Pestanas principais

O programa Cultura de Bar segue espertando o interese da veciñanza amiense

Martes, 19 de xuño de 2012

[19-06-2012] O programa Cultura de Bar segue espertando o interese da veciñanza amiense. Durante a segunda xornada deste programa arredor de 100 persoas achegáronse ata o Ferrenquín e o Alborada, ambos situados en Bertamiráns, para ver as actuacións de Celso Sanmartín e do Mago Romarís, respectivamente. As inclemencias meteorolóxicas impediron que se desenvolvera a actuación do músico irlandés, Paul Black, que estaba programada nos establecementos O Pilón e Manhattan, situados no Milladoiro. Estaba previsto que esta actuación se desenvolvese no exterior destes establecementos para animar a sardiñada que ían realizar, pero a choiva obrigou a suspender a devandita actuación.

Actuacións previstas para este venres

Deste xeito, o programa continuará este venres, 22 de xuño, tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. En Bertamiráns o programa de actuacións comeza ás 21:30 h na cafetería New York coa actuación do cantante satírico e humorista Víctor Grande. Nesta mesma localidade, ás 22:30 h, no Koptel estará o contador de historias Pepo Suevos. Por outra banda, no Milladoiro, haberá dúas actuacións. Ás 21:30 h, actuará o cantautor en galego Miguel Alonso en IL Ritrovo, mentres que ás 22:30 h estará Loli Nogueira no Café-Bar Galway.

Dende a Concellaría de Promoción Económica estase preparando unha actividade sorpresa como peche da campaña Cultura de Bar para o próximo venres 29 de xuño. No programa participan 8 locais de Bertamiráns (Ferlós, New York, Ferrenquín, Meigas, Alborada, Koptel, Marcos e A Charca) e outros 8 do Milladoiro (O Pilón, Manhattan, Galway, 89, A Xunta do Medio, Premium, IL Ritrovo, Babia).

Coa intención de facer máis atractivo o programa de Cultura de Bar os establecementos hostaleiros que participan nesta iniciativa estableceron a denominada “Tarifa plana 1€”, que consiste en que estes locais ofrecerán unha variedade de cada un dos produtos (auga, infusión, café, caña/clara e viño) ao prezo de 1 euro. A marca da bebida servida baixo esta tarifa especial será elixida por cada establecemento e será aplicada durante todos os días que se desenvolva o programa Cultura de Bar.


En Bertamiráns a climatoloxía non impediu o bo desenvolvemento do programa previsto xa que as actuacións se celebraron no interior dos locais. Así o bar Ferrenquín acolleu a actuación do contador de historias, Celso Sanmartín, que como é habitual nel conseguiu facer rir a esgalla a todas as persoas que se achegaron ata este establecemento. Calcúlase que arredor de 40 persoas presenciaron esta actuación, mentres que no Alborada estiveron arredor de 60 persoas para ver o espectáculo do Mago Romarís. Neste establecemento houbo un público moi diverso xa que un bo número de nenos e nenas presenciaron este espectáculo de maxia.

A xerencia do Ferrenquín e do Alborada mostraron a súa satisfacción por esta iniciativa e por como se desenvolveron as actividades nos seus respectivos locais ademais de pola clientela nova que se achegou ata os mesmos. Por outro lado, manifestaron o seu desexo de participar en futuras edicións do programa Cultura de Bar.

Por outra banda, debido as inclemencias meteorolóxicas houbo que suspender a actuación de Paul Black, que ían acoller de forma conxunta os establecementos O Pilón e Manhattan, situados no Milladoiro. Debido ao reducido tamaño destes locais estaba previsto que este concerto se desenvolvese ao aire libre para animar a sardiñada organizada polos propietarios destes establecementos hostaleiros, pero a choiva obrigou a suspender a devandita actuación. A concellaría de Promoción económica está pendente de chegar a un acordo con ambos os dous establecementos para trasladar esta actuación a outra data do mes de xuño ou de comezos de xullo.

O programa, chamado Cultura de Bar, que conta co apoio económico da Deputación da Coruña, celebrarase durante os catro venres do mes de xuño. Este programa recolle diferentes actividades culturais como contos de tradición oral, actuacións musicais e de maxia, humor, monólogos, etc.