Pestanas principais

O programa Apego segue con cantos, contos, xogos e música para as crianzas máis pequenas

Martes, 16 de novembro de 2021

Hoxe abre o prazo de inscrición para participar en Casa, casiña, casona de Marta Ortiz. O programa Apego presenta este mes de novembro un espectáculo baseado no asombro e na transmisión do amor a través da palabra, dos primeiros cantos, xogos, trabalinguas, arrolos ou poemas. A actividade terá lugar o mércores 24 de novembro en dúas sesións, ás 17:00 e ás 18:00 horas, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. As persoas interesadas en asistir poden anotarse enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen.

A artista e contadora Marta Ortiz proponnos ir de viaxe; visitar casas grandes, casas que caben na man, casas-zapato, casas de fío, casas-maleta. Unha viaxe pensada para sorprender ás crianzas de 0 a 6 anos e para darlle recursos a nais e pais para enchelos de amor a través de poemas, arrolos e cantos. Esta fermosa viaxe terá lugar o mércores 24 de novembro ás 18:00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Dada a alta demanda que está tendo esta actividade, abriuse unha segunda sesión para as 17.00 h.

A actividade é de balde e as persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe ao martes 23 de novembro.

O programa Apego, actividades, formación e recursos para familias
O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia que apoia as familias con actividades, formación e recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario "Súmate ao Apego" na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.

 

O programa Apego segue con cantos, contos, xogos e música para as crianzas máis pequenas

Multimedia

  • O programa Apego segue con cantos, contos, xogos e música para as crianzas máis pequenas