Pestanas principais

O programa Apego estrea o mes de setembro con xogos e música nas “Brincadeiras miúdas” o mércores 4 e o xoves 5

Martes, 03 de setembro de 2024

Ao abeiro do programa Apego, a Concellaría de Normalización Lingüística pon en marcha un ano máis as Brincadeiras Miúdas, dúas xornadas de xogos tradicionais, música, obradoiros e creación libre de xoguetes que se desenvolverán o mércores 4 de setembro no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, e o xoves 5 na Carballeira de Ventín, detrás do colexio de Ventín. As brincadeiras comezarán cun concerto participativo de Cé Orquestra Pantasma e continuarán con xogos tradicionais, xogo libre e desestruturado e un espazo para a creación libre de xoguetes con materiais naturais. A actividade diríxese ao público familiar. As dúas xornadas, que son de balde e sen inscrición previa, celebraranse de 18:00 a 20.00 horas. A programación ao completo pode consultarse premendo nesta ligazón.

O programa Apego abre setembro presentando a programación para os vindeiros meses, unha proposta que inclúe xogos, contos, obradoiros, música, cinema, teatro, maxia... pensada para favorecer a transmisión da lingua e para achegarlles recursos ás familias para unha crianza en galego, positiva e creativa.

O programa abre esta semana cun clásico xa no noso concello, as Brincadeiras Miúdas,  dúas tardes de música, xogo e divertimento  dinamizadas e dirixidas por Cé Orquestra Pantasma, un músico e mestre xogueteiro especializado en animación infantil, no fomento do xogo libre e en achegar as crianzas á natureza. Esta actividade ten como obxectivos fomentar a creatividade e a autonomía das crianzas e demostrar que a natureza pode ser a mellor e máis divertida feira xogueteira.

Nesta ocasión, as Brincadeiras Miúdas celebraranse o mércores 4 de setembro no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, e mailo xoves 5 de setembro na Carballeira de Ventín, detrás do colexio de Ventín. Serán ás 18:00 horas, de balde e sen inscrición previa. Non hai límite de prazas e o acceso é libre a todas as familias que queiran participar. A programación infantil con Apego de outono de 2024 pode consultarse ao completo premendo nesta ligazón.

As brincadeiras comezarán cun concerto participativo de Cé Orquestra Pantasma e continuarán con xogos tradicionais, xogo libre e desestruturado e un espazo para a creación libre de xoguetes con materiais naturais. Con estas xornadas preténdese compartir tempo de lecer e diversión en galego e  fomentar o xogo sen instrucións nin sobreestímulos. As crianzas xogarán libremente e ao seu ritmo, adaptándose ás súas propias necesidades e guiándose pola súa propia imaxinación.

O programa Apego: actividades, formación e recursos para as familias
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.

As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "As Brincadeiras Miúdas do programa Apego traen xogos e a Cé Orquestra este mércores e tamén o xoves a Ames"

O programa Apego estrea o mes de setembro con xogos e música nas “Brincadeiras miúdas” o mércores 4 e o xoves 5

Multimedia

  • O programa Apego estrea o mes de setembro con xogos e música nas “Brincadeiras miúdas” o mércores 4 e o xoves 5