Pestanas principais

O programa integrado para o emprego “InserAmes - Brión VIII” alcanzou un nivel de inserción que se achega ao 50%

Martes, 26 de xullo de 2016

[26-07-2016] O programa integrado para o emprego InserAmes-Brión VIII, que desenvolven conxuntamente os Concellos de Ames e Brión, está rematando as súas actividades, iniciadas no pasado mes de setembro de 2015, e que finalizarán o vindeiro 31 de agosto. Ao longo destes meses estase atendendo a un total de 80 participantes de ambos concellos, menores de 30 anos, desempregados e con cualificación máxima de bacharelato. Nesta edición alcanzouse un nivel de inserción que se achega ao 50%. Deste xeito, superouse o obxectivo de inserción inicial establecido no 40%.

O obxectivo principal deste programa é a inserción laboral dos participantes ou, cando menos, mellorar a súa empregabilidade, a través da realización de diverso tipo de accións, adaptando o seu “itinerario” en función do seu perfil individual e as súas expectativas. O programa partiu cun obxectivo de inserción do 40% sobre o total dos participantes. Dito obxectivo xa se cumpriu dous meses antes da finalización, estando superado neste momento. A falta de algo más dun mes, e tendo en conta tódalas contratacións, a inserción ronda o 50%.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, explica que “estas cifras amosan o potencial do programa como ferramenta para axudar a atopar traballo aos participantes no mesmo, cunha combinación de actividades que se amosan como efectivas no seu itinerario personalizado de inserción. O deseño individualizado do itinerario de cada alumno e o seguimento e adaptación permanente fan que se incrementen considerablemente as posibilidades de atopar emprego”.

As actividades que se levaron a cabo durante estes meses foron titorías individuais co obxectivo de asesorar aos usuarios/as na procura de emprego; formación transversal (inglés, informática, comunicación e habilidades sociais, competencias clave...); formación para o emprego (elaboración do CV, entrevistas de traballo e procesos de selección, marca persoal e redes sociais para a procura de emprego...); formación homologada (manipulador de alimentos, PRL, carretilla elevadora, plataforma elevadora); e formación específica (operacións auxiliares de almacén, operacións auxiliares de comercio, técnicas básicas de produción téxtil, actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, operacións básicas de pisos en aloxamentos, limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais).

Ademais, os participantes neste programa tiveron prácticas non laborais en empresas e centros de traballo como complemento dos cursos de formación específica. Tamén asistiron a sesións de autoemprego (asesoramento e formación para o autoemprego); asemade, leváronse a cabo por parte dos técnicos do programa tarefas de prospección de empresas, para detectar sectores e empresas con potenciais necesidades de contratación de perfiles profesionais incluídos entre os participantes do programa; e de intermediación laboral, entre as empresas e os participantes.

Próxima edición do InserAmes-Brión
O próximo 1 de setembro dará comezo unha nova edición do InserAmes-Brión, con novos participantes. Nesta ocasión atenderase a 60 alumnos dos concellos de Ames e Brión, menores de 30 anos. Para participar neste programa é requisito necesario estar dado de alta como demandante na oficina de emprego correspondente e indicar o interese en participar en “programas experimentais”. Para poder ser preseleccionado pola oficina de emprego, os/as interesados/as, deben acudir o antes posible a actualizar a súa demanda de emprego, no caso de que non teñan marcado na mesma “programas experimentais”.

O programa integrado InserAmes-Brión IX desenvolverase durante 12 meses, dende o 1 de setembro ata o 31 de agosto de 2017. Durante ese período, levaranse a cabo diversos tipos de accións, como as detalladas anteriormente relativas á edición actual. Nesta edición haberá de novo formación específica relativa a sectores con demanda na nosa contorna: hostalería, comercio, almacén, limpeza, etc. Ademais, impartirase formación que incorporará prácticas non laborais nas empresas, xa que, combinada co resto de actividades levadas a cabo, esta é unha das que ofrece mellores resultados de inserción laboral posterior.

Os Concellos de Ames e Brión seguen apostando polos programas integrados de emprego, como fórmula para conseguir a inserción laboral de colectivos con especiais dificultades de inserción, dado os resultados conseguidos nas edicións realizadas. E especialmente no colectivo de menores de 30 anos, tan castigado polo desemprego nos últimos anos.