluva Teatro. Ás 18:00 h, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, impartirase esta sesión, dirixida a nenos e nenas de 2 a 4 anos, que mestura xogos, música , baile e debuxo para gozar en familia ao tempo que se fomentan o ritmo e a expresión corporal, artística e lingüística.

Rockeando con Ramona
Un concerto infantil inaugura as actividades do mes de abril. Pakolas é o encargado do “Rockeando con Ramona”, un concerto cheo de humor no que coñeceremos as aventuras de Ramona Órbita e a súa máquina do tempo e co que aprenderemos, cantaremos e gozaremos a ritmo rockeiro. Celebrarase o venres 9, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

O sábado 17 de abril o programa Apego ten prevista unha excursión a Carballolandia, na Ribeira Sacra. A viaxe comezará ás 10.00 horas e a hora da volta é ás 20.00 horas. Será unha xornada no eco-espazo de Carballolandia, na que nos achegaremos ao mundo das árbores autóctonas, da contorna fluvial e dos seres mitolóxicos galegos nun espazo pensado para o divertimento, o lecer e a convivencia.

A programación continúa o martes 20 de abril con Bea Campos, que organiza o obradoiro “Cantar, contar e xogar”. Trátase dunha sesión amena e divertida, con música en directo, no que a xente grande e pequena aprenderá e gozará cos contos, cos xogos, coa música e coa tradición oral ao tempo que coñecen e comparten materiais e recursos para criar en galego. Celebrarase ás 18:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro e está dirixida a nenos e nenas de ata 6 anos de idade.

Marta Ortiz dirixe a sesión “Canta, Buguina, canta!”, unha actividade que mestura teatro, contos, poesía e música para explorar os sentidos, xogar coas palabras, debuxar ideas e transitar emocións. A buguina faranos soñar con viaxes en barquiños de pau nas que poderemos explorar mundos sorprendentes. Terá lugar o venres, 30 de abril, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Foliada con Apego
En maio celebrarase a Foliada con Apego, unha actividade ao aire libre chea de música para compartir, cantar, bailar, aprender cancións galegas e, sobre todo, pasalo ben. Será o venres 7, ás 18.00 horas, no patio do Pazo da Peregrina de Bertamiráns.

Por último, o venres 28 de maio poderemos gozar de “Punkdemia”, de Peter Punk. Trátase dun espectáculo de circo, clown e malabares cheo de sorrisos e gargalladas no que o doutor Punkdemia nos amosará a súa particular visión da pandemia. Empregará malabares con coronavirus, a vacina da risa ou a cadeira Corentrona para facernos rir e esquecer o medo mentres nos lembra a importancia de coidarnos. Esta actividade realizarase na Casa da Cultura do Milladoiro ás 18.00 horas.

Ademais, o sábado 19 de xuño vaise celebrar a II Festa do Apego no Pazo da Peregrina. Será unha xornada chea de actividades e recursos para gozar en familia e para favorecer a socialización e a crianza en galego. Elaborarase unha programación específica que se publicará na páxina web do Concello.

Inscrición nas actividades de Apego
Todas as actividades do programa Apego son de balde e precisan de inscrición previa que se debe realizar enviando un email á dirección normalizacion@concellodeames.gal. Cada obradoiro ten un prazo de inscrición específico detallado no folleto da programación.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Apego achega ós máis cativos a danza, os arrolos, a música e ata a natureza"

Programación Apego.

Multimedia

  • Programación Apego.