Pestanas principais

O programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión 2019-2020 xa alcanza o 38% de inserción laboral

Martes, 25 de agosto de 2020

Os Concellos de Ames e Brión están levando a cabo o programa integrado de emprego Ames e Brión 2019-2020, cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Nesta edición, participan 100 persoas desempregadas menores de 30 anos e persoas desempregadas maiores de 45 anos. O programa parte cun obxectivo de inserción do 40% sobre o total das persoas participantes. Aínda que nesta edición a Administración vai rebaixar os obxectivos marcados, neste momento do programa acadouse xa o 38% de insercións no mercado laboral a pesar da paralización da actividade que supuxo a crise sanitaria derivada da Covid-19. Na actualidade, o alumnado de dito programa está recibindo formación presencial, despois de varias semanas recibindo teleformación.

Continúa o traballo no programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e cofinanciado polos Concellos de Ames e Brión, no que están a participar 100 persoas desempregadas de ambos concellos, pertencentes a dous grupos de idade menores de 30 anos e maiores de 45 anos.

O programa comezou a desenvolverse o pasado 21 de outubro de 2019 e a súa data de finalización está prevista para o 31 de xaneiro 2021, prazo que se veu ampliado polo tempo que durou o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria provocada pola Covid-19. Dito prazo ampliouse co obxectivo de poder realizar todas as accións pendentes dirixidas á inserción laboral das persoas participantes.

Para continuar coa actividade durante o estado de alarma contratouse o servizo de subministración dunha plataforma de teleformación, a través da cal se impartiron cursos formativos para o alumnado e formación ao persoal do proxecto. Na actualidade, o alumando do programa integrado retomou a formación presencial participando en diferentes cursos formativos.

Inserción laboral
O obxectivo principal do programa é a inserción laboral dos participantes ou, cando menos, mellorar a súa empregabilidade, a través da realización de diversos tipos de accións (titorías individuais, formación, prácticas...) e adaptando o seu “itinerario” en función dos perfís individuais e as súas expectativas.

O programa parte cun obxectivo de inserción do 40% sobre o total das persoas participantes. Aínda que nesta edición a Administración vai rebaixar os obxectivos marcados, neste momento do programa acadouse xa o 38% de insercións no mercado laboral a pesar da paralización da actividade que supuxo a crise sanitaria. Deste xeito, agárdase mellorar esta cifra, xa que en anos anteriores chegouse a superarse o 60% de insercións. Este ano dependerá moito da evolución da pandemia e o mercado laboral.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, explica que “para os Concello de Ames e Brión é prioritario desenvolver políticas activas de emprego e en concreto os programas integrados de emprego como o que se está realizando dende o pasado mes de outubro en colaboración coa Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Xunta de Galicia. Este programa leva anos funcionando con moito éxito nos concellos de Ames e Brión e xa acadamos un 38% de insercións laborais, unha cifra que esperamos mellorar ata o vindeiro mes de xaneiro”.

Prácticas non laborais en empresas
O programa aposta fortemente pola realización de prácticas non laborais en empresas como unha das medidas con mellores resultados para a inserción laboral. Así, durante este mes de agosto 11 participantes están desenvolvendo a súa actividade de prácticas froito da sinatura de 6 convenios de colaboración para a realización de prácticas dos cursos de “Operacións básicas de comercio” e “Xestión de operacións de almacén” en diferentes empresas da comarca pertencentes a distintos sectores de actividade como son o comercio (deporte, ferretería, decoración...), supermercados e hipermercados, así como a loxística e distribución. A partir do mes de setembro será a quenda de prácticas para as outras 8 persoas participantes nestes dous itinerarios.

Certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria
Por outra banda, cómpre salientar que a finais do mes de xullo deu comezo a formación do certificado de profesionalidade de “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais”, que se imparte en modalidade de teleformación, coas sesións presenciais que marca a normativa, no que están a participar 10 persoas. Este certificado habilitaraos para traballar en centros de día, residencias de maiores, etc., un dos sectores con máis demanda de emprego na situación actual que estamos a vivir. Ao remate da parte formativa realizarán as prácticas correspondentes.

Próxima actividade
Este luns 24 de agosto rematou o prazo para presentar ofertas para impartir a formación presencial do programa a través da Plataforma de contratación do Estado. Deste xeito, durante os próximos meses levarase a cabo a formación presencial prevista que quedara pendente, tanto de carácter transversal (inglés, alfabetización informática, gamificación, marca persoal, manexo de maquinaria, etc.) como a formación para o emprego de carácter sectorial, a través de itinerarios formativos: itinerario de actividades de ocio e tempo libre (monitor de actividades de tempo libre, monitor de comedor e transporte escolar, etc.); itinerario de servizos (limpeza de edificios e locais e arranxo de habitacións en hoteis) con especial fincapé na prevención, protección, limpeza e desinfección contra a Covid-19.

Os Concellos de Ames e Brión seguen a apostar polos programas integrados de emprego e teñen solicitado xa a seguinte edición 2020-2021, que estaría dirixida a 100 mulleres desempregadas de ambos concellos e para o que solicitaron unha axuda de 213.599,74 euros á Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Deste xeito, a concelleira de Promoción Económica incidiu en que “estamos esperanzados en poder continuar ofrecendo este programa no período 2020-2021, polo que xa se fixo a correspondente solicitude ante á Consellería de Economía, Emprego e Industria para poder contar co financiamento necesario para poder poñer en marcha un novo programa integrado de emprego dirixido a 100 mulleres desempregadas de ambos concellos”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El plan de empleo Inser Ames-Brión prevé superar el 40 % de inserción para enero"

El Correo Gallego: "Chollazo con InserAmes-Brión: trabajo para el 40 % de alumnos"

La Voz de Galicia: "El plan Inser Ames-Brión bajó más de un 20 % la inserción laboral debido al coronavirus"

Imaxe do alumnado do programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión

Multimedia

  • Imaxe do alumnado do programa integrado de emprego dos Concellos de Ames e Brión